A peza galega foi a máis votada polo público, obrendo 11,3 puntos por esta vía, fronte aos 10,3 de Yaboi Hanoi, que se impuxo no voto do xurado, obtendo a vitoria final
Galicia ficou ás portas de obter a vitoria no festival de Eurovisión das cancións compostas por intelixencia artificial. A final da edición 2022 do AI Song Contest celebrouse este mércores en Liexa (Bélxica) e 'AI-LALELO', o tema creado polo equipo posto en marcha pola empresa compostelá CECUBO Group ficou en segunda posición, só por detrás do equipo tailandés de Yaboi Hanoi e a súa canción 'Asura Deva Choom Noom'n ('Enter Demons & Gods').
Iso si, a peza galega foi a máis votada polo público, obrendo 11,3 puntos por esta vía, fronte aos 10,3 de Yaboi Hanoi (sextos no voto popular). Porén, o voto do xurado -ao igual que sucedeu no Festival de Benidorm no caso das Tanxugueiras- foi decisivo e deulle á vitoria á canción gañadora con 10,8 puntos, fronte aos 9,1 da proposta galega (cuarta no voto do xurado). En total, 21,1 fronte a 20,4 puntos.
“Para nós, o principal éxito foi crear unha canción en galego a través da intelixencia artificial. Chegar á final desta Eurovisión permitiunos amosar ao mundo o talento tecnolóxico e cultural galego”, di Joel Cava
En calquera caso, a aposta de CECUBO Group (baixo o nome de PAMP, Proxecto Ana María Prieto, en homenaxe á primeira muller programadora informática galega) finalizou o festival confirmando o seu enorme éxito, sendo recoñecida como un dos temas de maior valor, a favorita do voto popular e obtendo a segunda praza entre un total de 46 propostas en competición, que rematou este mércores no marco do Wallifornia Music & Innovation Summit de Liexa.
“Para nós, o principal éxito foi crear unha canción en galego a través da intelixencia artificial. Chegar á final desta Eurovisión permitiunos amosar ao mundo o talento tecnolóxico e cultural galego”, di Joel Cava, responsable creativo da empresa compostelá. “Agradecemos o grande esforzo do equipo que impulsou este proxecto tecnolóxico, así como ás persoas que nos votaron, ás que difundiron a nosa candidatura e por suposto á organización do festival”, engade Cava.
Tanto a canción gañadora como a galega comparten a reivindicación das culturas minorizadas, co obxectivo de poñer a intelixencia artificial ao servizo da lingua, da cultura e da identidade propias
O panel de expertos formárono 30 especialistas en intelixencia artificial aplicada á música das principais universidades e centros de investigación tecnolóxica neste eido, empresas coma Google, Microsoft, Sony Music e Warner Music e anteriores participantes do festival.
O tema gañador do equipo tailandés apostou, ao igual que tamén fixo AI-LALELO, por partir da música tradicional do seu país, combinándoa neste caso con dubstep. O xurado valorou "o uso da intelixencia artificial para crear a melodía", destacando que a "entonación e efectos dese oboe eléctrico é unha combinación que non víramos ata agora". Tanto a canción gañadora como a galega comparten a reivindicación das culturas minorizadas, co obxectivo de poñer a intelixencia artificial ao servizo da lingua, da cultura e da identidade propias.
Joel Cava, do equipo PAMP! e responsable creativo de CECUBO Group, defendeu o proxecto acompañado de Roi Pérez Vila, director de análise e intelixencia da axencia compostelá. Durante a gala final, os 15 finalistas compartiron a súa experiencia e proceso creativo con entrevistas. A organización do certame amosou novas ferramentas de intelixencia artificial en composición musical. Ademais, a artista dixital alemá Portrait XO amenizou o espectáculo cunha actuación musical en directo xerada con intelixencia artificial.
O tema gañador do equipo tailandés apostou, ao igual que tamén fixo AI-LALELO, por partir da música tradicional do seu país, combinándoa neste caso con dubstep
Como explicaba nesta entrevista Joel Cava, coordinador do equipo que creou a canción, o camiño para chegar a AI-LALELO foi longo e complexo. Detrás desta peza hai meses de traballo e un equipo formado por profesionais como Juan Alonso, tecnólogo en machine learning e redes neuronais; Sofía Oriana, doutora en Composición en IA e compositora da música do filme Elisa y Marcela de Isabel Coixet; Xandre Outeiro, produtor de bandas sonoras e músico no Projeto Trépia; David Santos, doutor en Telecomunicacións e músico, arranxista e compositor; e Marta Verde, artista dixital responsable dos visuais de Tanxugueiras no Benidorm Fest e profesora asociada no Berklee College of Music de València.
Ademais, a canción contou coas voces de de Camille Hédouin (Mounqup), Mónica de Nut e Eva Outeiro. "O que fai o festival e impulsar un diálogo entre individuo e máquina, polo que era necesario conformar un equipo multidisciplinar, que puidese traballar co ordenador nas distintas etapas do proceso creativo", sinalou Joel Cava.
Joel Cava destaca que a participación no festival é "só o primeiro paso" dun camiño máis longo para aproveitar as posibilidades que a intelixencia artificial ofrece para a música
"O noso obxectivo é que o proxecto sirva para estar no mundo como o que somos, de reivindicármonos nun contexto marcado pola homoxeneización cultural. Non podemos prescindir da intelixencia artificial, xa que esta pode ser útil para protexer a nosa identidade", subliñaba Cava nesta conversa.
Na entrevista, Cava destacaba que a participación no festival é "só o primeiro paso" dun camiño máis longo para aproveitar as posibilidades que a intelixencia artificial ofrece para a música, "pero estamos aínda valorando como seguir con este traballo para colaborar na recuperación da música das aldeas", engadía. "Podemos adestrar unha máquina, e cando falo de 'máquina', falo de algoritmo, de código, de modelos, de sistemas... Podemos darlle contidos a esta máquina, recuperando a tradición oral das aldeas, para que ela mesma xere outros contidos dentro dese patrimonio oral", afirma.