0 Gardados para despois

Galicia contará cunha Fiscalía especializada en violencia machista

Redacción | @prazapublica

Rosalina Carrera Cotado vén de ser nomeada fiscal delegada de Violencia sobre a Muller en Galicia, que se converte na cuarta comunidade que conta cunha fiscalía autonómica especializada en violencia machista, xunto con Andalucía, Cataluña e Castela e León. O nomeamento foi realizado polo fiscal xeral do Estado, Julián Sánchez Melgar, a proposta da Unidade Especializada de Violencia sobre a Muller e da Fiscalía Superior de Galicia.

O obxectivo é "fortalecer a loita contra a violencia machista e dar unha resposta eficaz, avanzando na protección das vítimas, a reparación do dano e a seguridade xurídica dos procedementos xudiciais"

Carrera Cotado pertence á Fiscalía Provincial de Pontevedra, onde dende o ano 2012 xa exercía como delegada da mesma especialidade no ámbito da provincia, á fronte da Sección de Violencia sobre a Muller. Terá como funcións a supervisión e coordinación dos fiscais especialistas en violencia de xénero que traballan en Galicia e, á súa vez, servir de enlace coa Fiscalía de Sala dependente da Fiscalía Xeral do Estado. Tamén desempeñará funcións de representación, por delegación do fiscal superior de Galicia, nos foros institucionais relacionados coa especialidade, coma o Observatorio contra a Violencia Doméstica e de Xénero, no que xa ten participado como fiscal provincial.

O obxectivo, segundo a Fiscalía Superior de Galicia, é "fortalecer a loita contra a violencia machista e dar unha resposta eficaz a este tipo de delincuencia, mantendo a necesaria unidade de actuación do Ministerio Público, avanzando na protección das vítimas, a reparación do dano e a seguridade xurídica dos procedementos xudiciais". A creación dunha Fiscalía especializada en violencia machista é unha demanda que nos últimos anos se vén lanzando dende entidades sociais, o movemento feminista e os partidos da oposición

O fiscal superior de Galicia, Fernando Suanzes, salienta que tanto no ano 2016 como no 2017 se rexistrou "un apreciable incremento" das cifras relacionadas con violencia de xénero. En 2016 incoáronse 6.805 procedementos nos tribunais, un 10% máis que en 2015, e formuláronse 5.683 denuncias por violencia de xénero, cun incremento do 9% respecto ao ano anterior, así como 1.700 ordes de protección solicitadas, o que supón un aumento do 8%. No 2017, á espera das cifras definitivas, nos nove primeiros meses a cifra total de denuncias achegouse ás 5.000, cun aumento do 18,4% respecto a igual período do ano anterior, mentres que a cifra de ordes de protección solicitadas aumentou nun 14,4%. O número de denuncias vén incrementándose de forma sostida dende o ano 2012, pero o aumento rexistrado nos últimos dous anos en Galicia é especialmente rechamante, acadando practicamente 600 por mes, case 20 por día.

No último ano as denuncias por violencia de xénero incrementáronse un 18% e a cifra leva en ascenso dende o ano 2012

No seu nomeamento, o fiscal xeral do Estado destacou a “acreditada cualificación e relevante capacidade profesional e técnica” de Rosalina Carrera, así coma a súa contrastada experiencia na materia. Con praza dende o ano 1991, foi fiscal especialista na sección de Menores dende o ano 2000 ata xullo de 2012, data na que pasou a encargarse da delegación provincial de Violencia contra a Muller.

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

Un neno de 6 anos da Coruña avisou a Policía de que a ex-parella da súa nai "ía matala"

"Van matar a miña nai!". Na madrugada do pasado domingo (ao redor das 5.50 horas) un neno de seis anos chamou ao 092 e alertou á Policía Local da Coruña de que a ex-parella da súa nai estaba a agredila. O home, de 31 anos de idade, tiña unha orde de afastamento e ameazou con matar a muller e aos seus dous fillos, o rapaz de seis anos que avisou á policía e outro de poucos meses.

A policía arrestou o home, que tiña orde de afastamento, e que lle deu á muller un forte golpe na cara

Os axentes dirixíronse de inmediato ao domicilio, situado no barrio de Labañou, onde arrestaron o home, que lle dera á muller unha forte labazada na cara, provocándolle un grande hematoma. Os policías atoparon o neno que denunciara a situación dándolle o biberón ao seu irmán. O atacante pasou a disposición xudicial por agresión e ameazas, por quebrantar a orde de afastamento e violación de morada.