As obras de Sarabela Teatro e ButacaZero acadan 14 e 12 candidaturas, respectivamente e optan ao galardón ao mellor espectáculo xunto con Go home, de Etiqueta Negra
O dragón de ouro, de Sarabela Teatro, e Iribarne, de ButacaZero, son as grandes favoritas nos XXIX Premios de Teatro María Casares, que este martes deron a coñecer as producións finalistas. As dúas obras suman 14 e 12 postos de finalistas, mentres que Os actos e as profecías, do Centro Dramático Galego, e As gardiás ou o nó do Tecelán, de Teatro de Ningures, rexistran catro cada unha. O dragón de ouro e Iribarne, ademais, competirán polo galardón ao mellor espectáculo xunto a obra Go home, de Etiqueta Negra.
A gala dos Premios de Teatro María Casares, organizados pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), celebrarase o xoves 3 de abril no Teatro Rosalía Castro da Coruña. As candidaturas déronse a coñecer esta tarde en Santiago durante a tradicional Festa de Finalistas que tivo lugar na Cafetería Lasso do Auditorio de Galicia. O acto, que foi conducido pola actriz Sheyla Fariña, contou coa asistencia de Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic); Natividade González, deputada de Cultura da Deputación da Coruña, e Miguel Diéguez, director territorial da Zona Noroeste da SGAE.
Os premios entregaranse o xoves 3 de abril no Teatro Rosalía de Castro da Coruña
O espectáculo O dragón de ouro, de Sarabela Teatro, acadou catorce finalistas: espectáculo, dirección (Ánxeles Cuña Bóveda), dirección de movemento (Rut Balvís), adaptación-tradución (Catuxa Pato), actriz protagonista (Fina Calleja), actor protagonista (Fran Lareu), actriz secundaria (Sabela Gago), actor secundario partida dupla (Fernando González e Fernando Dacosta), espazo sonoro (Vadim Yukhnevich, Renata Codda Fons), espazo escénico (Iris Branco), iluminación (Laura Iturralde), vestiario (Ruth D. Pereira) e maquillaxe.
Trátase dunha trepidante obra coa inmigración ilegal e a prostitución de fondo. É a primeira vez que se leva á escena en galego unha obra do prestixioso dramaturgo alemán Roland Schimmelpfennig, o autor xermano vivo máis representado a nivel internacional, grazas á tradución de Catuxa Pato.
Os actos e as profecías, do Centro Dramático Galego, e As gardiás ou o nó do Tecelán, de Teatro de Ningures, rexistran catro finalistas
Pola súa banda, Iribarne, de ButacaZero conta con doce finalistas: espectáculo, dirección (Xavier Castiñeira), dirección de movemento (Sabela Domínguez), texto orixinal (Esther F. Carrodeguas), actor protagonista por partida dupla (Jorge de Arcos e Anxo Outomuro), actriz protagonista por partida dupla (Mónica García e Lidia Veiga), espazo sonoro (Berto), iluminación (Diego Vilar), vestiario (Diego Valeiras) espazo escénico (Diego Valeiras e Xavier Castiñeira).
A obra, con texto de Esther Carrodeguas e dirección de Xavier Castiñeira, analiza con humor e irreverencia a biografía de Manuel Fraga.
Os actos e as profecías, do Centro Dramático Galego, acadou catro finalistas: dirección (Tamara Canosa), espazo escénico (José Faro ‘Coti’), maquillaxe (Montse Piñeiro e Marta Ferrer Ucelay) e vestiario (Montse Piñeiro e Marta Ferrer Ucelay).
Mentres, As gardiás ou o nó do tecelán, de Teatro de Ningures, tamén rexistrou catro postos de finalistas: dirección (Cristina Domínguez), adaptación/tradución (Vanesa Sotelo e Henrique Harguindey), e actriz secundaria por partida dupla (Rebeca Montero e Casilda Alfaro).
En total, 17 obras optan aos premios, incluías as sete finalistas nas categorías de mellor expectáculo infantil e mellor espectáculo de monicreques, obxectos e figuras animadas
Na categoría de mellor espectáculo infantil son finalistas Rogelio III (La fête), de Assircópatas; Monstros, de Producións Teatráis Excéntricas; O mundo está roto pero pódese camiñar, de Contraproducións; e Pum! Pum! Quen hai?, de Ártika Cía.
E, finalmente, no apartado de espectáculo de monicreques, obxectos e figuras animadas as producións finalistas son Os contos do Lobicán, de Redrum Teatro; Moby Dick, de Pedras de Cartón, e Gaia Baba, a meiga, de Nauta Teatro.