A Rede de Mulleres Contra os Malos Tratos leva 20 anos traballando en Vigo na prevención e asistencia ás mulleres que sofren agresións machistas así como na formación e información sobre xénero. Un traballo sobre o terreo, recibíndoas e acompañándoas no proceso de denuncia e nas posteriores etapas xudiciais. A entidade, sen ánimo de lucro, parte da autoorganización das mulleres, formouse a nivel veciñal ata constituíu unha rede e na actualidade conta coa colaboración do Concello de Vigo.
O pasado ano levou a cabo un milleiro de intervencións e recibiu un total de 227 novos casos de violencia de xénero, a metade con mulleres entre 18 e 40 anos. O 40% contaba con estudos primarios e outro 25% con estudos medios. Apenas un 37% tiña un emprego remunerado. Falamos coa súa coordinadora, Raquel Doval.
"O máis importante é o feito de acompañalas, que elas non se sentan soas, que poidan contar cun apoio horizontal"
En que consiste o voso traballo, habitualmente? Que tipo de apoio lle emprestades ás mulleres que sofren malos tratos? Como se achegan a vós?
O groso do noso traballo é o acompañamento das mulleres en todo o proceso: dende que veñen en primeiro lugar a pedir información, ir con elas a facer a denuncia e acompañalas ao xulgado. En moitos casos comezamos a intervir máis adiante, pois moitas mulleres recorren a nós despois de atopar algunha dificultade no proceso. O máis importante é o feito de acompañalas, que elas non se sentan soas, que poidan contar cun apoio horizontal. Isto é moi relevante: non somos unha institución e polo tanto cando veñen aquí están moito máis relaxadas e co convencemento de que van ser comprendidas. Tamén se achegan a nós a través das actividades que realizamos: temos cursos de autoestima, de resolución de conflitos... Para moitas delas é unha forma de coñecernos e de decidirse a contar a súa situación. Temos tamén un convenio co Concello de Vigo e traballamos coa Policía. Polo tanto tamén veñen a nós a través desas vías.
"Seguen dándose casos de mulleres que cando van poñer a denuncia, ao final bótanse para atrás ao non verse ben atendidas nese momento tan difícil"
Como é nestes momentos a atención que se lles dá a estas mulleres por parte da Policía cando van denunciar? O persoal conta coa formación axeitada?
Hai diferenzas: por un lado está a Policía especializada en violencia, que fan o seguimento dos maltratadores, e con estes grupos temos moi boa experiencia, traballan moi ben. E polo outro están o resto dos axentes, que non están especializados en violencia de xénero, e que son quen recollen as denuncias habitualmente. Con estes si hai máis problemas e seguen dándose casos de mulleres que cando van poñer a denuncia, ao final bótanse para atrás ao non verse ben atendidas nese momento tan difícil. Penso que isto moitas veces xa non é só un problema de formación, senón mesmo unha falta de conciencia de xénero.
"A nivel xudicial, nestes momentos non se pode evitar o contacto co agresor; adoitan citar a agresor e agredida o mesmo día, polo que é habitual que se crucen no mesmo lugar"
E a nivel xudicial? Que cómpre mellorar para facilitar este proceso?
A nivel xudicial o que atopamos é que nestes momentos non se pode evitar o contacto co agresor; adoitan citar a agresor e agredida o mesmo día, polo que é habitual que se crucen no mesmo lugar. Nos xulgados específicos de violencia de xénero, onde os hai (como en Vigo), si teñen salas separadas, pero non así os xulgados civís. Alí, a denunciante acaba coincidindo co denunciado na mesma sala ou no corredor.
Raquel Doval, coordinadora da Rede
"As axudas económicas son ínfimas, non serven para romper con esa dependencia económica co agresor e, ademais, non son automáticas, poden tardar varios meses"
Moitas mulleres que sofren malos tratos teñen unha dependencia económica do seu agresor ou vense obrigadas a abandonar a vivenda cos seus fillos e fillas. Son suficientes os recursos que se poñen á súa disposición?
As axudas económicas son ínfimas, non serven para romper con esa dependencia económica co agresor e, ademais, non son automáticas, poden tardar varios meses. Os agresores, ademais, moitas veces non pagan as pensións alimenticias dos menores, e o proceso para obrigalos a facelo tamén pode tardar bastante. Como moito, pódese acceder á RISGA, pero son 430 euros e con iso non sobrevive unha nai con crianzas. É moi complicado, así mesmo, o acceso a unha vivenda.
Dáselles un tratamento axeitado aos e ás menores nestes casos, nos que tamén son vítimas de violencia machista?
Levamos anos reclamando que no momento en que hai unha sentenza por violencia de xénero, o agresor non poida ter acceso nin a visitas nin á patria potestade. No momento en que hai unha condena, o pai xa non ten dereito a custodia compartida, pero si mantén a patria potestade e ten dereito a visitas, e neses casos pode ter capacidade de decisión sobre moitas cousas: pode por exemplo negarse a que o neno ou nena acuda a atención psicolóxica ou pode vetar que cambien de colexio. E iso convértese nunha manipulación e nunha chantaxe. Ademais, hai que mellorar o servizo de atención aos menores nos xulgados, ten que haber atención especializada.
"Levamos anos reclamando que no momento en que hai unha sentenza por violencia de xénero, o agresor non poida ter acceso nin a visitas nin á patria potestade"
O 8 de marzo demostrou que estamos a vivir un gran cambio social. Percibides que iso está xerando cambios tamén nas institucións?
A nivel social está habendo grandes cambios, e iso alégranos moito, pero vemos que esta revolución social está provocando que dende algúns ámbitos institucionais se exerza maior violencia contra nós. Vémolo en casos coma o de Juana Rivas ou na sentenza contra a Manada. Están tomando represalias.
Manifestación en Vigo, o pasado 8 de marzo | Galicia Contrainfo