Mela Casal, Neves Rodríguez, Sheyla Fariña e Raquel Crespo poñen o corpo para dar voz ás mulleres vítimas do Padroado de Protección en 'Caídas', con Marián Bañobre na dirección e na dramaturxia xunto a Santiago Cortegoso
"Empatizamos coas historias que construímos porque sabemos que non son mentira". Marián Bañobre, actriz, dramaturga e directora teatral asegura que Caídas é a obra coa que máis chorou na súa vida. "O que estamos sabendo do Padroado de Protección á Muller é o inicio, teño claro que isto acaba de comezar e aínda hai moito por destapar. Para min esta obra foi toda unha viaxe, o traballo máis complexo ao que me tiven que enfrontar ata agora", explica.
A compañía Redrum Teatro volve apostar pola confrontación da realidade enriba dos escenarios, por que o público saia das representacións coa necesidade de comentar a experiencia vivida. Un ensaio homónimo da investigadora Montse Fajardo, como xa ocorreu coa obra Invisibles, serve de punto de partida para o texto dramático que asinan Marián Bañobre e Santiago Cortegoso.
Caídas estreouse o xoves no Teatro Principal de Santiago de Compostela, onde repite este venres, para a continuación comezar unha xira polos escenarios galegos na que inicialmente visitará Moaña este sábado, 24 de outubro, e Baiona o domingo 25.
Redrum Teatro volve apostar pola confrontación da realidade enriba dos escenarios, por que o público saia das representacións coa necesidade de comentar a experiencia vivida
As actrices Mela Casal, Neves Rodríguez, Sheyla Fariña e Raquel Crespo conforman o elenco. "O primeiro que fixen foi reunirme con elas e pasar unha semana xuntas na que compartir anécdotas e experiencias propias. O Padroado de Protección á Muller é unha institución concreta, mais non é a única onde se viviron circunstancias semellantes. Eu tamén quería que elas puideran compartir co público un pedazo da súa memoria, penso que iso é o que nos pode salvar: poner a atención en ata que punto hoxe en día isto está superado", debulla Bañobre, que cuestiona a estigmatización e o condicionamiento que supoñen neste momento as redes sociais para as mulleres, así como as ideas relativas á igualdade que a extrema dereita está levando de volta ás institucións públicas.
As mulleres consideradas 'caídas' son aquelas que se 'desviaban' da moralidade marcada polo réxime nacional-católico imposto durante o franquismo
O Padroado de Protección á Muller fundouse no ano 1941 e mantívose en activo –como mínimo– ata 1985, dez anos despois do falecemento do ditador e xa con Felipe González na presidencia do Goberno de España. Carmen Polo, a esposa de Franco, foi a presidenta de honra desta institución que contaba cunha ampla rede de centros de internamento, conventos e reformatorios nos que acaban as mulleres consideradas 'caídas', é dicir, as que se 'desviaban' da moralidade marcada polo réxime nacional-católico imposto durante o franquismo.
Milleiros de mozas vulnerables, consideradas disidentes ou mesmo repudiadas polas súas propias familias estiveron internadas nestes centros de reeducación rexentados fundamentalmente por congregacións relixiosas. Privadas de liberdade, as testemuñas que como Consuelo García del Cid están a alzar a voz relatan que eran sometidas con insultos e vexacións, así como obrigadas a realizar traballos polos que as ordes relixiosas recibían recompensas económicas ás que elas nunca tiveron acceso. Ademais, as que entraban moi novas eran privadas dos estudos básicos para se desenvolver autonomamente na vida.
Esta obra pretende devolver a dignidade a todas as mulleres que sufriron as consecuencias deste réxime opresor e faino "sen medias tintas". "A historia que contamos na obra parte dunha muller, inspirada en parte nun caso real, que atopa unha factura ao morrer súa nai na que aparecen unha data e un lugar e pon ‘atención recibida pola nai biolóxica no parto’ e ‘cantidade: 75.000 pesetas’. Este é o punto de partida, unha muller que de pronto descobre que a nai que acaba de perder non era a súa nai biolóxica, e que ela foi unha bebé roubada. A partir de aí busca a unha amiga da nai, que estivo dentro do Padroado, para coñecer quen foi súa nai. Estes papeis interprétanos Mela Casal e Neves Rodríguez, que son as condutoras da trama. O que vai lembrando esta amiga da nai sobre como era a vida no Padroado está representado en escena por Sheyla Fariña e Raquel Crespo, que nos mostran a rutina de escravas que tiñan nesta institución", describe Marián Bañobre, que tamén se encarga da dirección.
A avogada e ex alcaldesa do Porriño Eva García de la Torre foi a primeira muller en recibir o recoñecemento oficial de vítima do Padroado de Protección á Muller e serviu de inspiración para construír as personaxes desta obra
A avogada e ex alcaldesa do Porriño Eva García de la Torre foi a primeira muller en recibir o recoñecemento oficial de vítima do Padroado de Protección á Muller e tamén serviu de inspiración para construír as personaxes desta obra. Ela morreu sen poñerlle nome á represión que sufriu dende que naceu e ata os 23 anos, pero a indagación da súa viúva abriu un precedente para que o Estado recoñeza as mulleres que pasaron polo Padroado como vítimas do franquismo.
"Como galegas temos a responsabilidade de intentar escarvar en que pasou por aquí, ao lado de casa. Partimos da investigación de Montse Fajardo, que nos achega voces de mulleres de aquí, e recollemos información que nos foi chegando entre libros, conversas, podcasts, documentais... Así fomos encaixando as pezas do espectáculo, con todo o respecto e o agarimo", sinala a dramaturga e directora.
"Penso que o único que nos pode salvar desta catástrofe que se aveciña é un pouco de cordura e un pouco de memoria", asegura Marián Bañobre
Laura Iturralde, galardoada recentemente nos Premios da Crítica de Galicia, é a responsable do deseño de iluminación; Davide se encarga do espazo sonoro; Marta Alonso está a cargo da dirección de movemento e Toni Salgado da axudantía de dirección.
"Se algo necesitamos agora mesmo é recuperar a memoria. Penso que o único que nos pode salvar desta catástrofe que se aveciña é un pouco de cordura e un pouco de memoria. Para min é unha responsabilidade como artista, temos que ser valentes. Por iso este é un espectáculo moi reivindicativo, non hai medias tintas, estamos a menear a mente dos e das espectadoras porque estamos nun momento no que creo que Caídas é máis necesario ca nunca. Afortunadamente, cada vez imos coñecendo máis, hai máis libros, incluso filmes, que abordan esta historia, pero hai que seguir para que todo o mundo saiba o que pasou coas mulleres nestes centros", sinala Marián Bañobre, quen incide en que é preciso "abrir mentes nestes momentos de tanta escuridade".