"Cada un levamos un pouco de Iribarne dentro e pensamos que estaba ben poder sacalo en escena a xogar", di a dramaturga, actriz e produtora da obra Esther Carrodeguas. Coas estreas en Madrid e Vilalba superadas, a peza inicia a súa xira para achegarse a este personaxe capital da nosa Historia recente, que resulta tan "difícil de abordar"
Who the f*ck is Iribarne? repite o retrouso da canción principal de Berto para Iribarne, a obra escrita por Esther F. Carrodeguas e dirixida por Xavier Castiñeira que producen na compañía ButacaZero, en coprodución co Centro Dramático Nacional e a MIT de Ribadavia. Un mes no Teatro Valle-Inclán de Madrid e unha estrea galega en Vilalba, de onde provén o protagonista, non fixeron máis que incrementar as expectativas desta peza que non é un biopic pero que ten moito de investigación teatral detrás. Tres horas de repaso pola historia recente do noso país a partir dun home, Manuel Fraga Iribarne, convertido xa nun mito para o PP en Galicia.
“É unha traxedia que ten por riba un pouco de comedia como recurso para sobrevivir. Eu tamén uso a comedia no meu día a día para sobrevivir as cousas que doen, e penso que isto adoita traducirse nas miñas pezas. Dende a comedia se poden tratar temas que na traxedia son moito máis difíciles de tragar. Non por abordar temas alegres ou cómicos, resultan cómicos no transcurso da peza, senón todo o contrario. Iribarne é particularmente tráxica e cómica, con momentos de gags continuos que o público agradece porque lle encanta rir. Como di Mary Poppins, cun pouco de azucre esta pílula que vos dou pasará mellor”, argumenta Carrodeguas.
Este sábado a obra chega a Compostela con todas as entradas vendidas para o Auditorio de Galicia. Pero haberá máis oportunidades para vela, estas son as datas confirmadas no país ata o momento: Pontevedra, no Pazo da Cultura, o 8 de febreiro; O Barco de Valdeorras, no Teatro Municipal Lauro Olmo , o 23 de febreiro; Vilagarcía de Arousa, no Auditorio Municipal , o 24 de febreiro; A Coruña, no Teatro Rosalía de Castro , os días 15 e 16 de marzo; Lugo, no Auditorio Municipal Gustavo Freire, o 11 de abril; Tomiño, no Auditorio Municipal de Goián, o 20 de abril; Cangas, no Auditorio Xosé Manuel Pazos o 4 de maio; Narón, no Pazo da Cultura , o 18 de maio; e a MIT de Ribadavia, que se celebrará entre o 19 e o 27 de xullo.
"Creo que podemos saber o que fixo e o que dixo, pero non o que Fraga pensaba", razoa Esther Carrodeguas
Non abundan os achegamentos á figura de Fraga desde as marxes, lonxe do relato ortodoxo. Isto animou a Esther Carrodeguas a comezar unha investigación sobre el, un proceso que se dilatou máis do que pensaba e superou o ano do seu centenario, que se celebrou o 23 de novembro de 2022. “Hai algo que acontece co personaxe Fraga, que penso que é que el mesmo se contou moito. Escribiu a súa biografía política pormenorizada. Xa moi novo estivo encargado da propaganda na ditadura así que os medios de comunicación eran o seu ámbito. Está claro que dominaba como construír o discurso para que se contase só a historia del que el quería. O que eu intentei foi identificar que cousas das que el contaba estaban escritas para esconder outras”, destaca a dramaturga.
Tras todas as horas que pasou somerxida no universo de “Don Manuel” nos últimos dous anos, Carrodeguas percibe como que o seu poder mantense vivo máis alá da persoa. “Non é un personaxe fácil de abordar porque era moi contraditorio: era un franquista, pero logo non deixa de ser un demócrata e incluso abraza ideas nacionalistas ou federalistas na súa etapa como presidente da Xunta. Como reivindicas o que a ti che interesa sen sacar á luz os outros? Non é doado. Ao final, creo que podemos saber o que fixo e o que dixo, pero non o que el pensaba”, conta.
