A ópera prima de Roberto Pascual, 'Sophie non é o meu nome de guerra', estréase o 23 de maio na Coruña, protagonizada por Alixa Ladson e Camille Hedouin, dirigidas por Laura Míguez coa compañía Redrum Teatro
Sophie non é o meu nome de guerra é un berro creativo de Roberto Pascual, a súa ópera prima como dramaturgo tras dirixir a Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia (MIT) entre 2009 e 2024. A obra, galardoada en 2021 co Premio Rafael Dieste de textos teatrais que convoca a Deputación da Coruña, nace dunha historia de vida que impacta ao investigador teatral e profesor na Escola Superior de Arte Dramática de Galicia mentres traballa como voluntario nunha ONG que asiste a persoas migrantes, solicitantes de protección internacional.
“A historia de vida que coñecín foi a dunha muller vítima de trata con fins de explotación sexual que me resultou tremendamente poderosa. Non só a súa historia, o seu periplo vital, senón a súa condición, a súa actitude e o seu desexo. Nunca llo contara a ninguén, porque era un tema dedicado, pero pediu facelo. E dixo, se alguén escribe, eu quero darlle dignidade para que a miña historia non se volva a repetir. Así como o dixo, a min impactoume profundamente, pero tamén me despertou un nivel de exixencia como creador”, conta Roberto Pascual.
O dramaturgo explica que a priori pode parecer que a historia non o interpela porque é un home branco occidental, cos privilexios que iso trae consigo, falando da historia dunha muller africana, empobrecida e vítima dunha rede de trata. “Pero interpeloume ela, realmente foi ela a que me convidou a facer unha obra que non a revitimizase e que levase dignidade ao seu relato”, sinala.
'Sophie non é o meu nome de guerra' é unha ficción alimentada por un relato de vida e por unha ética, sen condescendencia
Un relato de denuncia e, ao mesmo tempo, un relato de resiliencia. A protagonista desta peza teatral sofre violencia familiar, social e institucional. Sae de cousas terribles e quere que o que a ela lle pasou non se repita. “Realmente está falando de nós, porque é unha muller que quere integrarse na nosa sociedade, que lle dá importancia á nosa lingua e á nosa cultura, que non esquece o seu pasado, pero quere habitar o noso contexto dunha maneira digna e axudar a outras mulleres que sufran situacións de vulnerabilidad;, que non teñen que ser as mesmas que sufriu ela, pois o seu é un relato de poesía, de literatura, de dignidade, de resiliencia e de felicidade”, salienta Roberto Pascual.
Sophie non é o meu nome de guerra é unha ficción alimentada por un relato de vida e por unha ética, sen condescendencia. As actrices Alixa Ladson e Camille Hedouin protagonizan a montaxe, que dirixe Laura Míguez. O Teatro Colón da Coruña acollerá o venres 23 de maio, ás 20.00 horas, a estrea deste espectáculo de Redrum Teatro financiado pola Deputación da Coruña. As entradas son de balde e xa se poden retirar dende a web do Teatro Colón ou a través da plataforma Ataquilla.
Ao longo da obra, dividida en doce cadros, coñecemos a orixe da protagonista desde Yaoundé, capital de Camerún, coas súas lembranzas da infancia e a riqueza da cultura popular de África. As espectadoras acompáñana no seu éxodo, que a leva por Malí e Alxeria para despois chegar a Melilla, Valencia, Francia e, finalmenta, á Coruña.
“A trata con fins de explotación sexual, a violencia institucional por parte da burocratización excesiva das políticas migratorias, e as violencias machistas, por suposto, son temas que están moi presentes na peza e, desde un lugar lonxe da revitimización e da hipersexualización, queriamos amosar unha muller forte que loita sempre por unha vida mellor”, argumenta Laura Míguez, que foi unha das primeiras lectoras da obra antes de saber que Pascual confiaría nela para dirixila.
"Eu digo que escribín unha obra profundamente galega, fala da Galiza de 2025, diversa e plural", asegura Roberto Pascual
“Eu digo que escribín unha obra profundamente galega, é unha obra que, aínda que fale de cousas que parecen de fóra, en realidade fala da Galiza de 2025, da Galiza diversa e plural; das nosas cidades, das nosas realidades de acentos diversos e de xente con pasados diversos, tamén. Custou reflectir isto, pero penso que se conseguiu. Non só porque haxa dúas actrices afrodescendentes no elenco, se non tamén porque están presentes no vestiario, os audiovisuais, a música... Falar dun drama tan forte requiría que tivesen moita importancia desde os obxectos á música, e outros códigos expresivos do teatro”, asegura Roberto Pascual.
A cantante e compositora franco-galega Camille Hedouin, coñecida polo seu proxecto musical MounQup, é a creadora do espazo sonoro que envolve a obra e, aínda que nun inicio non estaba previsto, participou no proceso de selección do elenco e debuta tamén como actriz nesta representación.

“A linguaxe escénica permitirá que as dúas actrices se escoiten como múltiples voces nas súas interpretacións, incluso a voz interna de Sophie mentres está pensando. Alixa Ladson e Camille Hedouin fan un traballo arduo para ensinar todas esas arestas das que falamos e ademais, no caso de Alicia, interpreta moitas outras personaxes que pasan pola vida de Sophie como son a súa amiga da adolescencia, unha garda civil que a interroga nun Centro de Estancia Temporal de Inmigrantes (CETI) ou mesmo os seus fillos”, debulla Laura Míguez sobre a montaxe, para a que realizaron un traballo de investigación que lles permitiu trazar unha cronoloxía do periplo vital da protagonista, o cal resultou fundamental para que as actrices interiorizaran a historia.
"A xente vai ver esa ansia e esa ilusión por conseguir prosperar, ser feliz, que a respecten.. por conseguir ser querida, que ao final é o que queremos todas", di Laura Míguez
A directora teatral detalla que Sophie é unha personaxe cun sentido do humor moi característico. “Nárrase desde e o humor, a música e o movemento. Creo que o público vaise deixar empapar e emprenderá tamén unha viaxe con Sophie desde Camerún. A xente vai ver esa ansia e esa ilusión por conseguir prosperar, ser feliz, que a respecten.. por conseguir ser querida, que ao final é o que queremos todas. Para min resulta fundamental comprender que estas mulleres invisibilizadas son as nosas veciñas, que o problema da trata é moi real e convive con nós a diario”, destaca Laura Míguez.
A MIT de Ribadavia foi unha grande escola para Roberto Pascual, que lle permitiu coñecer espectáculos diversos desde dentro polo seu papel como director artístico. Nunca se atrevera a escribir o seu propio texto teatral, mais non puido deixar pasar a forza do relato vital desta muller que o inspirou para contar a súa historia. “Cando me decidín a escribir quixen facelo sen ningún tipo de prexuízo, presión nin autocensura. Intentei facer aquilo que a min, como director artístico, me gustaría ver”, confesa.
“Quixen facer un teatro contemporáneo, pero popular, para que no teatro convivan desde persoas migrantes que poidan sentirse directamente interpeladas –e seguramente sexa máis catártico para esas persoas– a persoas do rural galego e das cidades, porque é unha realidade que temos a volta dos nosos pobos e das nosas vilas”, asevera Pascual.