Houbo moitas persoas ás que sorprendeu enormemente a masiva resposta das mulleres á convocatoria feminista do pasado 8 de marzo. Porén, á vista dalgúns indicadores -e da realidade que viven moitas persoas- as razóns da mobilización e do desexo de cambio fanse máis evidentes. No ano 2017 as denuncias por violencia de xénero presentadas nos xulgados galegos acadaron un máximo histórico, sumando 6.436, un 13% máis que no ano 2016. A cifra sitúase por riba do dato de 2009, que ata agora era o máis alto dende a aprobación da Lei Orgánica de Medidas de Protección Integral contra a Violencia de Xénero, en 2004. O número de denuncias presentadas reducírase ao longo da crise económica (un factor que ten sido sinalado en moitas ocasións como determinante á hora de facer pública unha situación de malos tratos). Porén, dende o ano 2012 non deixa de aumentar, roldando na actualidade as 18 denuncias diarias en Galicia.
2017 pechouse con 6 mulleres mortas en Galicia polo feito de ser mulleres e ao redor de cinco mil denuncias por un delito de malos tratos, ás que se suman case mil máis por quebrantamento de medidas de protección e afastamento e quebrantamento de penas.
2017 tamén rexistrou senllos máximos anuais no que respecta ao número de ordes de protección ás vítimas solicitadas (1.928) e adoptadas (1.284), neste caso cun incremento aproximado dun 38% con respecto ao 2016.
2017 tamén rexistrou un máximo anual no número de ordes de protección ás vítimas, cun incremento aproximado dun 38% con respecto ao 2016
En xaneiro Rosalina Carrera Cotado foi nomeada fiscal delegada de Violencia sobre a Muller en Galicia, convertendose na cuarta comunidade que conta cunha fiscalía autonómica especializada en violencia machista, xunto con Andalucía, Cataluña e Castela e León. O obxectivo buscado era "fortalecer a loita contra a violencia machista e dar unha resposta eficaz, avanzando na protección das vítimas, a reparación do dano e a seguridade xurídica dos procedementos xudiciais". O fiscal superior de Galicia, Fernando Suanzes, salientaba daquela que tanto no ano 2016 como no 2017 se rexistrara "un apreciable incremento" das cifras relacionadas con violencia de xénero