O Defensor del Pueblo afea a Política Social que a atención que presta a través do Colexio de Psicoloxía estea limitada a un máximo de 15 sesións e pediulle derivar a afectada a servizos públicos gratuítos, o que "non ocorreu neste caso"
O Defensor del Pueblo vén de revelar o caso dunha muller vítima de violencia de xénero á que a Xunta retirou a atención psicolóxica que lle viña prestando en contra do criterio dos profesionais que a atendían. O Goberno galego xustificou que esa atención prestada a través dun convenio co Colexio de Psicoloxía está limitada a un máximo de 10 sesións ou 15 en casos moi graves, pero o Defensor del Pueblo pediulle que neses casos as afectadas sexan derivadas a outros recursos gratuítos de longa duración, o que "non ocorreu neste caso".
O escrito que o Defensor del Pueblo remitiu á Xunta pedíndolle que "teña en conta os informes dos servizos psicolóxicos" ten data do pasado 12 de decembro. Nel reflíctese que a muller afectada comezou a recibir atención psicolóxica "por derivación xudicial". Unha atención que a Consellería de Política Social realizou a través dun convenio co Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia que se vén renovando desde 2008.
O convenio fixa "en 10 o número máximo de sesións terapéuticas para cada muller usuaria do programa" ou fillos menores de idade, e engade que "de ser necesario, poderá ampliarse o número de sesións, ata un máximo de 5 sesións máis, previa valoración individual de cada caso, que se realizará conxuntamente pola Consellería de Política social e Igualdade e polo Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia". Neses casos a ampliación "requirirá dun informe previo, debidamente motivado, sobre a necesidade de continuar coa intervención psicolóxica e a insuficiencia das sesións realizadas".
A muller comezou a recibir atención psicolóxica da Xunta "por derivación xudicial" e contaba con "informe motivado no que se indicaba a necesidade de continuar coa intervención psicolóxica"
O convenio tamén di que "excepcionalmente, poderá continuarse coa intervención psicolóxica unha vez superado o número máximo de sesións indicado anteriormente, nos supostos de violencia de xénero con resultado de morte, tentativa de homicidio ou asasinato, ou lesións físicas que requiran hospitalización".
Segundo o Defensor del Pueblo, a Dirección Xeral de Loita contra a Violencia de Xénero da Xunta informouno de que "nos casos complexos cando se valora como insuficiente a atención psicolóxica proporcionada" a través do convenio co Colexio de Psicoloxía "debe valorarse a posible derivación da usuaria a outros recursos de atención psicolóxica de longa duración e de carácter gratuíto", como os prestados polo Sergas ou por centros especializados de atención a vítimas de violencia de xénero.
Pero o Defensor del Pueblo di que "isto non ocorreu neste caso, a pesar de que se solicitara unha nova ampliación con informe motivado, no que se indicaba a necesidade de continuar coa intervención psicolóxica e a insuficiencia das sesións realizadas".
Ante esta situación, o Defensor del Pueblo pediu a Política Social que "teña en conta os informes dos servizos psicolóxicos" que valoran como "insuficiente" a atención prestada no marco do convenio co Colexio de Psicoloxía "e se valore a derivación da usuaria ao recurso público de atención psicolóxica que corresponda e que poida facilitarlle a intervención de longa duración que necesita, ata lograr o total restablecemento da vítima, sen estar limitado o número de sesións".
🟣 O teléfono 016 do Ministerio de Igualdade ofrece información e asesoramento ante posibles casos de violencia de xénero, e en Galicia a Xunta ten habilitado no 900 400 273 o Teléfono da Muller, ambos son gratuítos e anónimos e funcionan as 24 horas do día durante todo o ano (pero hai que borrar a chamada para que non figure no rexistro). Tamén se pode contactar co 016 escribindo na súa canle de WhatsApp co número 600 000 016, por correo electrónico no enderezo 016-online@igualdad.gob.es ou no chat online accesible desde o sitio web violenciagenero.igualdad.gob.es. Se se trata dunha emerxencia, hai que chamar ao 112 ou facer uso da aplicación ALERTCOPS, que envía unha alerta á Policía coa xeolocalización.