Ciudadanos reivindica a Manuel Fraga xunto ao seu polémico busto en Vilalba

José Manuel Blanco, candidato de Ciudadanos, abrigando co seu paraugas o busto de Fraga © Ciudadanos

O cabeza de lista ao Congreso por Lugo, José Manuel Blanco, asegura que o ex-presidente da Xunta e ministro con Franco “non consentiría a corrupción do PP” nin estaría de acordo coa deriva de Casado, malia que o seu daquela 'número 3', Pablo Crespo, foi condenado na Gürtel

O cabeza de lista de Ciudadanos ao Congreso por Lugo, José Manuel Blanco, convocou este martes aos medios de comunicación na alameda de Vilalba, a vila natal de Manuel Fraga, para facer público o seu recoñecemento ao falecido ex-presidente da Xunta xunto ao busto co que foi homenaxeado cando deixou de ser ministro de Franco. Alí Blanco asegurou que Fraga “non consentiría a corrupción do PP” nin estaría de acordo coa deriva política de Casado á fronte do partido. 

Porén, hai un ano a condena polo caso Gürtel converteu a quen foi número 3 de Fraga á fronte do PPdeG, Pablo Crespo, no primeiro deputado da historia da autonomía galega encarcerado por corrupción. O propio Crespo declarou no seu momento que naquela época, con Fraga á fronte, era habitual o pagamento de sobresoldos con diñeiro negro.

O candidato de Ciudadanos, que foi militante do PP, quixo reivindicar as ideas e o traballo de Fraga asegurando que baixo o paraugas de Ciudadanos cabe todo o mundo, e simbolizouno abrigando co seu o busto do político falecido en 2012. Unha escultura rodeada de polémica e que xa desapareceu en varias ocasións dese emprazamento no que foi instalada en 1970, a última vez a finais de 2017, para acabar sendo instalada outra copia, mellor ancorada, o pasado ano polo Concello tras un custo de 7.200 euros.

O pedestal do busto de Fraga cando este volveu desaparecer a finais de 2017 CC-BY-SA Praza Pública

O candidato de Ciudadanos tamén criticou que o ex-alcalde de Vilalba Gerardo Criado fose o que menos iniciativas presentou como senador esta lexislatura

Este martes Blanco tamén quixo lembrar a última ocupación política de Fraga, a de senador, salientando tamén dela a dedicación do ex-presidente galego e comparándoa coa do ex-alcalde de Vilalba Gerardo Criado, que ocupou un escano na Cámara Alta esta pasada lexislatura destacándose como o representante galego con menos iniciativas presentadas. “Fraga non permitiría cousas como estas”, salientou o candidato de Ciudadanos. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.