Vilalba, a vila natal de Fraga e onde Alianza Popular chegou a obter o 82% dos votos, está gobernada desde hai un mes por primeira vez por unha muller, Elba Veleiro, do PSdeG, en alianza coa marea local Vilalba Aberta
Elba Veleiro (Vilagarcía, 1955) é médica no centro de saúde de Vilalba desde 1981 e concelleira nesa mesma vila polo PSdeG desde 2007. Desde o pasado 15 de xuño é ademais a primeira alcaldesa, apoiada pola marea local Vilalba Aberta, dun concello ata agora sempre gobernado pola dereita no que en 1983 Alianza Popular chegou a obter o 82% dos votos. Desta volta os socialistas superaron ao PP co 43% fronte ao 39% nun municipio simbólico para os populares, no que un busto colocado en 1970 entre o Concello e a súa casa natal lembra que alí foi onde naceu o seu fundador, Manuel Fraga.
A entrevista foi concertada antes de que o pasado domingo unha muller fose asasinada na vila presuntamente polo seu ex-marido, que se suicidou despois, e a conversa tivo lugar xusto antes dunha das varias concentracións que se celebraron en condena dese feito.
Outra muller vén de ser asasinada, agora en Vilalba. Que valoración fai a primeira alcaldesa que ten a vila?
Sentímonos todos impotentes porque unha e outra vez, en calquera parte, en calquera lugar, se produzan vítimas por violencia machista. E cando toca no propio municipio pois moito máis, porque aínda que non teñas unha relación directa coñeces ás persoas, coñéceas o resto dos veciños.
Que pode facer un concello para erradicar o machismo?
"Contra a violencia de xénero hai que incidir na educación, creo que é a única posibilidade de que se poida chegar a un número cero de vítimas, esperemos que nun futuro o máis próximo posible"
Aquí a verdade é que levamos moitos anos traballando na prevención e o seguimento da violencia de xénero. Hai dez ou doce anos fixemos un protocolo insterinstitucional no que colaboraban a Policía, a xudicatura, a Garda Civil, a Policía Local, os servizos sociais do Concello e o centro de saúde. Eu non estaba aínda daquela na política pero acudía como representante do centro de saúde e funcionaba. Facíanse valoracións, achegábanse novas ideas para mellorar as actuacións. Nos últimos anos xa está moito máis formalizado e protocolizado por parte do Estado e da Xunta, e coas distintas leis de igualdade e contra a violencia de xénero. Neste caso creo sinceramente que se cumpriu o protocolo, hai pouco relativamente que se presentara a denuncia e se ditara a orde de afastamento, pero é imposible prestar atención as 24 horas a todas as mulleres que presentan unha denuncia. É materialmente imposible por medios materiais e humanos. Como sociedade é un fracaso e o punto que considero básico no que hai que incidir é na educación, a formación das persoas desde nenos en igualdade de dereitos e de obrigas. Creo que é a única posibilidade de que se poida chegar a un número cero de vítimas, esperemos que nun futuro o máis próximo posible.
Vostede chegou hai pouco máis dun mes á alcaldía tras 40 anos de gobernos democráticos de dereitas. Nas municipais gañou o PSdeG ou perdeu o PP tras catro décadas de poder?
“A maioría absoluta do PP en Vilalba nos últimos 40 anos viña enlazada ás mesmas familias que os 40 anos anteriores da ditadura”
Creo que se mesturan as dúas cousas. Por un lado creo que é unha vitoria do PSOE porque leva moitos anos, non só na última lexislatura, traballando con seriedade e responsabilidade, facendo o seu traballo de oposición de fiscalización do goberno e de proposta de alternativas. Creo que o PP perdeu en parte por iso, porque posiblemente era unha maioría absoluta a dos últimos 40 anos da democracia que viña enlazada practicamente ás mesmas familias, a mesma liña de pensamento, que os outros 40 anteriores da ditadura. Nestes últimos anos notábase unha falta de actividade, de planificación. Vilalba é un concello que non é que teña moitos habitantes, pero é moi grande, ten moitas parroquias, e é o centro de toda a Terra Cha, é un centro de servizos. Non se pode permanecer sen facer, sen mirar pola xente, porque a cidadanía dáse conta.
