O presidente nega que o seu partido queira crear a nivel estatal "clima de tensión, de enfrontamento" como atribúe á oposición en Galicia
O PPdeG leva meses acusando á oposición, e en particular ao BNG, e a través del ao sindicato nacionalista CIG, de convocar protestas e manifestacións por cuestións como a sanidade ou a educación co único obxectivo de debilitar politicamente á Xunta. Este domingo foi o PP estatal de Alberto Núñez Feijóo o que convocou en Madrid a sétima manifestación expresamente contra o Goberno de España nos dous últimos anos. Preguntado polas diferenzas, este luns o presidente da Xunta e do PPdeG, Alfonso Rueda, defendeu a manifestación "en liberdade" de Madrid á que el mesmo acudiu fronte ás "algaradas" que atribúe a BNG e CIG.
Rueda foi preguntado na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta deste luns se o PP está facendo en Madrid "o que criticaban aquí" ao nacionalismo galego. Pero o presidente negouno. "Os condicionantes son outros", dixo, sen concretar, aínda que se lle repreguntou, cales eran eses condicionantes distintos máis alá de considerar lexítimas as súas críticas a Sánchez e infundadas as que lle fai a el a oposición.
Segundo Rueda, a manifestación de Madrid protestou contra un "goberno paralizado" que debe "convocar eleccións". "Iso foi o que fomos dicir, desde logo en completa liberdade", defendeu o líder popular. Fronte a esa postura, Rueda insistiu en chamar "algarada" a protestas convocadas en Galicia en defensa da sanidade ou o ensino porque, segundo di, os seus convocantes "din que é o camiño para perseguir os seus obxectivos, crear clima de tensión, de enfrontamento".
Para Rueda, iso non é o que pretende o PP a nivel estatal. "Na manifestación de onte non vería ningunha desas intencións". Fronte á "algarada" en Galicia, o PP, di o presidente, só se quere "manifestar de xeito pacífico e ordenado".
Rueda salientou o apoio "moi transversal" á manifestación que tamén este domingo pediu en Ferrol mellores servizos ferroviarios
Rueda tamén foi preguntado pola manifestación que tamén este domingo acolleu Ferrol en defensa de mellores servizos ferroviarios. Unha protesta que recibiu un moi amplo apoio social e político. O presidente ratificou que foi "moi numerosa" e amosou a súa "sensación" de que foi "moi transversal" ao amosar o "sentimento unánime de Ferrolterra e de toda Galicia" de que son necesarios mellores servizos ferroviarios.