O PP soña con recuperar o goberno das vilas nun escenario de fragmentación

Casa do Concello de Vilagarcía de Arousa CC-BY-SA Furado

O que pase nas eleccións municipais pode marcar o futuro inmediato da política galega. Por suposto, o que suceda nas sete cidades (das que o PP tan só goberna en Ourense), pero tamén nun amplo conxunto de vilas e grandes concellos que ou ben rodean as sete urbes ou constitúen importantes cabezas de comarca.

No 2015 o PP só retivo 1 das 7 cidades galegas e dos seguintes 20 concellos máis poboados só foi quen de chegar ao Goberno en Arteixo, Redondela, Ribeira, Marín, A Estrada e Boiro

As sete cidades galegas suman case 1 millón de habitantes (un 37% da poboación total de Galicia), pero os 15 concellos entre 20.000 e 50.000 habitantes achegan outras 432.000 persoas, conformando a metade da poboación do país. De igual xeito, os 34 concellos entre 10.000 e 20.000 suman case outro medio millón. Nestes pouco máis de medio cento de localidade xógase o futuro político de Galicia.

Nas eleccións municipais de 2015 o PP só retivo 1 das 7 cidades galegas e dos seguintes 20 concellos máis poboados só foi quen de chegar ao Goberno en Arteixo, Redondela, Ribeira, Marín, A Estrada e Boiro, perdendo prazas tan importantes como Ames, Vilagarcía, Cangas, Cambre, Ponteareas, Lalín, O Porriño, Moaña, Nigrán ou Sada. De seguro que un dos grandes obxectivos do Partido Popular o 26M será recuperar o terreo perdido na Galicia urbana, algo que ademais semella imprescindible para reconquistar as deputacións da Coruña, Lugo e Pontevedra.

Porén, nesta ocasión a dereita terá que dar esa batalla nun escenario de fragmentación do seu campo político, coa irrupción de Ciudadanos, que presenta lista en case todas as vilas e concellos máis poboados e coa incógnita de VOX, que só compite en seis localidades, ademais das sete cidades. Unha fragmentación, por outra banda, moi semellante á que presenta a esquerda e o nacionalismo, aínda que neste caso o escenario é máis coñecido.

Os feudos do PP

No 2015 o PP perdeu o Goberno de vilas tan importantes como Ames, Vilagarcía de Arousa, Cangas do Morrazo, Cambre, Ponteareas, O Porriño, Lalín, Moaña, Nigrán ou Sada

No ano 2015 o PP perdeu o Goberno de vilas tan importantes como Ames, Vilagarcía de Arousa, Cangas do Morrazo, Cambre, Ponteareas, O Porriño, Lalín, Moaña, Nigrán ou Sada. E entre as localidades de máis de 15.000 habitantes só conservou Arteixo, Redondela, Ribeira, Marín, A Estrada, Boiro ou Mos. Ademais, en varios destes lugares fíxoo de forma moi axusta, acadando a maioría absoluta por un só concelleiro, gobernando en minoría ou chegando a acordos con grupos independentes.

As eleccións municipais do 26M serán moi diferentes ás xerais do 28A, pero a proximidade destes comicios obriga a observar con detemento os seus resultados. O PP caeu 15 puntos en Arteixo, ficando por debaixo do 20%, 11 puntos en Redondela obtendo o 21,6%, e case 18 puntos en Ribeira superando o PSdeG por menos dun 3% dos votos. En xeral, o PP perdeu máis de 10 puntos en todas as grandes vilas e vilas medias do país.

Unha parte deses votos perdidos foron parar ás dúas formacións que compiten co PP no campo da dereita e da ultradereita, Ciudadanos e VOX. Neste grupo de vilas VOX moveuse entre o 5 e o 6 por cento, superando o 7% en Oleiros. Con todo, cómpre salientar que nas localidades de máis de 10.000 habitantes, o partido de Santiago Abascal só foi quen de presentar lista en Sada, Vilagarcía, Baiona, Verín e O Porriño, ademais de nas sete cidades.

Ciudadanos presenta listas en 69 concellos galegos, entre eles todas as principais vilas

Máis importante será a competencia de Ciudadanos, que presenta listas en 69 concellos galegos, entre eles todas as principais vilas. Nelas a formación laranxa moveuse nas eleccións xerais por riba do 10% en case todos os casos, superando o 15% en Oleiros, Sada, Ames e Culleredo e achegándose a esa porcentaxe en Nigrán, Arteixo, Cambre ou Poio.

As grandes vilas gobernadas polo PSdeG

O  28A o PSdeG foi a forza máis votada na maior parte das grandes vilas, mesmo nalgunhas gobernadas pola dereita, como Mos, Tui, Boiro, Redondela ou Arteixo

O ciclo electoral iniciado en 2014 supuxo unha forte caída para PSOE (recuperada nas eleccións xerais do 28A), pero nas municipais do 2015 foi quen de reter as alcaldías de Lugo e Vigo e tamén importantes vilas como Culleredo ou Viveiro e conquistando outras como Vilagarcía, Ames, Monforte, O Porriño ou Nigrán. Un bo resultado que tentará consolidar e mellorar aproveitando a súa tendencia alcista. Nos comicios do 28A foi a forza máis votada na maior parte das grandes vilas, mesmo nalgunhas gobernadas pola dereita, como Mos, Tui, Boiro, Redondela ou Arteixo.

 

As prazas do BNG

Aínda que os resultados do BNG nas cidades foron moi malos, nas grandes e pequenas vilas a formación nacionalista resistiu moito mellor, mantivo alcaldías como Carballo, Poio, Bueu, Ribadeo e Tomiño e gañou ou recuperou outras como Ponteareas ou Moaña, perdendo apenas Monforte. Ao igual que o PSdeG-PSOE, os seus retos nestes comicios son consolidar os avances acadados e conquistar novas prazas, aproveitando a súa tendencia alcista iniciada o 28A.

 

Mareas e outros grupos

As do 2015 foron as eleccións da irrupción das mareas cidadás, que obtiveron cifras notables nas cidades e algo máis modestos nas vilas. Aínda así, fixéronse por exemplo coa Alcaldía de Sada, recuperaron o goberno de Cangas para a esquerda ou afianzaron o dominio en Teo. Noutros lugares, os resultados foron moi cativos, moitas veces pola fragmentación en dúas ou máis candidaturas rupturistas. Unha fragmentación que se mantén nesta ocasión en moitos lugares: Vilagarcía en Común / Marea da Vila (Vilagarcía), Ames Novo / Contigo Podemos (Ames), ACE / Avante / Cangas Decide (Cangas).

Hai outro grupo de concellos nos que o Goberno municipal está en mans de formacións máis minoritarias, pero que asentaron o seu dominio nesas localidades. Nalgúns casos, dende hai moitos anos, como a Alternativa dos Veciños en Oleiros ou Terra Galega en Narón, que levan no poder nestes dous concellos dende os anos 80 (no caso de Narón con distintas fórmulas). Máis recente foi o triunfo de Rafael Cuíña e Compromiso por Galicia en Lalín, que puxeron fin en 2015 a 36 anos de goberno de AP/PP. A súa vitoria foi moi axustada (o PP quedou a un concelleiro da maioría absoluta) e este 26M buscará consolidala.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.