Pero por que agora e non antes este cambio?
Xa en 2015 quedamos a 20 votos de conseguir outro concelleiro para o PSOE que xunto co BNG e Vilalba Aberta quitaría a maioría absoluta ao PP. Daquela, tras tantos anos, a xente pensaba que non era posible, dicíanolo pola rúa, pero aquilo foi abrir os ollos e ver que era posible, que 20 votos non é nada. Nestes catro anos ademais de seguir coa mesma actitude de fiscalizar e propoñer intentamos que se visualizara que se a xente quería cambio, non só tiña que dicírnolo senón dicilo co seu voto.
Falaba vostede das características de Vilalba, que como cabeceira comarcal aínda atrae mocidade e nacementos, pero ao tempo é un concello rural envellecido e moi grande, cunha trintena de parroquias. É viable seguir mantendo os servizos en todas as parroquias? Como se fai?
É certo que é unha poboación envellecida e o Concello, como administración máis próxima á cidadanía, ten a necesidade de achegar recursos en servizos sociais a unha maior demanda que noutros concellos. Iso supón un investimento forte nos orzamentos do Concello. Cremos que os servizos sociais están bastante ben atendidos. Pero todo é mellorable. Agora mesmo temos un conflito, que xa viña de atrás, no servizo de axuda no fogar, que ten 150 traballadoras e máis de 300 usuarios. Hai un conflito laboral por diferenzas entre o salario e o establecido no convenio e o Concello como último prestador do servizo é o máis interesado en que se chegue a unha solución.
Vostede é médica desde hai anos nunha cabeceira de comarca rural e chega á alcaldía cando están a aumentar as protestas cidadás e profesionais pola situación da sanidade, especialmente fóra das zonas máis urbanas. Que pode facer a Xunta e que pode facer un concello para melloralo?
O Concello non ten competencias, son do Sergas, evidentemente. Eu levo doce anos na oposición, sempre traballei no centro de saúde e sempre procurei plantexar aquí cuestións que podían ser de ámbito local, como facer ver as necesidades concretas sen utilizalo políticamente. Na atención sanitaria á poboación non debe haber partidismos nunca senón estar todos a unha para pedir a mellor atención para as persoas. Levo 40 anos de profesión, case 39 aquí en Vilalba, gústame a miña profesión, e noutras etapas houbo tamén conflitos importantes. O que podo achegar é a experiencia que teño das necesidades.
Leva pouco máis dun mes á fronte do Concello. Cal foi a primeira decisión política que tomou?
"Eu pensaba que nun cambio de goberno tan rechamante teriamos que tomar decisións complexas, difíciles, non sei, de máis entidade, pero pasamos a primeira semana pensando nunhas sardiñas e nunhas chaves"
Vou poñelas en plural, as primeiras decisións, que o foron por inmediatez. [Tras a investidura o sábado 15 de xuño] o 23 de xuño, que era domingo, era a sardiñada de San Xoán e estaba sen organizar. Apalabraran cunha empresa que ía traer as sardiñas, pero sen orzamento, sen autorización de intervención, sen nada máis. Iso, e facernos cargo das chaves do Auditorio e do Conservatorio, que non teñen servizo de conserxería neste momento. A verdade é que a primeira semana eu mesma cuestionábame. Eu pensaba que nun cambio de goberno tan rechamante teriamos que tomar decisións complexas, difíciles, non sei, de máis entidade. E que pasáramos unha semana pensando nunhas sardiñas e nunhas chaves, de verdade...