Xurxo Cortázar, Jorge de Arcos, Esther F. Carrodeguas, Mónica García, Anxo Outumuro e Lidia Veigason Iribarne en diferentes momentos da obra. Ese alter ego, que vai mudando de corpo, axuda a contar o que pasou en España no cambio da ditadura á democracia, que deixou a Fraga no mesmo sitio: en postos de mando. “Cada un levamos un pouco de Iribarne dentro e pensamos que estaba ben poder sacalo en escena a xogar”, revela a dramaturga e actriz.
“Este espectáculo para un intérprete é un caramelo, hai moitos rexistros e un montón de personaxes, ás veces tes que cambiar en décimas de segundo”, salienta o actor Xurxo Cortázar, un dos veteranos do elenco xunto a Mónica García, da que destaca a súa “enerxía vital”. Lidia Veiga, Jorge de Arcos e Anxo Outumuro practicamente non o lembran como presidente da Xunta porque eran moi novos cando faleceu en 2012. A mestura de xeracións foi buscada para aportar diferentes olladas sobre o personaxe.
Tanto a Xavier Castiñeiras como a Esther Carrodeguas interesáballes falarlle ás novas xeracións que queren entender como chegou ata aquí
“Queriamos facer unha peza desde a nosa xeración –apunta Esther Carrodeguas– para poder afastarnos de Fraga o máximo posible. Eu non lembro o Fraga ministro nin cando se redactou a Constitución, para min todo iso é pasado, por iso podo facer unha peza con distancia plástica e de ritmo, porque non son cousas que nós viviramos e polas que sintamos un apego especial”. Ademais, tanto a Xavier Castiñeiras como a Carrodeguas interesáballes falarlle ás novas xeracións que queren entender como chegou ata aquí.
De aí que contasen con Berto para crear as músicas orixinais do espectáculo e que o movemento corporal e a performance estea presente grazas ás ensinanzas de Sabela Domínguez. “Pasaron cousas con esta peza porque asuntos que non estaban feitos para tocar directamente coa realidade de hoxe, resulta que están de máis actualidade ca nunca. Refírome ao Prestige agora coa crise dos ‘pellets’ ou á amnistía, que cando a representamos en Madrid estaba a redactarse a lei”, engade Carrodeguas.
Xurxo Cortázar considera que esta montaxe vai “deixar pegada” durante bastante tempo: “Será unha nova proba en cada sitio porque os públicos son moi diferentes”
Esta peza de teatro é como unha gran reportaxe, para moitos contará episodios sabidos e para outros non tanto, pero promete xerar moitas preguntas para os coloquios posteriores no patio de butacas. Aínda que non o pareza polo contado ata o de agora, a súa creadora afirma que “a peza está sustentada no silencio”, que de feito é unha das palabras que máis se proxecta na gran pantalla en escena; porén, pretende xerar “moito diálogo” interxeracional.
“Non sabiamos moi ben como ía reaccionar a xente en Vilalba e a verdade é que foi mellor do que pensabamos. Mentres estás na función xa notas se o público está metido na obra, que non é doado neste caso porque a calquera lle pode custar concentrarse as horas, pero é que pasan moi rápido”, relata Xurxo Cortázar, que considera que esta montaxe vai “deixar pegada” durante bastante tempo. “Será unha nova proba en cada sitio porque os públicos son moi diferentes”, prognostica o actor.
Iribarne foi un reto total para a compañía ButacaZero, fundada por Carrodeguas e Castiñeira, a produción desta peza que no equipo definen como “un transatlántico” polo tamaño das escenografías e do propio equipo técnico e artístico implicado. “En que momento isto se fixo tan grande?”, ironizan. “Contar coa coprodución do CDN permitiunos darlle unha estabilidade o equipo que nos acompaña, e salarios dignos”, resalta Esther Carrodeguas.
O reto pendente é levar a peza de xira por Galicia e polas principais cidades do Estado. No noso país está a atopar algunhas dificultades para que a programen, de feito, nas primeiras datas confirmadas da súa xira galega non figuran as cidades de Vigo, Ferrol e Ourense, nas que agardan poder representar Iribarne, así como poder regresar noutra ocasión a Santiago.