Rueda maniféstase en Madrid contra a "mafia" de Sánchez dous días despois de negociar con el

Rueda na manifestación de Feijóo contra Sánchez en Madrid deste domingo © PPdeG

Feijóo propón "honestidade fronte a corrupción" ou "discrepancia ordenada" ante un Sánchez do que di que "incumpre a legalidade"

Dous días despois de que unha ducia de presidentes de comunidades autónomas do PP, entre eles Alfonso Rueda, sentasen negociar todo tipo de asuntos co presidente do Goberno de España, Pedro Sánchez, este domingo boa parte deles, incluído Rueda, manifestáronse polas rúas de Madrid cualificándoo como "mafia". Secundaban así a convocatoria realizada polo líder estatal dos populares, Alberto Núñez Feijóo, que considera a Sánchez "capo" desa "mafia". Segundo Rueda, a súa petición a Sánchez de convocatoria inmediata de eleccións faina "como presidente do PPdeG, representando a miles de afiliados, pero tamén como cidadán, representando a centos de miles de galegos".

Na súa intervención, Feijóo asegurou que Sánchez "incumpre a legalidade", pediulle "renderse ante a democracia" e formulou como propostas propias "honestidade fronte a corrupción" ou "discrepancia ordenada". No seu discurso o líder popular tamén asegurou que "o que aprendín co presidente Fraga, co presidente Aznar e co presidente Rajoy é a cumprir os compromisos".

Rueda con Feijóo e outros presidentes autonómicos na manifestación deste domingo 8 de xuño de 2025 © PPdeG

Antes da manifestación deste domingo, e tras a polémica polo uso o venres das catro linguas cooficiais na conferencia de presidencias autonómicas, o sábado Feijóo asegurou nun acto en Bilbao que as linguas son "unha riqueza" que "hai que preservar e nunca confrontar", polo que teimou en defender os seus reiterados conceptos de "cordialidade lingüística" e "bilingüísmo armónico" cos que hai década e media restrinxiu desde a Xunta o uso do galego no ensino. 

Rueda xa avanzara hai unha semana que asistiría á manifestación deste domingo porque "mentres non haxa eleccións xerais o que hai que facer é respostar na rúa". Facíao ao tempo que admitía que como presidente da Xunta seguiría negociando con Sánchez "mentres este goberno siga sendo o goberno do meu país". Unha postura que o PP vén combinando con reiteradas acusacións á oposición galega, nomeadamente ao BNG, de xerar "alboroto" nas rúas para "lograr o que non conseguiron nas urnas a través de esaxeración e conflitividade social". 

Representantes do PPdeG na manifestación deste domingo 8 de xuño de 2025 © PPdeG

Na concentración deste domingo en Madrid tamén interveu, xunto a Feijóo, a presidenta desa comunidade autónoma, Isabel Díaz Ayuso, quen asegurou que alí non se reciben subvencións por intereses políticos. "Madrid é libre" ou "España non é plurinacional" foron algunhas das súas proclamas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.