A Coruña será a cidade que finalmente contará co apoio da Xunta para ser a candidata á sede da Axencia Española de Supervisión de Intelixencia Artificial (Aesia). Así o asegurou o director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Julián Cerviño, logo da reunión do Nodo Galego de Intelixencia Artificial (Nodo GalicIA) celebrada na mañá deste luns, coa presenza de representantes da Xunta, das tres universidades públicas galegas e da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.
Rematou así o dilema pero non as reivindicacións, retesías e reproches entre diferentes administracións e representantes políticos, que así que se coñeceu o ditame axiña ergueron a voz para, nun caso, defender a elección e, nos outros, criticala, advertir de futuras alegacións ou cargar contra o veredicto.
Todo pouco despois de que Cerviño aclararse que o que se pretendeu desde o comité de expertos foi impulsar unha candidatura "con carácter de país" por ser a hipotética sede unha posibilidade para o beneficio do conxunto da sociedade galega e para "propiciar investimentos en tecnoloxías relativas a intelixencia artificial en todo o sistema universitario".
Na elección da Coruña tivo "moita importancia" o sistema TIC, "tanto a nivel docencia e de investigación como de empresas"
O Nodo aprobou por unanimidade o informe técnico que escolleu A Coruña como a cidade que terá máis posibilidades ante a elección definitiva do Goberno de España, que abriu o prazo de presentación de candidaturas ata o vindeiro luns 7 de novembro. "Ha de entenderse como unha candidatura de conxunto porque é a mellor maneira que temos de competir", dixo Cerviño, que asegurou que na elección da urbe herculina "cobrou moita importancia o sistema TIC, tanto a nivel docencia e de investigación como de empresas", ademais da "cohesión territorial e as conexións".
A elección da Coruña será trasladada agora ao Goberno galego, que prevé ratificala no vindeiro Consello da Xunta do xoves. Desde a cidade, a súa alcaldesa, Inés Rey, amosou a súa "satisfacción". "Xa contabamos con que eramos a candidatura e a cidade mellor posicionada en base aos indicadores, algo que agora se ratifica", dixo, instando a que esta "boa nova" sexa "culminada" coa elección definitiva por parte do Estado.
A Coruña, Santiago e Ourense competiron para ser a candidata galega pola sede da Aesia logo de que a Xunta desbotase decantarse antes por algunha e manifestase o seu interese nunha candidatura única e de país que nunca chegou. Cada cidade e cada Concello expuxo os seus argumentos, apoiadas ademais por cadansúa universidade: a UDC coa candidatura coruñesa, a USC coa compostelá e UVigo coa ourensá e o seu campus naquela urbe.
Pérez Jácome, alcalde de Ourense, cualifica de "declaración de guerra" a elección da Coruña: "É un atentado político e administrativo"
Queda agora por ver se Santiago continúa a súa carreira por separado, xa que o Goberno central tamén acepta que sexan as administracións locais as que presenten a súa propia candidatura en solitario. Ourense xa asegurou que seguirá pulando por converterse en sede da Aesia. Nada máis coñecerse a elección da Coruña como candidata apoiada pola Xunta, o seu alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, asegurou que "rompía as hostilidades (sic) coa Xunta e con Rueda", ao que acusou de "actuar como Pilatos". "Debemos levantarnos en urnas", dixo.
"A Xunta cometeu algo que é casus belli con Ourense, un atentado político e administrativo, o Estado quere favorecer cidades con despoboamento e depresión económica e unha cidade como Ourense era a perfecta", queixouse Jácome, que recriminoulle ao Goberno galego que "non posicionase" a súa cidade para si facelo coa Coruña "bendicida, que xa o ten case todo". "É unha declaración de guerra administrativa", insistiu.
"Demóstrannos que a discriminación a Ourense é total", engadiu, lembrando os investimentos do Estado no porto exterior coruñés e asegurando que o impacto económico da Aesia na cidade das Burgas sería "catro veces maior ao que tería na Coruña". "Lavan as mans como Pilatos porque din que non foron cando o Nodo GalicIA está controlado pola Xunta", concluíu.
Desde a oposición ourensá, o secretario provincial do PSdeG en Ourense e voceiro socialista cualificou de "inxusta e inxustificable" a decisión da Xunta e acusou a Rueda de "promover o desequilibrio territorial". “Non entendemos que se escolla unha das únicas provincias españolas que supera o millón de habitantes cando a descentralización deste e outros organismos pretende loitar contra o despoboamento”, dixo, logo de anunciar que os socialistas emprenderán “todas as accións ao seu alcance” para reverter a “covarde e vergoñenta decisión”.
Tamén advertiu de que estuda "algún tipo de reclamación" o alcalde de Santiago, o tamén socialista Xosé Sánchez Bugallo, que cuestionou os criterios fixados pola Xunta para decidir apoiar A Coruña e que destacou que o Nodo GalicIA está formado "en dúas terceiras partes" pola Xunta.
Bugallo estuda xa "algún tipo de reclamación" e cuestiona os criterios da Xunta: "En todas as estimacións que fixemos, Santiago era a opción gañadora"
"Non temos coñecemento aínda de cales foron os criterios seguidos. O que si podo manifestar é que en todos os datos que manexamos e en todas as estimacións que fixemos saía con absoluta claridade que a opción gañadora debería ser Santiago", engadiu o alcalde, quen aínda estudará se o Concello formulará alegacións á decisión.
