A comezos da década dos 60, con pouco máis de 20 anos, a compostelá Ana María Prieto, converteuse na primeira programadora galega, unha profesión que desenvolveu durante unha década en varias empresas. Con motivo do 8 de Marzo, o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) homenaxeou este mércores a Prieto, falecida o pasado mes de xuño, destacando que nos anos sesenta conseguiu abrirse camiño “con valentía e carácter emprendedor” nunha profesión masculinizada.
En 1963 foi contratada como operadora por Bull General Electric. Pouco despois fixo un curso de COBOL e converteuse na primeira muller programadora da empresa
Ana María Prieto López naceu en Compostela en 1942. Con 21 anos estudaba Farmacia en Madrid, momento en que realizou un curso de informática na compañía Bull General Electric en Madrid, tras o cal foi contratada como operadora. Pouco despois fixo un curso de COBOL e converteuse na primeira muller programadora da empresa e, ademais, na primeira galega en programar computadores da que temos noticia. Nos anos seguintes traballou a través de Bull para empresas como Barreiros ou Schell.
"Introduciuse nun mundo de homes, liderado por homes e no que non foi fácil evitar a incredulidade e a envexa de moitos", destaca o CPEIG, que explica que "no seu día a día como programadora, tardaba dous autobuses en chegar ao seu traballo, e moitas tardes volvía a casa dando longos paseos para descansar a súa mente".
"Introduciuse nun mundo de homes, liderado por homes e no que non foi fácil evitar a incredulidade e a envexa de moitos", destaca o CPEIG
En 1969 trasladouse a Compostela para traballar como programadora no centro de cálculo da Caixa de Aforros de Santiago, que empregaba uns grandes ordenadores Phillips, que despois forons substituídos por IBM. Realizou esta tarefa ata 1973, momento en que abandonou a súa profesión para mudarse a Becerreá e "formar unha familia", como explicou nunha entrevista publicada en La Voz de Galicia hai tres anos.
En xuño do pasado ano Ana María Prieto faleceu aos 76 anos de idade. Xa naquel momento o CPEIG expresou o seu "pesar" polo pasamento, recoñecendo "a transcendencia para a profesión do labor da primeira programadora galega".
Ao acto deste mércores, que tivo lugar na Escola Técnica Superior de Enxeñaría (ETSE) da USC, asistiron o seu viúvo, Antonio García López, e a súa filla, Clara Iria García Prieto, que recibiron do presidente do CPEIG, Fernando Suárez, a primeira figura institucional do Colexio profesional. Ademais, no participaron o director da ETSE, Antonio Mosquera; o ex director do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) e vogal do CPEIG, Javier García Tobío; e o xornalista e autor do libro “A historia da informática de Galicia. Unha cronoloxía”, Henrique Neira.
“Programar foi a súa vida, e con 20 anos abandonou unha carreira tradicional como a de Farmacia para demostrar o seu amor polas matemáticas”, lembrou hoxe a súa filla
Fernando Suárez dedicou unhas palabras a Ana María Prieto, da que dixo que “deu un paso adiante en prol da igualdade, e a pesar das dificultades, conseguiu abrirse camiño con valentía e carácter emprendedor nunha profesión masculinizada". Suárez destacou a necesidade de incorporar mulleres á carreira profesional de Enxeñaría en Informática, que aínda presenta unhas cifras moi baixas do 12-13% de matriculación nos primeiros cursos da titulación universitaria. “Nun presente e futuro dixitais é preciso normalizar a presenza da muller en todos os ámbitos da profesión, potenciando a representación feminina na Enxeñaría en Informática e noutras disciplinas técnicas”, dixo.
Clara García Prieto describiu a súa nai como unha muller “humilde” que nunca lle deu a importancia que tiña ao seu traballo nin ao que logrou profesionalmente. “Programar foi a súa vida, e con 20 anos abandonou unha carreira tradicional como a de Farmacia para demostrar o seu amor polas matemáticas”, manifestou.