O 23 de novembro de 1922 nacía en Vilalba Manuel Fraga Iribarne. Era o fillo de María Iribarne Dubois e de Manuel Fraga Bello, ambos emigrantes retornados de Cuba, onde se coñeceran. Fraga Bello fora, ademais, alcalde da vila entre ecos da ditadura de Primo de Rivera e volveríao ser tras nomeáreno os golpistas en 1937.
O centenario de quen foi alto dirixente da ditadura de Franco, refundador da dereita española e presidente da Xunta chega neste novembro de 2022 entre ecos doutro aniversario, o da catástrofe do Prestige. As consecuencias políticas da xestión da catástrofe, como el mesmo admitiría nas súas memorias Final en Fisterra, foron clave para a súa caída no Goberno galego en 2005.
Os fíos da memoria que arrodean a Fraga Iribarne, falecido en 2012, son moitos. O partido que fundou ten previsto homenaxealo en Vilalba. "Homenaxearemos a don Manuel Fraga, o noso presidente fundador e unha figura fundamental na historia de Galicia", destacaron en datas previas dende a formación que agora encabeza Alfonso Rueda, quen tamén salienta a súa intención de "reivindicar a figura do fundador do Partido Popular e dun dos pais da Constitución española".
Entre ecos do vixésimo aniversario do Prestige, clave na fin do seu mandato na Xunta, o PPdeG homenaxea a Manuel Fraga no seu centenario como fundador do partido e artífice de amplas maiorías a escasos metros da fundación que leva o seu nome, que segue abandonada
Esa homenaxe -sen Alberto Núñez Feijóo- será na propia Vilalba, concello que a dereita gobernou ininterrompidamente durante catro décadas, as máis das veces con maiorías esmagadoras, ata que o PP perdeu en 2019 a alcaldía que gañou a socialista Elba Veleiro. Como noutras ocasións, os populares cítanse ante o monumento erixido na honra do seu fundador en 1970 nas proximidades da súa casa natal, a que formalmente é sede da Fundación Manuel Fraga, na que se amorean o po e as caixas de documentos sen ordenar. O pasado xaneiro, no décimo aniversario do seu pasamento, os promotores da entidade laiábanse de non dispoñer de cartos nin infraestrutura ningunha para activala.
O busto na alameda de Vilalba -varias veces boicoteado e desaparecido e actualmente arrodeado por bancos pintados coas cores da bandeira LGBTI- non homenaxea, en rigor, a Don Manuel, ancián presidente da Xunta de 1989 a 2005. Nin sequera ao fundador do PP nin ao pai da Constitución. Foi erixido en 1970 en tributo a quen ata o ano anterior e durante os sete previos fora ministro de Información e Turismo do Goberno do ditador. Dende o que deixou un Parador en Vilalba, pero tamén dirixiu o aparello da propaganda franquista, quer para presentar España como un paraíso turístico, quer para enxalzar o réxime ditatorial como paradigma da placidez.
Daquela factoría de 'información e turismo' saíra o célebre Spain is different!, pero tamén os Veinticinco años de paz e as xustificacións de fusilamentos. Tras a súa primeira etapa ministerial pasou brevemente ao mundo empresarial (foi director xeral de Cervezas El Águila) para despois ser embaixador no Reino Unido e regresar ao Consello de Ministros tras o falecemento de Franco, antes da restauración da democracia.
A Comisión para a Recuperación da Memoria Histórica da Coruña lembra cun documental o pasado de Fraga como alto cargo da ditadura franquista
A esoutro Fraga, ao Fraga Iribarne que antecedeu biograficamente a Don Manuel, é ao que quere lembrar no seu centenario a Comisión para a Recuperación da Memoria Histórica da Coruña. Faino cunha peza documental Camarada Fraga, memoria dun franquista, coa que apostan por expoñer a "cara B" do personaxe, quen con esa denominación, "camarada Manuel Fraga Iribarne" cesou en 1961 como Delegado Nacional de Asociaciones de Falange Española Tradicionalista y de las JONS, pouco antes de ser nomeado ministro.
No ministro e embaixador da ditadura, no fundador do PP, no presidente da Xunta, na personalidade "particularísima e popularísima" que tanto foi catedrático de Dereito Político e Teoría do Estado como "deseñou o que é Galicia e España" é no que se fixa outro dos proxectos xurdido en torno ao centenario, Iribarne, promovido por ButacaZero. O traballo, como explican as súas promotoras, non pretende ser un biopic de Fraga, senón un espectáculo a partir "dunha nvestigación sobre a súa vida e o seu percorrido político para chegar a entender non só a figura do político, senón, principalmente, a afectación que tivo -e segue a ter- nas nosas vidas".