Na actualidade menos do 30% das persoas matriculadas nas carreiras de ciencias, tecnoloxía, enxeñarias ou matemáticas son mulleres, unha porcentaxe que mesmo se reduciu na última década, incrementando unha fenda de xénero que xa era importante. Nos últimos anos varias iniciativas traballan en distintos ámbitos por reverter esta tendencia, incidindo sobre todo nos centros de ensino, para incentivar as vocacións cientifico-tecnolóxicas entre as nenas.
A Asociación Galega de Empresas de Software Libre (Agasol) e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) están a organizar unha serie de encontros de mulleres triunfadoras en campos científicos e tecnolóxico con alumnado de secundaria das sete cidades galegas. O programa GIRL STEM: derrubando estereotipos pasou xa por Ourense, Ferrol, Pontevedra, Lugo, Vigo e Santiago e este venres 19 de outubro estivo na Coruña, na Fundación Barrié. O obxectivo do programa consiste en orientar e empoderar ás rapazas con charlas inspiradoras destas directivas e investigadoras que lles falarán do seu traballo, para animar ás máis novas a escoller titulacións STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería e Matemáticas).
Na iniciativa participan referentes como Julia Bernal (directora xeral de Red Hat en España e Portugal), Monsterrat Guardia (Directora de Servizos Dixitais do Banco Sabadell) e Edita de Lorenzo (profesora da Universidade de Vigo e secretaria xeral da Asociación PuntoGal). Ademais dos encontros con mulleres referentes, lévanse a cabo outras sesións de sensibilización en institutos, nas que se proxectan vídeo-testemuñas e tamén se desenvolven charlas e dinámicas abertas á participación de distintos colectivos con implicación na orientación vocacional das nenas (profesorado, departamentos de orientación, familias, así como nenos e nenas).
A sesión da Coruña estivo protagonizada por Julia Bernal, considerada unha das máis importantes directivas españolas. Ten máis de 25 anos de experiencia no sector das tecnoloxías da información e ocupou numerosas posicións técnicas e de liderado en xigantes tecnolóxicos como HP, Sun Microsystems e Oracle. Red Hat é a maior empresa provedora de solucións de código aberto (open source) empresarial do mundo, cun valor en Bolsa superior aos 25.000 millóns de dólares e uns ingresos anuais de case 3.000 millóns. Falamos con ela.
"Esta iniciativa está enfocada a nenas de entre 13 e 15 anos, que están polo tanto na idade de tomar decisións sobre os seus estudos e de interesarse por uns determinados campos. Se actuamos despois pode ser demasiado tarde"
A falta de referentes femininos está bloqueando a incorporación de mulleres ás carreiras científicas e tecnolóxicas?
O que vimos observando é que no campo da ciencia e da tecnoloxía, o que chamamos carreiras STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería e Matemáticas), hai cada vez menos presenza feminina nas universidades, nos últimos dez anos o número de matriculadas decreceu un 25%. Na actualidade a presenza feminina neste tipo de carreiras é de tan só un 28%. Hai polo tanto unha preocupación e preguntas sobre por que se está producindo este fenómeno. Polo tanto estamos tentando concienciar e achegarlles estas carreiras ás nenas que están na idade de elixir o seu camiño. É importante amosarlles ás nenas referentes femininos que escolleron estas disciplinas e que tiveron unha carreira brillante, cun desenvolvemento profesional exitoso.
"Os medios de comunicación adoitan proxectar imaxes de mulleres que non precisamente imaxes de mulleres triunfadoras nos campos da ciencia, a enxeñaría e da tecnoloxía"
A clave é actuar nestas idades, antes de que as rapazas escollan o seu camiño profesional?
Efectivamente. É por isto que esta iniciativa está enfocada a nenas de entre 13 e 15 anos, que están polo tanto na idade de tomar decisións sobre os seus estudos e de interesarse por uns determinados campos. Se actuamos despois pode ser demasiado tarde. Estamos tentando cambiar a actual tendencia nese momento, cando aínda hai tempo.
Ademais desa falta de referentes, que outros factores poden estar sendo un obstáculo que explique esta fenda de xénero no sector?
Ás mulleres cústanos moito chegar a certos niveis e traballos. E, ademais, hai tamén unha falta de visibilidade do que facemos, do que fan as mulleres referentes nestes sectores. É certo que os medios de comunicación adoitan proxectar imaxes de mulleres que non precisamente imaxes de mulleres triunfadoras nos campos da ciencia, a enxeñaría e da tecnoloxía.
"As políticas de conciliación familiar no traballo van axudar a que as mulleres teñamos cada vez menos barreiras e obstáculos á hora de desempeñar unha carreira profesional"
No teu caso -ou no de mulleres que coñezas de primeira man- percibiches a existencia de obstáculos engadidos, que che fixeron máis difícil ascender na túa carreira profesional?
Na universidade non hai obstáculos engadidos, posto que aí contan as cualificacións académicas e aí estamos á par e mesmo superamos aos varóns. Na miña vida profesional eu non diría que sufrín discriminación, pero si que se presentan algunhas barreiras, especialmente nos períodos de conciliación familiar, que nolo poñen ás mulleres algo máis difícil. As políticas de conciliación familiar no traballo van axudar a que as mulleres teñamos cada vez menos barreiras e obstáculos á hora de desempeñar unha carreira profesional.
"Se as mulleres non participamos neste campo, nestes cambios que tanto impacto están tendo no mundo, haberá unha visión moi nesgada do universo que estamos construíndo"
A ciencia e a tecnoloxía teñen unha relevancia fundamental na configuración das nosas sociedades. A actual fenda de xénero nestes campos pode ter unha importancia máis decisiva que se se producise noutros sectores?
O mundo está avanzando moi rápido e a ciencia e a tecnoloxía teñen unha relevancia moi importante na transformación que se está producindo. Non diría que outros campos son menos importantes, pero a transformación tecnolóxica está sendo moi rápida, está transformando o mundo. Se as mulleres non participamos neste campo, nestes cambios que tanto impacto están tendo no mundo, haberá unha visión moi nesgada do universo que estamos construíndo. Por iso é tan importante que rachemos a fenda de xénero nestas carreiras.