A cidade herculina impúxose a outra ducia de urbes que tamén presentaran a súa candidatura, entre as que partían como favoritas Alacante e Granada, ademais da Coruña
A Coruña será a sede da Axencia Española de Supervisión de Intelixencia Artificial (AESIA), o desexado organismo que nos vindeiros anos analizará e impulsará o desenvolvemento destas tecnoloxías en todo o Estado. Acordouno o Consello de Ministros tras a unanimidade da comisión que avaliou a elección, unha decisión que posteriormente anunciou en rolda de prensa a portavoz do Goberno, Isabel Rodríguez.
A cidade herculina impúxose a outra ducia de urbes que tamén presentaran a súa candidatura, entre as que partían como favoritas Alacante e Granada, ademais da Coruña. Dende o pasado ano o Goberno español está a impulsar a descentralización de axencias e outros organismos e institucións para evitar que os beneficios das súa concentración en Madrid beneficien unicamente á capital do Estado. Por exemplo, este luns tamén se anunciou que Sevilla acollerá a sede da Axencia Espacial española.
Isabel Rodríguez salientou que A Coruña dispón dun "importante ecosistema universitario, tanto na formación como na investigación relacionado coa Intelixencia Artificial" e "un excelente ecosistema empresarial"
A portavoz do Goberno destacou o apoio "público e privado" que recibira a candidatura coruñesa e as potencialidades coas que conta a urbe herculina en materia tecnolóxica, que xustifican a súa elección. Así, Isabel Rodríguez salientou que A Coruña dispón dun "importante ecosistema universitario, tanto na formación como na investigación relacionado coa Intelixencia Artificial" e, así mesmo, ten "un excelente ecosistema empresarial con ata dous hub de innovación dixital que xeran un 10% do emprego galego".
A concesión da sede da AESIA "consolídanos como polo tecnolóxico en Galicia e como referencia a nivel nacional e internacional", salientou Inés Rey
Pola súa banda, a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, destacou nun breve vídeo publicado minutos despois de coñecer a noticia, que a concesión da sede da AESIA "consolídanos como polo tecnolóxico en Galicia e como referencia a nivel nacional e internacional". Rey subliñou que a decisión, "ademais de axudarnos a impulsar e garantir o noso futuro e o noso desenvolvemento económico, é un aval ao noso modelo de cidade: unha cidade líder, referente, competitiva e que despunta en todos os sectores". A rexedora concluíu sinalando que con esta decisión, "hoxe gaña A Coruña e con ela toda Galicia".
Tamén o delegado do Goberno central en Galicia, José Miñones, subliñou que “o éxito da candidatura da Coruña para atraer a AESIA é xa o éxito de toda a sociedade galega”. Miñones destacou o valor da axencia estatal para impulsar o “polo de innovación de referencia que se está a desenvolver na comunidade”. "Galicia e A Coruña sitúanse no centro do mapa da Intelixencia Artificial, na punta de lanza da innovación”, concluíu.
De igual xeito, o reitor da Universidade da Coruña, Juio Abalde, subliñou que a designación "colócanos no mapa mundial da Intelixencia Artificial" e supón "un recoñecemento ao conxunto do sistema universitario de Galicia, que é un referente nas TIC".
Na Coruña e na súa contorna localízanse o 49,2% das empresas galegas do sector e concéntrase case o 60% do volume de negocio no sector privado galego vinculado ás novas tecnoloxías
A Coruña presentou oficialmente a súa candidatura nos primeiros días de novembro, despois de recibir o apoio da Xunta de Galicia e das universidades galegas, en detrimento das opción de Ourense e Compostela. A Coruña foi a cidade mellor valorada polo seu tecido académico, empresarial e polos seus servizos, ademais de cumprir cos criterios de descentralización aplicados polo estado e ser un referente estatal nas novas tecnoloxías. Na Coruña e na súa contorna localízanse o 49,2 % das empresas galegas do sector e concéntrase case o 60 % do volume de negocio no sector privado galego vinculado ás novas tecnoloxías.
A localización proposta para a sede é o edificio da Terraza, situado nos Xardíns de Méndez Núñez
A localización proposta para a sede é o edificio da Terraza, situado nos Xardíns de Méndez Núñez. A axencia estatal impulsará a xeración e a atracción de talento técnico multidisciplinar, con coñecementos tanto nas novas tecnoloxías, os diferentes sistemas de IA e os seus modelos de supervisión, como nos campos da ética, as ciencias sociais e xurídicas.