Escóitano? É o silencio

Rueda e Feijóo, conversando ante o Congreso dos Deputados durante os actos oficiais polo Día da Constitución CC-BY-SA Xunta

"Escóitano? É o silencio". Foi un deses xiros deseñados con escuadra e cartabón nos gabinetes de asesoría electoral como golpe de efecto comunicativo. O daquela líder de Ciudadanos, Albert Rivera, quixera aproveitar a súa intervención final nun debate en RTVE previo ás eleccións do 28 de abril de 2019 para representar o que, ao seu xuízo, era pasividade do socialista Pedro Sánchez ante o independentismo catalán. Pero o efecto buscado non acabara de chegar e triunfara máis como parodia ou mesmo como meme.

Un silencio, o de Feijóo tras a elección da Coruña como sede da Axencia de Intelixencia Artificial, foi unha das cuestións políticas máis comentadas nesta semana festiva en Galicia

Un silencio foi unha das cuestións políticas máis comentadas nesta semana festiva en Galicia, que politicamente comezou coa noticia de que A Coruña albergará a sede da Axencia Española de Supervisión de Intelixencia Artificial (AESIA). Tras aprobalo por unanimidade a comisión encargada de avaliar a ducia de candidatura, o Consello de Ministros ratificou unha decisión que encheu de satisfacción o goberno local coruñés e foi respondida con parabéns por todas as principais forzas políticas de Galicia e tamén pola Xunta, que en outubro apostar pola candidatura coruñesa como opción galega fronte ás de Santiago e Ourense.

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, intervindo na presentación da candidatura para acoller a AESIA, o pasado novembro © Concello da Coruña

Quen non se pronunciou sobre a elección da Coruña no día en que se produciu foi o ex-presidente Alberto Núñez Feijóo. O actual líder do PP e senador por designación do Parlamento de Galicia evitou a cuestión naquela xornada, mentres os principais cargos do seu partido en Madrid se expresaban en termos de "traizón". Malia participar en varios actos públicos e compartir diversos comentarios nos seus perfís nas redes sociais sobre outros asuntos, Feijóo esquivou a elección da Coruña ata que dous días despois lle preguntaron por ela nunha entrevista en Onda Cero.

Á pregunta de se vía "un acerto" na elección da Coruña, o ex-presidente declarouse "encantado" de que "a Galicia lle tocase unha axencia e a Sevilla, outra", pero acto seguido deixou caer dúbidas sobre a transparencia do proceso e reclamou que "se publiquen" os "criterios" que guiaron a elección. En rigor, eses criterios foran publicados o día previo no Boletín Oficial do Estado e así se viu obrigado a evidencialo Alfonso Rueda cando, pouco despois, foi cuestionado polas críticas doutros dirixentes populares á designación da Coruña.

A importancia de Ciudadanos para Feijóo e Rueda nas municipais

Entre esas críticas dos populares, alén da "traizón" esgrimida polo PP de Madrid, está que A Coruña e Sevilla (a capital andaluza será sede da Axencia Espacial Española) teñen alcaldesa e alcalde socialistas e que a posta en marcha dos novos organismos chegará en vésperas das eleccións municipais do vindeiro maio. Antes deses comicios, precisamente, o PP aspira a absorber o que queda de Ciudadanos e, nesa liña, Feijóo aproveitou a mesma entrevista para recomendarlles despedirlle do xeito "máis digno posible" e amosarse disposto a fichar algúns dos dirixentes que sobreviviron tras os tempos de Rivera e o seu "silencio".

A actual representación de Ciudadanos, a quen Feijóo anima a despedirse de maneira "digna", pode ser clave para o PP nalgúns concellos galegos

Ciudadanos nunca logrou unha gran implantación no conxunto de Galicia. Pero si tivo éxitos puntuais como os dous escanos logrados naquelas eleccións de 2019 ou a representación que aínda conserva nalgúns concellos, cuxo mantemento ou esfarelamento en 2023 pode acabar sendo clave para as expectativas dos de Feijóo e Rueda. 

Así, por exemplo, nas últimas eleccións municipais C's, con algo máis de 45.000 votos, logrou representación en catro das sete cidades, con dous edís en Lugo e Ourense e cadanseu asento na Coruña e Pontevedra, se ben a edil coruñesa acabou dentro do goberno do PSOE e o pontevedrés, expulsado do partido. Eses votos están no albo dos conservadores para aspiraren a medrar e achegárense a algún goberno, toda vez que tras os comicios de 2019 quedaron con Arteixo como o maior concello con alcaldía do PP.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.