"Propuxemos que en vez de damas das festas as entidades nomeasen un representante, home ou muller, e hai seis rapaces"
Despois si que tomamos decisións como manter pechado o parque acuático mentres non se fixesen obras de seguridade nel. Ou a negociación para as Festas do San Ramón e a figura das raíñas e as damas. Desde o grupo socialista pensabamos que había que cambiar esa posta en escena. Non nos parece que a imaxe da muller sexa a máis acaída. As raíñas xa estaban elixidas con antelación e respectámolas pero as damas non e decidimos facer un cambio, que en vez de que fosen damas, que representan a asociacións ou clubs, invitamos a que as entidades nomeasen un representante, home ou muller. E temos a gran satisfacción de que, se outros anos había sete ou oito damas, este ano ao final son 18 ou 19 e seis son rapaces. Parécenos que é un pequeniño paso. E comentámolo cos compañeiros de Vilalba Aberta incluso antes de que entrasen a formar parte do goberno local e pareceulles ben.
O último alcalde do PP, Agustín Baamonde, que xa o fora entre 1990 e 2005, substituíra a metade do anterior mandato a Gerardo Criado, que gañara as últimas convocatorias electorais. Agora vén de reabrirse unha causa penal por prevaricación contra Criado pola súa xestión de varios contratos á fronte do Concello. Canto ten que ver iso coa súa substitución á fronte do PP e coa vitoria agora do PSdeG?
Como alcaldesa non vou facer manifestacións. Total respecto pola actividade xudicial. Pedimos presunción de inocencia como para calquera outra persoa. O Concello implicarase na medida en que lle sexa demandado por parte da xudicatura aportar datos para a investigación, como non pode ser doutra maneira.
Feijóo fixo campaña en Vilalba presentando a Fraga como exemplo de “cordialidade” fronte ao “sectarismo” doutras formacións. Que tipo de diálogo ou cordialidade espera ter coa Xunta?
Pois espero que por responsabilidade teñan unha relación respectuosa e incluso cordial. De feito, a relación co meu antecesor, Agustín Baamonde, a miña impresión, é de total cordialidade. Moitas veces chanceamos con que cando teñamos que ir á Deputación [de Lugo, que goberna o PSdeG], imos os dous a petar, e cando teñamos que ir á Xunta, imos os dous. Espero que nos traten con equidade, que non nos dean nin máis nin menos que o que merece e lle corresponde Vilalba.
Cada certo tempo Vilalba volve ser noticia pola desaparición máis ou menos prolongada do busto de Fraga. Colocouse no centro da alameda da vila en 1970 como homenaxe á súa figura durante o franquismo, non como presidente da Xunta ou pola súa posterior traxectoria en democracia. Que vai facer con el?
"A mellor solución para o busto de Fraga sería movelo da alameda á súa Fundación, pero ese debate non é prioritario, e se volve desaparecer, que espero que non pase, eu non volvería gastar 7.000 euros nel, pero non me vai quitar o sono"
É un debate que xa se plantexou a última vez que desapareceu. Outras veces aparecera pero desa volta non e fíxose unha copia, así que plantexouse ese debate. A postura do grupo socialista foi que como o busto fora unha doazón no ano 70 do pobo de Vilalba e posteriormente na democracia acadara postos de relevancia, a presidencia da Xunta tantos anos con maioría absoluta, votado polos galegos e as galegas, que non era cuestión de obviar a traxectoria posterior da persoa na democracia porque o busto fose do ano 70. Habería que abrir un debate tranquilo e buscar a mellor solución. Posiblemente o mellor para equilibrar as dúas situacións, a predemocrática e a democrática, é que a Fundación Manuel Fraga está situada fronte a onde está agora o busto e esa sería unha posible solución. Verase. Non é un tema prioritario para a cidadanía e non seremos nós os que abramos de forma inmediata o debate. Seguro que se vai abrir, pero máis adiante.
E se volve desaparecer, volverá colocar outro? A última vez custou 7.200 euros.
Esperemos que non volva desaparecer (sorrí). Parece que este está moito máis aparafusado. Nese momento plantexaríase o tema e si habería que tomar decisións. O sentir do grupo socialista é que se fixera unha sondaxe entre a poboación para ver que solución parece a mellor. Persoalmente, non volvería gastar 7.000 euros. Creo que hai que ser un pouco serios. Espero que non desapareza pero sería unha cuestión menor, hai problemas moitísimo máis graves. Non me vai quitar o sono.