O home reclamou 15.000 euros á Consellería de Política Social por chegarlle varios correos non desexados sobre actos de condena da violencia de xénero e a xustiza remata multándoo a el con 600 euros por litigar con mala fe ou temeridade
Un xulgado do Social de Santiago vén de facer pública unha sentenza que condena a unha multa de 600 euros a un empregado da Xunta por demandar con mala fe ou temeridade á Consellería de Política Social. Fíxoo porque lle enviara varios correos electrónicos con convocatorias a actos públicos de condena da violencia de xénero.
O home estaba en desacordo co uso do correo electrónico corporativo da Xunta para ese fin e consideraba que con eses envíos Política Social estaba a atentar contra a súa integridade moral, polo que demandou á consellería ante a xustiza reclamándolle unha indemnización de 15.000 euros. Porén, o xulgado non só rexeitou a súa demanda senón que o multa por abusar da xustiza.
Segundo a sentenza, o empregado público recibiu varios correos da Consellería de Política Social con convocatorias públicas a actos de repulsa de crimes de violencia de xénero "a pesar de que amosara a súa desconformidade co uso do correo electrónico corporativo para tal fin". O home demandou á consellería reclamando unha indemnización de 15.000 euros "en concepto de danos morais derivados da vulneración do dereito á integridade moral".
A sentenza salienta que Política Social actuou no exercicio das súas competencias e que a discrepancia do home "non pode resolverse" ante a xustiza, polo que o multa "por temeridade cando se exercitan pretensións totalmente infundadas, con coñecemento da súa inxustiza"
A xuíza rexeita que a actuación de Política Social, o departamento que debe velar pola igualdade, supuxese unha vexación do traballador. O envío de correos con convocatorias de repulsa da violencia machista, di a sentenza, "son accións que leva a acabo a administración no ámbito das súas competencias", polo que non o fixo "co ánimo de humillar, vexar ou atentar contra a integridade física e moral do demandante". Tamén di que este simplemente podía non abrir eses correos. Así que desbota a demanda.
Pero tamén, e logo de que así o pedise a avogacía da Xunta, a sentenza impón ao demandante "unha sanción disuasoria". A Xunta defendeu que o seu empregado estaba a utilizar os servizos públicos de xustiza "para poñer de manifesto as súas incomodidades, filias e fobias, pero a administración de xustiza non é o servizo adecuado para iso, máxime tendo en conta o colapso de dita administración".
E a xuíza concorda coa Xunta e considera que a demanda cadra coa previsión legal que contempla a posibilidade de impoñer sancións a quen litigue con mala fe ou temeridade. Ao seu ver, o empregado público "pode discrepar sobre a eficacia da convocatoria" para loitar contra a violencia de xénero, "pero iso non é equivalente a que exista unha vulneración do dereito á integridade física e moral". Unha discrepancia, di, que "non pode resolverse ante a xurisdición social".
A sentenza tamén destaca "non só o infundado da súa pretensión, senón tamén o desproporcionado da indemnización solicitada (15.000 euros) sen que xustificase minimamente a gravidade da conduta cometida pola administración". Por iso, remata impoñendo a multa de 600 euros "por temeridade cando se exercitan pretensións totalmente infundadas, con coñecemento da súa inxustiza".