0 Gardados para despois

"Que haxa mulleres que deseñen o futuro das novas tecnoloxías é crucial"

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


Dúas de cada tres persoas empregadas nas empresas TIC de Galicia son homes (62,5%). A realidade é moito peor no que respecta aos postos directivos: a porcentaxe de empresas que conta con mulleres na súa dirección é de só o 18%. Esta fenda esténdese cara á universidade e as carreiras tecnolóxicas, onde apenas unha de cada cinco licenciadas é muller, unha realidade que lonxe de mudar cara a unha progresiva igualdade, semella estancarse e nalgúns casos mesmo dar pasos atrás: na última década a presenza feminina na formación superior en Informática reduciuse na nosa comunidade en máis de cinco puntos, de roldar o 24% a supor pouco máis do 18%, segundo destacaba hai dous anos un artigo publicado por EGANET.

Para reflexionar sobre as causas desta situación no campo das TIC e, máis en concreto, buscando visualizar e promover o rol da muller no eido do software libre en Galicia, este venres celébrase no Centro de Novas Tecnoloxías (CNTG) de Santiago de Compostela o evento Freeday4Girls. O encontro está organzado pola Oficina de Software Libre do Consorcio das Universidade Galegas e a empresa Nova Xestión Cultural. Dende Nova Xestión cultural destacan que "como mulleres que somos, vemos que nos proxectos e eventos de software libre hai un dominio esmagador dos homes, cando en realidade hai unha gran presenza feminina", por ese motivo "pensamos que había que facer algo para visibilizar o rol da muller no eido tecnolóxico, para animar as novas xeracións a participar, que vexan que o software libre é un campo de traballo máis e que non necesariamente hai que ser un friki para traballar con el, que se pode usar no eido da creatividade, da comunicación, do deseño..."

Na xornada, Palmira Castro (mimadriña.com) falará sobre A muller xestora de proxectos e o Software Libre; María Yáñez (A Navalla Suíza) sobre Contidos dixitais de código aberto; e Beka Iglesias (Adtlantida.tv), ofrecerá un obradoiro peer to peer streaming para aprender a facer retransmisións en directo a través da Internet. Ademais, haberá unha mesa de debate titulada "Da Universidade ao mercado laboral", na que participarán Susana Ladra (vicedecana de organización económica da Facultade de Informática da Coruña) e María José Rodríguez Malmierca (do CESGA, coordinadora do proxecto ICT-Go-Girls!).

 

ICT-Go-Girls!

"Unha das dificultades que atopamos neses momentos é que as rapazas non lle ven aos estudos científico-técnicos unha relación directa co mundo real"

A participación de Rodríguez Malmierca é especialmente importante pois dará conta do proxecto europeo ICT-Go-Girls!dirixido polo CESGA en colaboración coa USC e intitucións doutros cinco países. O obxectivo é promover entre as estudantes de ensino secundario o estudo de carreiras cientifico-técnicas, animando o seu empoderamento, capacidade de emprendemento e liderado, e loitando contra a minoritaria presenza de mulleres nas facultades de Informática ou nos departamentos de tecnoloxía das empresas.

"Unha das dificultades que atopamos neses momentos é que as rapazas non lle ven aos estudos científico-técnicos unha relación directa co mundo real. E en cambio outros estudos e profesións están máis ligados co beneficio social", destaca. Para iso, o mes que vén o proxecto lanzará unha guía para axudar os mestres e mestras a orientar as rapazas. As recomendacións que aparecen nesa guía están deseñadas cun enfoque de xénero, "porque non é o mesmo facer atractivas as novas tecnoloxías para as rapazas que para os rapaces", di.

O obxectivo é promover entre as estudantes de ensino secundario o estudo de carreiras cientifico-técnicas, animando o seu empoderamento, capacidade de emprendemento e liderado

Sinala tamén que, nalgúns ámbitos, o problema non está en que as mulleres "non estuden ciencias ou carreiras científicas e técnicas", senón en que "despois non destacan nelas, toman un papel secundario". "E estas cuestións hai que abordalas xusto cando se inicia secundaria, dependendo do país en Europa, entre os 11 e os 14 anos", engade. O proxecto celebrará a súa Conferencia Final o vindeiro 15 de outubro en Amberes, un evento que se poderá seguir en directo a través de Internet, para o que varios centros de ensino de toda Galicia xa formalizaron a súa inscrición. 

Rodríguez Malmierca sinala que o que se pretende con este proxecto é buscar solucións a medio e longo prazo, cambios de modelo e de actitudes, en ocasións moi complexos. "Ás veces detectamos cambios de tendencia por cousas tan parvas coma que a licenciatura en informática se convertese nunha enxeñaría técnica", pon como exemplo. 

Nunha entrevista con Praza, Susana Ladra, que compartirá a mesa redonda, sinalaba hai uns meses a importancia capital que tiña a presenza de máis mulleres nestas ensinanzas: "Estamos perdendo potencialmente o talento das mulleres que son afastadas, por un motivo ou por outro, deste campo, e estas mulleres están a perder oportunidades nun sector en auxe na sociedade na que vivimos". Unha voz de alarma que tamén se lanzara dende o devandito artigo de EGANET: "Non implicar as mulleres no desenvolvemento tecnolóxico significa perda de ideas, porque se deixa á marxe a perspectiva da metade da poboación, e perda de posibilidades de inserción laboral". Unha visión na que Rodríguez Malmierca coincide: "Que haxa mulleres que deseñen o futuro das novas tecnoloxías é crucial".

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.