No pasado 2021 botou a andar o proxecto Nós, a alianza entre o Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago (ILG), o Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS), o Centro Ramón Piñeiro e, pola banda do Goberno galego, a Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica. O seu obxectivo, dotar o galego das ferramentas precisas para poder ser utilizado, como un idioma máis, o eido da intelixencia artificial.
Alén de que asistentes de voz das principais plataformas poidan falar galego, "trátase de que o noso ecosistema económico tamén medre con esta tecnoloxía", explicaba para Praza.gal o investigador Paulo Gamallo, un dos responsables do proxecto. Neste 2022, as institucións participantes veñen de botar a andar a segunda fase do proxecto nós cun novo convenio entre a USC e a Xunta dotado con 600.000 euros para crear "bancos de voz á disposición da cidadanía para facilitar que as empresas empreguen a lingua galega nas súas tecnoloxías".
O que agora bota a andar son "seis subproxectos" en materia de síntese de voz, recoñecemento da fala, xeración automática de textos, sistemas de diálogo, tradución automática e corrección e avaliación lingüística. Para facelo, o ILG e o CiTIUS van "crear recursos textuais e de voz" que pasarán a ser parte de repositorios abertos e con licenza libre, "á disposición de todas as entidades interesadas".
O Proxecto Nós para a implantación do uso do galego na intelixencia artificial entra na segunda fase, que inclúe un banco de voces e recursos textuais que pasarán a ser parte de repositorios abertos e con licenza libre, "á disposición de todas as entidades interesadas"
Isto, detallan, concrétase nun "banco de voces da lingua galega" a través dunha plataforma "áxil e flexible, que permitirá rexistrar voces que len texto controlado". Para fomentar a participación nela, o proxecto Nós iniciará unha campaña de difusión mentres, paralelamente, desenvolve "un corpus de voz, audio e texto" para avanzar no recoñecemento da fala en galego por parte dos dispositivos con intelixencia artificial.
Esta nova fase non é tampouco o "produto final", explican dende o Proxecto Nós. "Continuarán a mellorarse en anos sucesivos, con novos desenvolvementos e axustes". Sinala o reitor da USC, Antonio López, que "se queremos que o galego non se apague, debe ter tamén luz na sociedade e na economía da intelixencia artificial; se queremos que as novas xeracións falen galego, han de poder facelo con e través das máquinas".
Segundo o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, o Proxecto Nós pretende "implicar a toda sociedade galega" como "proxecto de país". "Permitiranos chegar onde o mercado non chega, situará o galego nas contornas dixitais" e vaino facer ademais, subliña, mediante licenzas abertas.