Feijóo tamén cuestionou que Touriño puidese ser considerado presidente

Feijóo e Touriño, no Parlamento durante a lexislatura do Goberno de PSdeG e BNG © PPdeG / Parlamento de Galicia

A pasada semana, o ex-presidente da Xunta e actual líder estatal do PP concedeu unha ampla entrevista ao xornal El Mundo dende A Coruña, a que foi a súa cidade de residencia ata a marcha a Madrid e onde regresa con frecuencia. Nela, Alberto Núñez Feijóo lanzou a que sería a principal idea forza dos populares nos seguintes días, a esixencia dunha convocatoria de eleccións xerais anticipadas porque "o plan de [Pedro] Sánchez non ten lexitimidade".

No actual cuestionamento da lexitimidade da presidencia de Pedro Sánchez ecoa tamén a estratexia de oposición de Feijóo en Galicia fronte ao Goberno de PSdeG e BNG

"Todo o que fixo no último mes deslexítimao para seguir de presidente do Goberno", afirmaba Feijóo nesa entrevista, na que insistía en que o tamén líder do PSOE "non ten lexitimidade para facer todo o que está facendo" xa que, esgrime, non estaba no programa electoral socialista. Nun dos destaques, o antigo mandatario da Xunta atribuía ademais ao titular do Goberno de España unha "deriva autoritaria".

Feijóo cuestiona que Touriño poida ser considerado presidente da Xunta durante un mitin do PP en Sanxenxo na campaña de 2009, cando o socialista levaba tres anos e medio na presidencia CC BY-SA Praza.gal | Sinal realizado PP

O cuestionamento da lexitimidade dun presidente investido por unha maioría de esquerdas non é novo. Nin en Feijóo nin no PP. Xa despois da moción de censura que o levou á presidencia por primeira vez en 2018, o antecesor de Feijóo, o despois defenestrado Pablo Casado, clamou contra Sánchez como "presidente ilexítimo". Seguiuno facendo tras as dúas eleccións xerais de 2019 (28A e 10N), cando mesmo chegara a cuestionar que aqueles comicios fosen realmente libres para dar lugar a un Goberno, o do PSOE e UP, "contra España". 

No caso de Feijóo, como noutros aspectos, nas actuais acusacións de ilexitimidade da presidencia e do Goberno do socialista Pedro Sánchez ecoa a súa estratexia de oposición contra o Executivo de coalición PSdeG-BNG en Galicia, o manual de asedio que comezou a aplicar en 2006, tras substituír a Manuel Fraga no liderado do PPdeG, e que o levou en 2009 á presidencia da Xunta grazas á primeira das súas catro maiorías absolutas. Alén das repetidísimas críticas contra aquel Goberno, caricaturizado con reiteración como amante do luxo ou xestor inexperto, Feijóo tamén dera en cuestionar que Emilio Pérez Touriño puidese ser considerado presidente.

Reunión do Consello da Xunta do Goberno de coalición de PSdeG e BNG (2005-2009) © Xunta

Alén de evidenciar que nas eleccións galegas de 2005, nas que perdeu a Xunta, o PP fora a forza máis votada (756.572 votos, un 45,03%, fronte a 555.603 do PSdeG -33,07%- e 311.954 do BNG -18,57%-, co que os socios do Goberno, co 51,64% de apoio conxunto, sumaban 110.000 votos e 6,7 puntos máis que os conservadores), o PP en xeral e Feijóo en particular esforzáranse por cuestionar a figura de Touriño como titular da Xunta. O cuestionamento foi medrando a medida que se aproximaba a cita coas urnas e fíxose evidente nalgúns mitins.

"Anda colgado por todas as farolas dicindo que é o presidente (...) Para ser presidente requírese gañar limpamente as eleccións e vostede nunca gañou unhas eleccións", afirmara Feijóo sobre Touriño cando o socialista levaba máis de tres anos na presidencia

Así sucedeu, por exemplo, nun acto electoral celebrado polos populares no inicio daquela campaña de 2009 en Sanxenxo, ao que corresponden as imaxes que acompañan esta información. Alí, tras acusar reiteradamente a PSdeG e BNG de insultalo, Feijóo afirmou que a democracia "non pode empregarse como escusa para a soberbia" e advertiu de que "o poder debe servir para transformarse" antes de animar o auditorio a lembrar "como era antes o nacionalista", aludindo a Anxo Quintana -na altura, portavoz nacional do BNG e vicepresidente da Xunta- e reparar en "como se transformou agora".

Foi nese punto no que, alén da crítica á súa xestión, cuestionou que Touriño puidese ser considerado presidente da Xunta, cargo que exercía dende principios de agosto de 2005. "Vos acordades, o socialista, como era antes e agora como anda colgado por todas as farolas de Galicia dicindo que é o presidente?", ironizou, aludindo a un dos lemas da campaña do PSdeG. "Oiga, mire, isto é unha democracia; para ser presidente só se require unha cousa, gañar limpamente as eleccións" e "vostede nunca gañou unhas eleccións", razoara Feijóo, para acto seguido prognosticar que "o vamos a xubilar politicamente sen gañar nunca unhas eleccións".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.