Ademais, Bugallo queixouse de que a Xunta establecese máis de 200 indicadores propios que eran "distintos" aos criterios establecidos polo Goberno central para levar a cabo o proceso de selección final. "Non tería sentido gañar a carreira en Galicia e logo perdela en España", advertiu o rexedor
Máis de 200 indicadores valorados
Foron máis de 200 os indicadores valorados no Nodo GalicIA para decidir a cidade galega que aspiraría á Aesia, desde demográficos e económicos ata científicos e de comunicacións. Na reunión, de máis de dúas horas, participaron o vicepresidente primeiro da Xunta e conselleiro de Economía, Francisco Conde; o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos; o reitor da USC, Antonio López; o reitor da UDC, Julio Abalde; o reitor da UVigo, Manuel Reigosa; representantes das consellerías de Sanidade e Educación, da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, e da Amtega. Fontes da xuntanza aseguran a Praza.gal que a decisión, polo momento, foi a de non facer público o documento onde se avalían os diferentes parámetros para cada cidade.
Segundo explica a Xunta, para a valoración dos criterios xerais tivéronse en conta indicadores de cohesión social e territorial, como a poboación total ou a renda bruta media; indicadores de paro como taxas de paro e actividade, respectivamente; e indicadores de despoboamento como a densidade de poboación ou o índice de envellecemento, entre outros.
Inés Rey, alcaldesa da Coruña, rexeitou os ofrecementos de Santiago para unha candidatura conxunta por non ser "viable"
Ademais, en canto ás comunicacións, avaliáronse as conexións internacionais e con cidades europeas relevantes -especialmente con Bruxelas, así como a conexión dos ecosistemas europeos de investigación en materia de intelixencia artificial (IA). Tamén o ecosistema neste ámbito, tendo en conta indicadores de prazas ofertadas polas universidades públicas, profesores vinculados directamente á IA, grupos de investigación ou teses. Tamén se valorou o número de empresas, traballadores e volume de facturación en IA, ademais dos requisitos de espazo físico e equipamento dos inmobles en cada cidade.
Aínda o pasado venres, o pleno da Coruña reivindicara por unanimidade a candidatura a acoller a Aesia logo de que a súa alcaldesa, Inés Rey, descartase en varias ocasións os ofrecementos que desde Santiago chegaron para unha candidatura conxunta na que a sede estaría na Cidade da Cultura e os "servizos técnicos" na urbe coruñesa. Para a rexedora, a proposta non era "viable" porque os criterios da convocatoria priorizan unha sede única; para Sánchez Bugallo, alcalde compostelán, a súa idea tería sido "máis forte" e estaría "en mellor posición para gañar a competición a nivel estatal".
Antes, xa en setembro, o pleno de Ourense tamén reivindicara a súa candidatura e apoiara por unanimidade ofrecer como sede para a futura Axencia o espazo de La Molinera. Na Coruña, o goberno local elixiu a Terraza dos xardíns de Méndez Núñez, complementada cos espazos habilitados na Cidade das TIC, na antiga fábrica de armas. En xullo, foi Santiago quen se postulara a través do pleno para acoller a Aesia por ser "a mellor opción para Galicia", aínda que acabou pulando por unha colaboración coa Coruña que non chegou.
Desde a capital galega aludiuse ao perfil investigador da súa universidade, á súa experiencia en acoller grandes eventos ou ao apoio de centros tecnolóxicos e de innovación dixital. Na Coruña lembrouse o impulso á Cidade das TIC, a existencia do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e das Comunicacións (Citic) ou as comunicacións, baza que tamén xogou Ourense polas súas conexións por tren en estrada, ao que engadiu o futuro Centro de Excelencia de Ciberseguridade de Galicia ou a nova titulación de Enxeñería Artificial.
División en Galicia, fronte común noutras comunidades
Pero a competición real chega agora e a candidatura galega -e as de cada concello por separado se continúan na carreira- conta con numerosos competidores no Estado, algúns deles cunha vantaxe inicial: o apoio unánime e xeral nas súas comunidades e contornas e a fronte común mesmo con cidades veciñas. É o caso de Granada, con Google e Indra instaladas, o resto de urbes andaluzas ao seu carón, ademais da Junta, e unha prestixiosa universidade.
Andalucía envórcase coa candidatura de Granada e o alcalde de València apoia a de Alacant; en Asturias, unha fronte común pula por Xixón
Tamén Alacant, que conta coa reivindicación do goberno autonómico, de numerosos concellos e que presume das conexións de transporte ou de entidades como o Centro de Intelixencia Dixital. Desde València, o alcalde, Joan Ribó, amosou o seu apoio á cidade alacantina
Na lista de principais candidatos, tamén Xixón, baza de Asturias, onde centros tecnolóxicos, a Unviersidade de Oviedo, o clúster TIC e empresas tecnológicas suaron forzas para acoller "o futuro" dun Principado "metropolitano".
O obxectivo destas -e algunha máis- é acoller a sede da Aesia dentro do plan do Goberno de España de descentralizar a localización dalgunhas importantes institucións e evitar que Madrid acabe por atraer toda a arquitectura institucional do Estado e o dinamismo económico derivado.