Maioría absoluta para 'Iribarne', con 9 premios nuns María Casares que dixeron 'Altri non'

Un momento da gala dos María Casares, conducida por Sarabela © LaDiapo | AAAG

A obra de ButacaZero sobre o ex-presidente da Xunta e antigo ministro franquista, dirixida por Xavier Castiñeira e escrita por Esther F. Carrodeguas, fíxose con 9 dos 12 premios aos que aspiraba, entre eles o de mellor espectáculo, mellor dirección e texto orixinal

Iribarne, a obra de ButacaZero sobre o ex-presidente da Xunta e antigo ministro franquista, foi a gran gañadora dos XXIX Premios de Teatro María Casares, organizados pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG). A produción dirixida por Xavier Castiñeira e escrita por Esther F. Carrodeguas, fíxose con 9 dos 12 premios aos que aspiraba, entre eles o de mellor espectáculo, mellor dirección e texto orixinal. O Dragón de Ouro, de Sarabela, que chegaba con 14 opcións de premio, obtivo finalmente catro galardóns, entre eles o de mellor adaptación/tradución.

A gala, celebrada este xoves pola noite no Teatro Rosalía de Castro da Coruña, converteuse nunha homenaxe aos oficios teatrais na que gañou gran protagonismo a figura das compañías de furgoneta. Conducida precisamente por Sarabela Teatro, o espectáculo contou coa dirección de Fernando Dacosta e cun elenco conformado por Sabela Gago, Fernando González, Belén Constenla, Josito Porto, Elena Seijo e Víctor Mosqueira.

O equipo de 'Iribarne' na gala dos María Casares © LaDiapo | AAAG

O Dragón de Ouro, de Sarabela, obtivo catro galardóns, entre eles o de mellor adaptación/tradución

O discurso da Xunta Directiva da AAAG, a cargo de Eva Fórneas e Xosé Barato, vicepresidenta e secretario da entidade, xirou ao redor de tres temas: a situación do galego, os medios públicos e a necesidade do asociacionismo para a defensa dos dereitos. O discurso comezou en castelán, de xeito irónico, para facer un chamamento sobre o futuro do galego, lembrando os “preocupantes” datos do uso da lingua publicados polo IGE o pasado mes de outubro. Nas intervencións lembrouse a historia recente da política lingüística, comezando pola manifestación de Galicia Bilingüe de 2009 -na que participou o actual presidente da Xunta, Alfonso Rueda-.

O discurso da AAAG comezou en castelán, de xeito irónico, para facer un chamamento sobre o futuro do galego, lembrando os “preocupantes” datos do IGE e a participación de Rueda na manifestación de Galicia Bilingüe

“A lingua é a nosa forma de ser e estar no mundo”, sinalou Fórneas, antes de poñer en valor o papel que xogaron os medios públicos na difusión do idioma. Neste senso, Barato sinalou a “oposición frontal” á lei de medios que vén de ser aprobada pola maioría absoluta do PP no Parlamento. “Precisamos uns medios públicos que reflictan toda a realidade deste país, sobre todo cando se mobiliza para manifestar vontades e berrar cousas como Altri, non”, engadiu Barato.

Finalmente, Fórneas lembrou que neste 2025 a AAAG celebra o seu 40 aniversario e destacou que "sen corpos asociativos fortes, o tecido sectorial rompe” e que os “dereitos gañados dende o colectivo” non se poden dar por seguros. “A súa defensa precisa a nosa unión”, concluíu. 

Discurso de Eva Fórneas e Xosé Barato na gala dos premios María Casares © AAAG

Triunfo de Iribarne

“Precisamos uns medios públicos que reflictan toda a realidade deste país, sobre todo cando se mobiliza para manifestar vontades e berrar cousas como Altri, non”, dixo Xosé Barato

Iribarne foi a gran gañadora da noite. A obra fíxose cos premios de mellor espectáculo, dirección (Xavier Castiñeira), dirección de movemento (Sabela Domínguez), texto orixinal (Esther F. Carrodeguas), actor protagonista (Anxo Outumuro), actriz protagonista (Lidia Veiga), espazo sonoro (Berto), vestiario (Diego Valeiras) e espazo escénico (Diego Valeiras e Xavier Castiñeiras). 

