A metade do último mandato os populares, temendo o peor, decidiron substituír o alcalde, o que non impediu o seu descenso ata o 39% dos votos
Vilalba, a vila natal de Manuel Fraga, deixará de estar gobernada por primeira vez pola dereita. Alí onde a Alianza Popular liderada polo ex-ministro franquista chegou a obter en 1983 o 81,9% dos votos, e onde xa en 1995, con Fraga consolidado na Xunta, o PP aínda superaba o 75%, os populares veñen agora de caer ao 38,9% dos votos, superados por primeira vez polo PSdeG, co 43,4%. Os socialistas, con 8 concelleiros, só precisan que non se produza un improbable pacto dos 7 edís do PP cos 2 de Vilalba Aberta, a marea local, nunha Corporación na que o BNG perde o escano co que contaba hai catro anos.
O devalo dos populares en Vilalba, onde Fraga segue presente a través dun polémico busto colocado en 1970 no centro da alameda, concrétase agora na perda da alcaldía pero iniciouse nas pasadas municipais e o PP non puido evitalo nin coa manobra coa que hai dous anos o histórico Agustín Baamonde volveu á alcaldía. Baamonde fora alcalde de Vilalba entre 1990 e 2005, coincidindo cos anos de Fraga na Xunta. En 2003 aínda obtivo o 62% dos votos, pero dous anos despois foi elixido deputado autonómico e deixou a alcaldía en mans do seu segundo, Gerardo Criado. Este obtivo tres maioría absolutas máis, pero na última, a de 2015, baixou ata o 47% dos votos, con un só concelleiro de diferenza coa oposición, o que espertou todas as alarmas no partido.
O propio Feijóo fixo campaña en Vilalba presentando a Fraga como exemplo de “cordialidade” fronte ao “sectarismo” doutras formacións e declarando herdeiro dese modelo a Agustín Baamonde
A metade do último mandato e temendo o peor o PP decidiu recuperar para a alcaldía a Baamonde, que seguira indo en postos inferiores nas listas, e retirou a Criado no Senado. O propio Feijóo fixo campaña en Vilalba presentando a Fraga como exemplo de “cordialidade” fronte ao “sectarismo” doutras formacións e declarando herdeiro dese modelo a Baamonde. A operación non funcionou e o traballo de fondo realizado nos últimos anos polo PSdeG encabezado pola médica Elba Veleiro vén de facer que os populares perdan outros 8 puntos, o concelleiro que aínda lles daba a maioría absoluta e, con el, a alcaldía.
Que algo estaba comezando a cambiar en Vilalba tamén o sospeitaba hai ano e medio o ata agora alcalde, Baamonde. En novembro de 2017, un ano despois de volver á alcaldía, o busto de Fraga na alameda volveu desaparecer. Non era a primeira vez, sempre acababa aparecendo no río. Pero desa volta o propio Baamonde temía que non ía ser igual. Xa non era “unha trasnada”, dicía, senón “un traballo cirúrxico, profesional”. “Esta vez, é unha opinión persoal, non aparece”, prognosticaba.
Ano e medio despois, tras gastar o Concello 7.200 euros nun novo busto aparafusado ao seu pedestal, ante o que Ciudadanos reivindicou a figura de Fraga na campaña nas eleccións xerais de hai un mes, as municipais veñen de confirmar que moitas cousas estaban cambiando en Vilalba.