"O alumnado considera que a violencia de xénero é só a agresión física"

Ánxela Franco, na presentación dos resultados de 'Suprime o control' © Deputación da Coruña

A Deputación da Coruña ten en marcha un programa continuado de prevención e eliminación da violencia machista en centros de ensino -Suprime o control- que dende o mes de setembro traballou con 600 mozos e mozas de 3º e 4º da ESO de 14 concellos das comarcas de Arzúa, Bergantiños, Ordes, Santiago e O Sar. O programa inclúe a realización de enquisas para coñecer a percepción do machismo nestas idades e as actitudes que rapaces e rapazas manteñen ante el e ante as relacións afectivas e persoais. Ademais, inclúe o concurso Instagram sen machismo?, un certame de microrrelatos e unha asesoría Whatsapp, ademais de novas sesións educativas e unha guía de materiais e recursos educativos para que os centros de ensino continúen a traballar nas aulas.

"Consideran que a violencia de xénero é só a agresión física e non a relacionan coa súa contorna máis próxima"

A responsable da área de Igualdade e Servizos Sociais da Deputación, Ánxela Franco, presentou o balance da primeira etapa do programa, alertando de que unha das conclusións á que se chegou despois de traballar durante meses con este amplo grupo de mozos e mozas é que "consideran que a violencia de xénero é só a agresión física, que é algo que só se dá entre os adultos e ademais non a relacionan coa súa contorna máis próxima. Así mesmo, percíbena como unha cuestión que só afecta aos adultos e identifican os ciumes e o control como propio do amor romántico".

“Teñen, igualmente, problemas para identificar contidos sexistas dos medios de comunicación, o cine ou a música, ou para considerar algo estraño que nas seccións de deportes só se fale dos deportistas masculinos”, destaca como unha das conclusións que se poden tirar da enquisa realizada, cuxos resultados se publicarán nas vindeiras semanas e que, entre outros datos, amosa que mentres que 9 de cada 10 rapazas (o 91,5%) rexeitan a idea de que estar namorado ou namorada implique compracer en todo á súa parella, só 6 de cada 10 rapaces (o 59,1%) mostran a súa oposición a esta idea de compracencia.

"Tentamos que perciban que os micromachismos son o caldo de cultivo no que crecen e se desenvolven as outras violencias, que ao final desembocan na violencia física"

"Tentamos que perciban que os micromachismos son o caldo de cultivo no que crecen e se desenvolven as outras violencias, que ao final desembocan na violencia física. E que comprendan que limitar a independencia de cada persoa, o control, tamén é violencia. Teñen que aprender a recoñecela, porque doutro xeito pasa totalmente desapercibida", destaca Ánxela Franco. "Teñen que aprender a ver que hai unha grande desigualdade que remata en que o que se cre máis forte -normalmente o home- actúa limitando a muller ata rematar en comportamentos violentos", engade.

As novas tecnoloxías son un espazo de vital importancia á hora de detectar e combater os comportamentos machistas e por iso mesmo xogan un papel fundamental neste programa. "As familias teñen que detectar que nestas ferramentas se producen comportamentos de vixilancia e de violencia indirecta. As familias e os mestres deben ter coñecementos e estar próximos para poder detectar cando un neno ou nena pode ser acosado ou acosador", sinala.

Ánxela Franco destaca como unha das potencialidades de Suprime o Control que "o programa está feito a medida de cada centro e de cada grupo de rapaces e rapazas" grazas ao traballo previo de diagnóstico que se leva a cabo en cada lugar. "Previamente facemos unhas enquisas e afondamos no coñecemento de cada centro. O que non podes facer é crear un prototipo xeral, porque un centro de ensino da cidade é moi diferente a un da zona rural. Nós imos ao específico, cremos que iso lle dá presenza e corpo real a aquilo sobre o que estás traballando", di.

"A transformación parte da formación. Se con 14 ou 16 anos somos quen de facelos conscientes dos perigos que teñen diante, nuns anos verase o resultado deste esforzo"

"En cada lugar o programa deixa uns resultados e un material para seguir traballando. Queremos deixar unha base sementada. Traballamos para que a sociedade recolla os froitos disto. Non é algo moi lucido, non dá grande titulares, pero estamos educando para transformar", salienta.“Xa non podemos falar só de preocupación diante dun terrorismo de tal calibre, é necesario actuar niso estamos, nunha idade fundamental para construír un mundo máis igualitario”, di. E conclúe: "A transformación parte da formación. Se con 14 ou 16 anos somos quen de facelos conscientes dos perigos que teñen diante, nuns anos verase o resultado deste esforzo".

 

Ánxela Franco, na presentación dos resultados de 'Suprime o control' © Deputación da Coruña
O programa incluíu un concurso de microrrelatos e outro de imaxes en Instagram, que xa entregaron os seus premios Dominio Público Deputación da Coruña

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.