'Reconversión', 'A serie clopen' e 'TROMSØ', producións con máis finalistas aos María Casares

‘Reconversión’, de Ibuprofeno Teatro, opta a 11 galardóns © AAAG

Reconversión, de Ibuprofeno Teatro, con 11 nominacións; A serie clopen, do CDG, con 10; e TROMSØ, de Morraoconto con 7, son as producións con máis finalistas na XXX edición dos Premios María Casares de Teatro e optan ao premio ao mellor espectáctulo

Reconversión, de Ibuprofeno Teatro, con 11 nominacións; A serie clopen, do CDG, con 10; e TROMSØ, de Morraoconto con 7, son as producións con máis finalistas na XXX edición dos Premios María Casares de Teatro e optan ao premio ao mellor espectáctulo. 

A Asociación de Actores e Actrices de Galicia deu a coñecer este mércores as producións e profesionais que optan aos galardóns, que se entregarán o mércores 8 de abril no teatro Rosalía de Castro da Coruña nunha gala que conta co apoio da Xunta de Galicia, o Concello da Coruña, a Deputación da Coruña, a Fundación AISGE, a Fundación SGAE e Gadis.

A tradicional Festa de Finalistas tivo lugar na Cafetería Lasso do Auditorio de Galicia. O acto, que foi conducido pola actriz Chus Álvarez, contou coa asistencia de Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic); Natividade González, deputada de Cultura da Deputación da Coruña; Isabel Blanco, delegada de AISGE en Galicia, e Belén Yáñez, representante da SGAE.

‘A serie clopen’, do Centro Dramático Galego, opta a 10 premios © AAAG

Un total de 17 espectáculos competirán en calidade de finalistas por facerse con algún dos 16 galardóns

Un total de 17 espectáculos competirán en calidade de finalistas por facerse con algún dos 16 galardóns. Reconversión, de Ibuprofeno Teatro acada once finalistas (espectáculo, dirección, dirección de movemento, actor protagonista, actor secundario por partida dupla, actriz secundaria, texto orixinal, espazo sonoro, iluminación e espazo escénico). 

A Asociación de Actores e Actrices de Galicia deu a coñecer este mércores as producións e profesionais que optan aos galardóns, que se entregarán o mércores 8 de abril no teatro Rosalía de Castro da Coruña

Pola súa banda, A serie clopen, do Centro Dramático Galego, aspira a levar o premio en dez categorías (espectáculo, dirección, dirección de movemento, actriz protagonista, texto orixinal, espazo sonoro, iluminación, espazo escénico, vestiario e maquillaxe. 

O terceiro espectáculo que acapara maior número de finalistas é TROMSØ, de Morraoconto, que opta o galardón en sete categorías (espectáculo, dirección, dirección de movemento, espazo sonoro, iluminación, espazo escénico e vestiario). Estes tres espectáculos serán os que compitan polos premios ao mellor espectáculo, á mellor dirección e á mellor dirección de movemento nesta trixésima edición.

'TROMSØ’, de Morraoconto, ten 7 nominacións © AAAG

Un deus salvaxe, espectáculo de Talía Teatro, opta a catro galardóns mentres que Vitória, retrato dunha denuncia, de Iria Pinheiro, pelexará por tres premios

Un deus salvaxe, espectáculo de Talía Teatro, opta a catro galardóns (actriz protagonista, adaptación-tradución, espazo escénico e maquillaxe) mentres que Vitória, retrato dunha denuncia, de Iria Pinheiro, pelexará por tres premios (actriz protagonista, actriz secundaria e texto orixinal). 

Alta costura, de Elefante Elegante, compite como finalistas en dúas categorías (actriz secundaria e vestiario), como tamén o fai Berenguela na gaiola, de Galeatro e Xarope Tulú (adaptación-tradución e espectáculo infantil), e O libro da selva, o musical, de Ártika Cía (maquillaxe e espectáculo infantil). 

Outras nove obras competirán como finalistas nalgunha categoría: Bibopalula. O espectáculo, de Ainé (mellor espectáculo infantil); Un tal Romeo, de aRamboia (actor protagonista); Mofa&Befa: Os dous de sempre, de Producións Teatráis Excéntricas (actor secundario), Mala vida e pior morte de Ricardo III, tamén de Excéntricas (actor protagonista), Coa cabeza nas nubes, de SÖA (espectáculo infantil); A metamorfose, de Sarabela Teatro (adaptación-tradución); A Biblioteca Galáctica contra a IA Fantástica, de Tanxarina (espectáculo de monicreques); Castelao, un corazón á intemperie, de Fantoches Baj (espectáculo de monicreques), e Gabinete Mirabilia, de Pablísimo (espectáculo de monicreques).

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.