Cada vez menos mulleres renuncian a declarar tras denunciar violencia de xénero

Unha mobilización en Vigo contra a violencia machista e evolución da porcentaxe de mulleres que renuncia a declarar tras presentar unha denuncia CC-BY-SA Praza Pública

A memoria anual do Tribunal Superior de Galicia constata a progresiva redución das vítimas que se acollen á dispensa de declarar como testemuñas, pero tamén reflicte a consolidación dunha quincena de casos anuais con menores como agresores

Cada vez hai máis denuncias por violencia de xénero en Galicia, 8.200 en 2025, máis de 22 ao día. E cada vez menos mulleres renuncian posteriormente a declarar ante os xulgados, menos do 5% por primeira vez o pasado ano. Así o reflicte a memoria anual sobre o poder xudicial en Galicia que vén de facer pública o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG). Un documento que tamén reflicte a consolidación dunha quincena de casos anuais de violencia de xénero con menores no papel de agresores. 

Desde que hai datos comparables, as memorias anuais do TSXG veñen reflectindo un progresivo aumento tanto das denuncias como das vítimas por violencia de xénero que evoluciona de xeito inverso á redución da porcentaxe de vítimas que se acollen á dispensa do deber de prestar declaración tras esa denuncia. Un indicador que pode ser revelador do medo das vítimas ante os agresores. 

Se en 2017 houbo 6.436 denuncias por violencia de xénero en Galicia, o pasado ano foron 8.200, un 27% máis. Porén, naquel 2017 as renuncias a declarar foron 402 e o pasado ano 406, unhas cifras similares pero que en porcentaxe sobre o total de denuncias supoñen que hai unha década o 6,24% das denunciantes desistían de declarar posteriormente mentres que o pasado ano só o fixeron o 4,95%, sendo a primeira vez que a porcentaxe baixa do 5%.

A evolución das renuncias a declarar tras presentar unha denuncia por violencia de xénero rexistra un pico significativo do 11% no ano 2020, o da pandemia da COVID-19 e as restricións de movementos, o que pode significar que ao medo aos agresores se sumase naquel ano o medo a contaxios. Porque o indicador volveu a unha curva descendente nos anos seguintes. 

Menores de idade

A memoria do TSXG tamén dá conta dos casos de violencia de xénero que teñen a menores de idade como investigados. O pasado ano os tribunais galegos xulgaron 15 menores de idade por violencia de xénero, algo menos que os 19 de 2024 ou os 16 de 2023, pero parecen consolidarse unhas cifras de entre 10 e 15 casos por ano.

Dos 1.041 menores condenados o pasado ano por todo tipo de infraccións penais, só 68, o 6,5%, eran estranxeiros

Esa quincena de casos de violencia de xénero con menores como investigados son, en calquera caso, unha moi pequena parte do total de menores condenados por todo tipo de infraccións penais. Segundo a memoria do pasado ano, en 2025 foron condenados en Galicia un total de 1.041 menores por infraccións penais. Deles, 790 eran homes e 251 mulleres, e por idades a maioría, 348, tiñan 17 anos, por 308 que cumpriran os 16 anos, 203 que tiñan 15 anos e 182 que contaban con 14 anos, a idade de comezo da responsabilidade penal. 

A memoria tamén concreta que o 93,5% deles, un total de 973, tiñan nacionalidades española, fronte a 68 menores estranxeiros condenados.

Sede do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia © TSXG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.