Rueda irá á manifestación de Feijóo contra a "mafia" de Sánchez, co que seguirá negociando

Feijóo e Rueda xuntos nun mitin nunha imaxe de arquivo © PPdeG

En plena campaña do PPdeG para desprestixiar as manifestacións contra o Goberno galego, o presidente di que mentres non haxa eleccións xerais "o que hai que facer é respostar na rúa" ao Goberno de España

O presidente da Xunta e do PPdeG, Alfonso Rueda, acudirá o vindeiro domingo á manifestación convocada polo presidente do PP estatal e ex-presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, contra a "mafia" coa que identifica o Goberno de Pedro Sánchez. Rueda considera, como Feijóo, que debera haber eleccións xerais canto antes e di que "mentres non as haxa o que hai que facer é respostar na rúa". 

"Eu asistirei e espero que asistan moitas persoas", asegurou o presidente, en plena campaña do PPdeG para presentar á inversa manifestacións en contra da Xunta como "alboroto" que pretende "lograr o que non conseguiron nas urnas a través de esaxeración e conflitividade social".

Rueda no Consello da Xunta deste luns CC-BY-SA David Cabezón - Xunta de Galicia

Rueda foi preguntado sobre se comparte con Feijóo que Pedro Sánchez é un "capo" e o Goberno de España unha "mafia". "As cousas que estamos sabendo fan moi difícil pensar o contrario", dixo o presidente galego, evitando corrixir o seu líder.

A Rueda tamén lle preguntaron, na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta deste luns, se ante esta situación segue considerando a Sánchez un "interlocutor válido". Rueda reduciu nese punto o ton das súas críticas. "Non podo tirar a toalla, o meu deber é intentalo", dixo en referencia ás reiteradas peticións da Xunta ao Goberno central. O presidente galego admitiu que a Xunta seguirá tratando con Sánchez "mentres este goberno siga sendo o goberno do meu país".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.