0 Gardados para despois

A folga na Xustiza en Galicia aumentou un 14% os asuntos en trámite e baixou un 41% os resoltos

Miguel PardoMiguel Pardo | @depunteirolo


Os efectos da folga do persoal da Administración da Xustiza en Galicia, que comezou en febreiro e rematou hai tan só dúas semanas logo de 114 días, comezan a plasmarse nas estatísticas. O informe publicado este mércores polo Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX) revela que os asuntos en trámite durante o primeiro trimestre deste ano aumentaron un 14,4% respecto ao mesmo trimestre do pasado ano, mentres que as sentenzas ditadas diminuíron en máis dun 31% no mesmo período. 

Os asuntos en trámite no primeiro trimestre aumentaron un 14,4% nun ano; as sentenzas ditadas diminuíron en máis dun 30%

Son só algúns dos datos que revelan o impacto real dun paro que foi secundado masivamente entre o persoal até as últimas semanas, onde o seguimento descendeu considerablemente, malia a diferenza entre as cifras que daban os sindicatos e a Xunta, que reducía o apoio ao mínimo. A folga comezou o 7 de febreiro pero, aínda así, os efectos nese primeiro trimestre foro importantes. Mentres que ao final do primeiro trimestre de 2017 os asuntos en trámite eran de algo menos de 119.000, un ano despois a cifra incrementouse en máis de 17.000 até alcanzar practicamente os 136.000, uns 520 de media por órgano xudicial, fronte aos 462 de hai doce meses. 

En canto aos asuntos ingresados, o número no primeiro trimestre de 2018 en Galicia foi de 59.667, o que supón unha diminución do 28,1% con respecto ao mesmo período do ano pasado (82.931 e uns 23.000 menos). Ademais, entre o 1 de xaneiro ao 31 de marzo resolvéronse 51.042 casos, o que supón unha baixada do 41,2%, fronte aos 86.809 de hai un ano, uns 35.000 menos. 

Do mesmo xeito, ao final deste trimestre quedaron 56.889 escritos pendentes de prover, 33.008 deles con máis de 30 días de antigüidade. Á marxe dos asuntos non repartidos, había 19.320 asuntos pendentes de incoar, 10.397 civís. Por outra banda, os sinalamentos celebrados reducíronse un 40,5% con respecto ao primeiro trimestre de 2017.

A taxa de litixiosidade en Galicia situouse nos 22,1 asuntos por 1.000 habitantes, a máis baixa do Estado por mor da folga

De debullarmos máis os datos, comparándoos cos de hai un ano, o descenso de trámites foi evidente. Respecto á resolución de autos, pasouse dos 37.097 dos tres primeiros meses de 2017 aos 21.114 do deste ano, o que supón unha baixar dunha media de 144 por órgano xudicial a uns 81. O descenso é semellante en canto aos decretos (dos 23.398 aos 12.447) ou no que ten que ver coas sentenzas: resolvéronse nos inicios deste ano 16.510 (unha media de 63 por órgano) fronte ás 24.131 (94 por órgano) do mesmo período do exercicio pasado, unhas 8.000 menos. 

Por mor de todos estes datos e a redución de actividade, a taxa de litixiosidade en Galicia situouse no 22,1, a máis baixa do conxunto do Estado no primeiro trimestre de 2018, que foi de 32,2 asuntos por cada mil habitantes. Así o destaca tamén o propio CXPX, que destaca a cira "excepcionalmente baixa" e que "obedece á folga dos funcionarios da Administración de Xustiza, que tivo como efecto unha diminución do 28,1% no número de asuntos ingresados". 

 

"Colapso total" e sen vacacións

Por outra banda, o sindicato Alternativas na Xustiza-CUT denunciou o colapso no Xulgado do Penal número 2 de Ferrol e asegura que o non nomeamento dun funcionario interino e os atrasos provocados pola folga provoca que agora lles sexan denegadas as vacacacións aos traballadores. 

A central denuncia a "discriminación" que sofre este xulgado "respecto non só doutros da cidade, senón do resto de penais de Galicia e do Estado" e que, aseguran, "vese agora agavada pola negativa da Xunta a nomear funcionario interino para cubrir unha praza" ata provocar o "absoluto colapso".

A CUT denuncia que o Xulgado do Penal número 2 de Ferrol traballa con menos xente da debida e que non se cubre unha praza

A CUT lembra que o devandito xulgado entrou en funcionamento o día 30 de decembro de 2004 e que o cadro de persoal orgánico que lle corresponde, segundo a lexislación, son dous xestores procesuais, catro tramitadores e dous auxilios. Segundo denuncia a central, "desde o primeiro día funciona con dous funcionarios menos" sen que se tivesen nomeados interninos nin reforzos para "suplir o déficit". 

Ante todos os problemas, o sindicato esixe o "nomeamento inmediato" dun funcionario internino para este xulgado que "permita sacar o traballo acumulado como consecuencia da folga e cubrir o cadro de persoal xa minorado ilegalmente" para que, tamén, "se permita coller vacacións aos traballadores". 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.