0 Gardados para despois

As denuncias por violencia de xénero acadaron o seu máximo histórico en 2017

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


Houbo moitas persoas ás que sorprendeu enormemente a masiva resposta das mulleres á convocatoria feminista do pasado 8 de marzo. Porén, á vista dalgúns indicadores -e da realidade que viven moitas persoas- as razóns da mobilización e do desexo de cambio fanse máis evidentes. No ano 2017 as denuncias por violencia de xénero presentadas nos xulgados galegos acadaron un máximo histórico, sumando 6.436, un 13% máis que no ano 2016. A cifra sitúase por riba do dato de 2009, que ata agora era o máis alto dende a aprobación da Lei Orgánica de Medidas de Protección Integral contra a Violencia de Xénero, en 2004. O número de denuncias presentadas reducírase ao longo da crise económica (un factor que ten sido sinalado en moitas ocasións como determinante á hora de facer pública unha situación de malos tratos). Porén, dende o ano 2012 non deixa de aumentar, roldando na actualidade as 18 denuncias diarias en Galicia.

2017 pechouse con 6 mulleres mortas en Galicia polo feito de ser mulleres e ao redor de cinco mil denuncias por un delito de malos tratos, ás que se suman case mil máis por quebrantamento de medidas de protección e afastamento e quebrantamento de penas.

2017 tamén rexistrou senllos máximos anuais no que respecta ao número de ordes de protección ás vítimas solicitadas (1.928) e adoptadas (1.284), neste caso cun incremento aproximado dun 38% con respecto ao 2016.

2017 tamén rexistrou un máximo anual no número de ordes de protección ás vítimas, cun incremento aproximado dun 38% con respecto ao 2016

En xaneiro Rosalina Carrera Cotado foi nomeada fiscal delegada de Violencia sobre a Muller en Galicia, convertendose na cuarta comunidade que conta cunha fiscalía autonómica especializada en violencia machista, xunto con Andalucía, Cataluña e Castela e León. O obxectivo buscado era "fortalecer a loita contra a violencia machista e dar unha resposta eficaz, avanzando na protección das vítimas, a reparación do dano e a seguridade xurídica dos procedementos xudiciais". O fiscal superior de Galicia, Fernando Suanzes, salientaba daquela que tanto no ano 2016 como no 2017 se rexistrara "un apreciable incremento" das cifras relacionadas con violencia de xénero

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.