Cancións escritas por máquinas. O futuro? Ciencia-ficción? Non, unha realidade que mesmo conta cun festival a nivel europeo, ao xeito do certame de Eurovisión que se vén de celebrar. O AI Song Contest é un festival impulsado dende o ano 2020 pola radio e televisión pública neerlandesa VPRO coa supervisión da Unión Europea de Radiodifusión, o organismo encargado do Festival de Eurovisión. A final da terceira edición celebrarase o vindeiro 6 de xullo no Wallifornia Music & Innovation Summit de Liexa (Bélxica) e nela busca estar presente Galicia.
A melodía está feita a partir da copla popular A Costureira, a partir da cal o propio ordenador xerou diferentes liñas melódicas con Google Magenta. A canción conta coas voces de Camille Hédouin (Mounqup), Mónica de Nut e Eva e Xandre Outeiro
A empresa compostelá Cecubo Group promove esta iniciativa cun equipo multidisciplinar de artistas, enxeñeiros, investigadores e músicos galegos. Todos eles crearon a canción 'AI-LALELO' a través de intelixencia artificial, que deberá competir con outros 100 temas procedentes de todo o continente nunha semifinal, este 15 de xuño, na que só votará un xurado. Se a canción é escollida entre as 15 mellores participará na gran final, na que xa pode votar a cidadanía. Nese momento, o equipo de Cecubo faría un chamamento público para recibir o apoio popular en Galicia.
O equipo traballou durante catro meses para chegar ao resultado final, comezando por lograr que a computadora aprendese a falar galego e a compoñer unha copla, a partir dunha achega de 400 cantigas do arquivo dixital Volai-vai
Trátase da primeira vez que Galicia participa nesta competición e faino cun tema que conta coas voces de Camille Hédouin (Mounqup), Mónica de Nut e Eva e Xandre Outeiro. Así mesmo, a melodía está feita a partir da copla popular A Costureira, a partir da cal o propio ordenador xerou diferentes liñas melódicas con Google Magenta.
A continuación, graváronse instrumentos e utensilios de labranza que se procesaron polo sistema DDSP, conseguindo de xeito artificial unha zanfona, pandeireta, bombo, sacho, prato, tixola e lata. Finalmente, engadíronse as voces, un baixo e unha arpa de boca ao natural, ademais de realizarse procesamento de audio con algoritmos. Por último, elaborouse o videoclip da canción con intelixencia artificial, reinterpretando unha escolma de escenas típicas galegas.
Catro meses de traballo
"Descubríronse, coa obtención de liñas melódicas moi próximas ao estilo trobadoresco, fortes vínculos históricos entre a música de raíz conservada nas aldeas e o corpus musical altomedieval galego-portugués"
O equipo traballou durante catro meses para chegar ao resultado final, comezando por lograr que a computadora aprendese a falar galego e a compoñer unha copla, a partir dunha achega de 400 cantigas do arquivo dixital Volai-vai. No relativo á letra, a propia máquina xerou os primeiros versos, cunha temática como fío argumental: a costureira nas distintas estacións do ano. Neste aspecto só foi necesario corrixir algunha falta de ortografía e adaptar algunha frase.
A letra da canción narra a historia dunha costureira, unha muller galega de finais do século XIX quen, por mor da situación socioeconómica da época, compaxina o seu oficio artesanal con labores domésticos e do campo. O tema explica a situación da muller nas distintas estacións do ano, cunha personaxe cada vez máis escura, ata chegar a unha especie de aquelarre. O equipo responsable de AI-LALELO destaca que o tema busca ser "unha homenaxe ás mulleres que impulsaron Galicia e a súa tradición, lingua e cultura".
Á vista do resultado final, o grupo de traballo concluíu que "a dispoñibilidade dunha ferramenta adestrada en IA podería supoñer un seguro cultural para a música tradicional galega"
"O tema mestura raíz e modernidade, cunha base nas cantigas medievais galegas pero cun toque futurista grazas ao uso da intelixencia artificial na súa composición. Ademais, a canción busca transmitir a responsabilidade da cidadanía para que a identidade e a tradición galega continúen vivas", sinalan.
Á vista do resultado final, o grupo de traballo concluíu que "a dispoñibilidade dunha ferramenta adestrada en IA podería supoñer un seguro cultural para a música tradicional galega". De igual xeito, destacan que no proceso "descubríronse, coa obtención de liñas melódicas moi próximas ao estilo trobadoresco, fortes vínculos históricos entre a música de raíz conservada nas aldeas e o corpus musical altomedieval galego-portugués".
O equipo
O equipo de traballo leva o nome de “Ana María Prieto”, unha homenaxe á primeira muller programadora informática galega
O equipo leva o nome de “Ana María Prieto”, unha homenaxe á primeira muller programadora informática galega. O grupo de traballo está formado por profesionais como Juan Alonso, tecnólogo en machine learning e redes neuronais; Sofía Oriana, doutora en Composición en IA e compositora de Elisa y Marcela (2019) de Isabel Coixet; Xandre Outeiro, produtor de bandas sonoras e músico no Projeto Trépia; David Santos, doutor en Telecomunicacións e músico, arranxista e compositor; Marta Verde, artista dixital responsable dos visuais de Tanxugueiras no Benidorm Fest e profesora asociada no Berklee College of Music de València; e Joel Cava, responsable creativo de Cecubo Group.
Cecubo Group é unha consultora especializada en business intelligence aplicada á comunicación e márketing. Con sede en Santiago de Compostela, Madrid e Lisboa, dende o ano 2011 desenvolveu proxectos en España, Portugal, México e Panamá. Entre os seus servizos atópanse o desenvolvemento de estratexias para empresas e institucións, a xestión integral da comunicación e o deseño e implementación de sistemas de métricas para departamentos de comunicación.