Tras a denuncia dunha vítima de violencia machista feita pública polo Defensor del Pueblo, a Xunta non responde cantas ampliacións de sesións de asistencia psicolóxica está a denegar ao abeiro dun convenio co Colexio de Psicoloxía ao que engadiu novos requisitos de acceso
O Defensor del Pueblo vén de evidenciar como unha muller vítima de violencia de xénero quedou sen a asistencia psicolóxica que precisaba antes de tempo, segundo o criterio do profesional da Psicoloxía que a atendía, por decisión da Consellería de Política Social e Igualdade, que ten a última palabra para a concesión da ampliación de 10 a 15 das sesións de terapia que poden recibir as vítimas ao abeiro dun convenio co Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia que se vén renovando desde 2008.
Publicada esta resolución do Defensor del Pueblo, na que insta a Xunta a que "teña en conta os informes dos servizos psicolóxicos" que valoran como "insuficiente" a atención prestada a esta muller vítima de violencia machista, Praza.gal contactou coa consellería para coñecer a cantidade de denegacións da ampliación de sesións que se están a producir, cando quen as solicita é un profesional da Psicoloxía acreditado, e quen valora que o criterio profesional non é axeitado para decidir denegalas. Tras varios intentos por correo electrónico e por teléfono ao longo desta semana, o gabinete da consellería enviou unha resposta ás seis da tarde deste venres na que non se pronuncia sobre a extención de consultas destas vítimas co mesmo psicólogo ou psicóloga especializada.
O convenio asinado anualmente entre a Xunta e o COPG promove un programa de atención psicolóxica axuda as mulleres vítimas das violencias machistas, e tamén aos menores e persoas dependentes do seu círculo máis próximo, “a afrontar a situación que sufriron e a reforzar a súa autoestima, ademais de ser un apoio na recuperación ou adquisición de habilidades e capacidades que lles permitan lograr a autonomía e a integración na vida social e laboral”. Así o define o Colexio no seu sitio web, onde informa que son profesionais da Psicoloxía, con formación específica, quen atenden neste programa.
Sobre a denuncia desta muller á que lle foi denegada a ampliación de cinco sesións máis co mesmo psicólogo, a Consellería de Política Social e Igualdade asegura que “a Xunta pediu por escrito ao COPG que ofrecese a esta vítima a posibilidade de acudir a outros recursos públicos específicos para terapias de longa duración, co obxectivo de que puidese continuar co proceso de atención psicolóxica". Ademais, engade que "son os profesionais do COPG os que deben ofrecer e derivar ás vítimas a estes outros recursos específicos e é decisión das vítimas continuar a terapia ou non facelo”. Porén, os terapeutas do programa do Colexio de Psicoloxía non poden realizar esas derivacións, só informar sobre outros recursos ás vítimas.
A continuidade asistencial é aínda maís importante nos casos de violencias machistas. Obrigar as vítimas a repetir a súa historia é un xeito de revitimizalas
O ánimo co que comezou esta iniciativa foi o de ofrecer unha axuda inmediata e directa a quen sofre a violencia machista. No convenio definiuse que habería dez sesións iniciais cun mesmo profesional da Psicoloxía, ampliables os primeiros anos practicamente sen límite pautado, e nos últimos tempos limitando a cinco sesións máis se así o consideraba o psicólogo ou psicóloga, tendo a consellería a última palabra.
En calquera terapia, pero máis aínda nos casos de violencia machista, a continuidade asistencial é importante para o seu éxito e desenvolvemento. Obrigar as vítimas a repetir a súa historia é un xeito de revitimizalas que non axuda no seu proceso, por iso as profesionais na materia valoran que con este programa permitíase esa relación cun mesmo terapeuta dende o comezo da intervención cunha vítima.
A Dirección Xeral de loita contra a violencia de xénero, dependente da Consellería de Política Social e Igualdade, e o Colexio de Psicoloxía aínda non asinaron o convenio que regula esta asistencia a vítimas das violencias machistas para 2026. No último acordo asinado, correspondente ao ano pasado, o Goberno galego incluíu como novidade unha relación de requisitos a cumprir para que as mulleres poidan acceder a este programa. Concretamente, o requisito administrativo de acreditar a súa condición de vítimas “a través de calquera das formas previstas no artigo 5 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero”.
Fontes consultadas por Praza.gal explican que o requisito de acreditar administrativamente a condición de vítimas de violencia de xénero desvirtúa a natureza do programa de atención psicolóxica
Fontes consultadas por Praza.gal explican que este requisito desvirtúa a natureza do programa de atención psicolóxica debido a verse na obriga de realizar o trámite administrativo que lles outorga a condición oficial de vítimas de violencia de xénero, imprescindible para solicitar axudas económicas, para acceder a estas consultas con psicólogos especializados. No caso denunciado ante o Defensor del Pueblo, a vítima foi derivada por un xuíz.
Este novo requisito engadido pola Xunta coincidiu coa apertura o ano pasado dos centros de atención integral 24 horas para vítimas de violencias sexuais, un recurso que o Goberno galego abriu por orde do Estado cun ano de atraso. Na súa réplica ao Defensor del Pueblo, a Dirección Xeral de loita contra a violencia de xénero manifesta que, no caso de non ser suficientes as sesións do programa convido co Colexio de Psicoloxía, "debe valorarse a posible derivación da usuaria a outros recursos de atención psicolóxica de longa duración e de carácter gratuíto", entre os que figuran este centros, así como o Centro de Recuperación Integral (CRI), como sinala a consellería na súa resposta a Praza.gal.
A Xunta manifesta ao Defensor del Pueblo que, no caso de non ser suficientes as sesións co Colexio de Psicoloxía, "debe valorarse a posible derivación da usuaria a outros recursos", como os centros de crise, xestionados por OHL e Eulen
A Xunta recoñece no convenio de 2025 que o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia “conta coa experiencia de vir desenvolvendo e coordinando dende hai anos” programas de atención psicolóxica no ámbito da violencia de xénero en todo o territorio galego e que “dispón dos medios suficientes para desenvolver axeitadamente os programas, que contarán así mesmo coas garantías derivadas da súa estrutura colexial”. O persoal dos centros de crise 24 horas está contratado a través das empresas privadas que os xestionan por orde da Xunta, OHL e Eulen, e non ten as mesmas obrigas formativas por contrato.
O programa de atención psicolóxica que desenvolve o COPG ao abeiro do convenio coa Xunta tamén contempla que “excepcionalmente, poderá continuarse coa intervención psicolóxica unha vez superado o número máximo de sesións” en casos nos que a violencia machista teña resultado de morte, tentativa de homicidio ou asasinato, ou lesións físicas que requiran hospitalización. Coa resposta remitida a este xornal por parte da Consellería de Política Social e Igualdade tampouco é posible coñecer se nestes supostos si se están concedendo as ampliacións de sesións.
🟣 O teléfono 016 do Ministerio de Igualdade ofrece información e asesoramento ante posibles casos de violencia de xénero, e en Galicia a Xunta ten habilitado no 900 400 273 o Teléfono da Muller, ambos son gratuítos e anónimos e funcionan as 24 horas do día durante todo o ano (pero hai que borrar a chamada para que non figure no rexistro). Tamén se pode contactar co 016 escribindo na súa canle de WhatsApp co número 600 000 016, por correo electrónico no enderezo 016-online@igualdad.gob.es ou no chat online accesible desde o sitio web violenciagenero.igualdad.gob.es. Se se trata dunha emerxencia, hai que chamar ao 112 ou facer uso da aplicación ALERTCOPS, que envía unha alerta á Policía coa xeolocalización.