O proxecto galego 'ICT-Go-Girls!', un exemplo de feminización das carreiras tecnolóxicas

O 28 de abril é o día internacional das rapazas nas TIC Dominio Público Praza Pública

O pasado 21 de xuño, no marco da conferencia Digital Festival 2016 organizada en Bruxelas polo Forum Europe, o comisario de Educación, Cultura e Deportes, Tibor Navracsics, destacou o proxecto ICT-Go-Girls! como un exemplo e un modelo a seguir en toda a Unión Europea no fomento da incorporación das mulleres ás carreiras tecnolóxicas, co obxectivo de vencer a actual fenda de xénero existente neste ámbito. 

ICT-Go-Girls! Promoting Entrepreneurship Among Secondary School Girls through ICT é un proxecto dirixido polo CESGA no que participa a USC (Grupo de Investigación en Tecnoloxía Educativa) xunto con outras cinco institucións europeas: Die Berater e Universidade do Danubio (Austria), Fraunhoffer IAO (Alemaña), Spoleczna Akademia Nauk (Polonia), e CVO Antwerpen (Bélxica). Busca promover entre as estudantes de ensino secundario o estudo de carreiras cientifico-técnicas, animando o seu empoderamento, capacidade de emprendemento e liderado, e loitando contra a minoritaria presenza de mulleres nas facultades de Informática ou nos departamentos de tecnoloxía das empresas.

O proxecto busca promover entre as estudantes de ensino secundario o estudo de carreiras cientifico-técnicas, animando o seu empoderamento, capacidade de emprendemento e liderado

Iniciado en 2012, dous anos máis tarde presentou en Amberes as súas conclusións, no marco dunha Conferencia final no que tamén se fixo pública unha guía para axudar os mestres e mestras a orientar as rapazas e facilitar o seu achegamento aos estudos técnicos e científicos. O manual subliña que "a sensibilización acerca das profesións relacionadas coas TIC e o emprendemento é un paso fundamental para promover o emprego feminino" e lembra que "os traballos relacionados co sector TIC volveranse cada vez máis importantes no futuro". Tamén destaca que "as rapazas poden aprender moi cedo a maneira de avaliar as súas fortalezas e habilidades tecnolóxicas e a buscar información, comunicarse e negociar coas persoas desde un posicionamento de liderado". O texto é tan só un instrumento máis, recoñecendo que se "necesitan iniciativas máis fondas e sostida no tempo para acadar un público máis amplo nas escolas europeas e influír para integrar real e eficazmente as TIC no currículo e facilitar o proceso de toma de decisión das mozas".

A guía parte da situación actual, na que atopamos certos indicadores moi negativos. Segundo datos de 2013, de cada 1.000 graduadas en Europa, só 29 mulleres teñen un título relacionado coas TIC, fronte a 95 homes. De igual maneira, a pesar de que as mulleres ocupan máis do 60 por cento dos empregos relacionados coas TIC nos países da OCDE, só entre o 10 e o 20 por cento son programadoras, enxeñeiras, analistas de sistemas ou deseñadoras. A maioría das mulleres neste sector traballan en postos de secretaría, procesamento de textos ou de entrada de datos, é dicir, postos que requiren habilidades de baixo nivel ou de formación técnica limitadas. En Galicia os datos son aínda máis negativos: Dúas de cada tres persoas empregadas nas empresas TIC de Galicia son homes (62,5%). A realidade é moito peor no que respecta aos postos directivos: a porcentaxe de empresas que conta con mulleres na súa dirección é de só o 18%. Esta fenda esténdese cara á universidade e as carreiras tecnolóxicas, onde apenas unha de cada cinco licenciadas é muller, unha realidade que lonxe de mudar cara a unha progresiva igualdade, semella estancarse e nalgúns casos mesmo dar pasos atrás.

O equipo da USC liderado polas profesoras Beatriz Cebreiro e Carmen F. Morante desenvolveu unha metodoloxía educativa para levar a cabo nas aulas dos primeiros anos de educación secundaria que permite traballar de xeito máis motivador as TIC e lograr un maior interese e coñecemento na elección de carreiras tecnolóxicas por parte das alumnas de secundaria. Como ferramenta fundamental para o desenvolvemento desta metodoloxía, o CESGA deseñou e implementou unha contorna virtual social baseado en software libre a través da cal se testou a proposta. Ambos recursos están dispoñibles na web do proxecto.

"Que haxa mulleres que deseñen o futuro das novas tecnoloxías é crucial", concluía María José Rodríguez Malmierca (coordinadora de ICT-Go-Girls!)

A USC e o Cesga continúan promocionando e participando en accións para motivar a elección de carreiras tecnolóxicas entre as máis novas. Entre outras  actividades figura a organización anual do evento Girls in ICT en colaboración coa Secretaría Xeral de Igualdade e o CPEIG ou a recente proposta Unha enxeñeira ou científica en cada cole en colaboración co Concello de Santiago.

"Que haxa mulleres que deseñen o futuro das novas tecnoloxías é crucial", concluía María José Rodríguez Malmierca (coordinadora do proxecto ICT-Go-Girls!) en entrevista con Praza, na que sinalaba que "estas cuestións hai que abordalas xusto cando se inicia secundaria, dependendo do país en Europa, entre os 11 e os 14 anos".

O comisario europeo de Educación, Tibor Navracsics, na conferencia Digital Festival 2016 Dominio Público @TNavracsicsEU
Navracsics destacou o proxecto liderado polo CESGA e a USC como un exemplo para toda Europa Dominio Público Praza Pública
No proxecto, que botou a andar en 2012, colaboran universidades de Alemaña, Austria, Polonia e Bélxica Dominio Público Praza Pública
O 28 de abril é o día internacional das rapazas nas TIC Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.