Galicia é moito máis que as cidades. Varias ducias de vilas, algunhas conformando as áreas metropolitanas que rodean ás sete urbes, outras constituíndo importantes cabeceiras comarcais, conforman un tecido social e político de gran relevancia. Nas eleccións de 2015 o PP perdera un gran número destas vilas, algunha tan sinaladas como Ames, Vilagarcía, Cangas, Cambre, Ponteareas, Lalín, O Porriño, Moaña, Nigrán ou Sada. E os comicios desta noite deixaron un escenario moi semellante.
O PP gaña na terra de Xosé Cuíña, pero cae na de Manuel Fraga, un feudo por outro
Os populares recuperan algunha alcaldía tan simbólica para a formación popular como Lalín, pero ao mesmo tempo perden outra non menos significativa, como Vilalba. Gañan na terra de Xosé Cuíña, pero caen na de Manuel Fraga, un feudo por outro. De igual xeito, recuperan Chantada e poden facer o propio con O Porriño (á espera dun posible pacto coa Unión Democrática da Louriña), ao tempo que consolidan o seu goberno en Sanxenxo. Porén, ao mesmo tempo perden Xinzo de Limia ou Barreiros, entre outros concellos de importancia.
E, sobre todo, non conseguen asaltar case ningunha das prazas que perderan no 2015. De feito, o poder dos populares nas grandes vilas e vilas medias redúcese a Ribeira, Arteixo, Marín, A Estrada ou Mos, ademais de Lalín ou Chantada.
PSOE e BNG manteñen as posicións de 2015 e mesmo gañan algunha importante alcaldía
PSOE e BNG manteñen as posicións de 2015 e mesmo gañan algunha importante alcaldía. Os socialistas afianzan o seu dominio en Vilagarcía de Arousa, Monforte, Culleredo, As Pontes, Tui e Nigrán (con maioría absoluta) e tamén en Ames, Viveiro, Verín, O Carballiño, O Barco, Ribadavia, O Grove, Boiro e mesmo Redondela, se hai acordo entre as tres forzas que ata agora formaban a oposición ao PP, podendo acceder ao Goberno local de Xinzo de Limia.
O Bloque mantén as súas maiorías absolutas en Carballo, Ribadeo e Allariz, e mantén as súas alcaldías en Moaña, Bueu Rianxo, Poio, Ponteareas ou Fene. Gaña, ademais, unha nova praza en Barreiros.
Terra Galega mantén o seu feudo de Narón, o mesmo que Alternativa dos Veciños en Oleiros (ademais de estender a súa representación a Sada, Culleredo ou Arteixo). E tamén mantén a Alcaldía Unión por Cambre nesta localidade coruñesa.
Sadamaioría en Sada e Nós Pobra na Pobra do Caramiñal afianzaron as alcaldías destas formacións, que escapan dos malos resultados doutras mareas locais. Máis axustado foi o resultado de ACE en Cangas e Son de Teo en Teo, que poderán manter o goberno se chegan a un acordo coas outras forzas de esquerda que obtiveron representación.