Este último premio foi compartido con O dragón de ouro, espectáculo de Sarabela Teatro que levou catro galardóns: adaptación-tradución (Catuxa Pato), actriz secundaria (Sabela Gago), Iluminación (Laura Iturralde) e o xa citado espazo escénico (Iris Branco). 

"Sen corpos asociativos fortes, o tecido sectorial rompe” e que os “dereitos gañados dende o colectivo” non se poden dar por seguros, lembrou a AAAG

Ademais, Os contos do Lobicán, obra de Redrum Teatro, conquistou o premio ao mellor espectáculo de monicreques, mentres que Monstros, de Producions Teatrais Excéntricas, acadou o de mellor espectáculo infantil. Apaga o candil, de Contraproducións, fíxose cun galardón (Toni Salgado ao mellor actor secundario), igual que Pum! Pum! Quen hai?, de Ártika Cía, que se impuxo na categoría de maquillaxe (Rocío Salgado e Fernanda Barrio). 

'O Dragón de Ouro', de Sarabela, fíxose con catro premios © LaDiapo | AAAG

Durante a gala, a decana do Colexio de Xornalistas, Belén Regueira, leu o Manifesto Galego no Día Mundial do Teatro

Durante a gala, a decana do Colexio de Xornalistas, Belén Regueira, leu o Manifesto Galego no Día Mundial do Teatro, un texto no que destacou as semellanzas entre a profesión xornalística e a teatral, ambas as dúas marcadas pola precariedade laboral e nas que "as vocación e os aplausos, que tanto prestan nos dous gremios, non son un complemento salarial". Oficios, ademais, que "nos vacinan contra a submisión e a indiferenza, que ao reunirnos para pensar e conmovernos xuntos nos converten en cidadáns e cidadás", dixo Regueira.

Na gala fíxose entrega tamén do Premio de Honra Marisa Soto a Xabier Deive. O galardón recollérono a súa filla, Irea Deive, e a súa muller, Eva Albaladejo. 

Gañadoras e gañadores por categoría:

  • MAQUILLAXE: Rocío Salgado e Fernanda Barrio por PUM! PUM! Quen hai?, de Ártika
  • VESTIARIO: Diego Valeiras por Iribarne, de ButacaZero.
  • ILUMINACIÓN: Laura Iturralde por O dragón de Ouro, de Sarabela Teatro. 
  • ESPAZO ESCÉNICO: (ex aequo) Iris Branco por O dragón de ouro, de Sarabela Teatro, e Diego Valeiras e Xavier Castiñeira por Iribarne, de ButacaZero.
  • ESPAZO SONORO: Berto por Iribarne, de ButacaZero. 
  • ADAPTACIÓN-TRADUCIÓN: Catuxa Pato por O dragón de ouro, de Sarabela Teatro. 
  • TEXTO ORIXINAL: Esther F. Carrodeguas por Iribarne, de ButacaZero
Foto de familia das gañadoras e gañadores © LaDiapo | AAAG
  • ACTOR PROTAGONISTA: Anxo Outumuro por Iribarne, de ButacaZero
  • ACTRIZ PROTAGONISTA: Lidia Veiga por Iribarne, de ButacaZero
  • ACTRIZ SECUNDARIA: Sabela Gago por O dragón de ouro, de Sarabela Teatro.
  • ACTOR SECUNDARIO: Toni Salgado por Apaga o candil, de Contraproducións
  • DIRECCIÓN: Xavier Castiñeira por Iribarne, de ButacaZero
  • DIRECCIÓN DE MOVEMENTO: Sabela Domínguez por Iribarne, de ButacaZero
  • ESPECTÁCULO: Iribarne, de ButacaZero
  • ESPECTÁCULO INFANTIL: Monstros, de Producións Teatráis Excéntricas.
  • ESPECTÁCULO DE MONICREQUES: Os contos do Lobicán, de Redrum Teatro

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.