Este luns celébrase o Día da Muller e a Nena na Ciencia. Todos os anos nesta data faise unha apelación a rachar a crecente fenda de xénero existente nas carreiras científicas e técnicas e, consecuentemente, neste ámbitos profesionais. Non é só que haxa menos mulleres físicas, matemáticas, enxeñeiras ou informáticas, senón que hai moitas menos estudantes destas disciplinas que hai uns anos.
Apenas o 13% dos estudantes de Informática son mulleres, fronte ao 38% que chegaron a ser no ano 2000
A porcentaxe de mulleres matriculadas nas tres universidades galegas nas licenciaturas e graos de ciencias, que na pasada década superaba o 60%, neste curso sitúase no 50,7%. A situación é aínda peor no conxunto das enxeñarías, nas que a proporción de alumnas é do 31%, cun leve descenso con respecto a hai dez anos (33%). Finalmente, é nos estudos de Informática onde a fenda de xénero é maior, con apenas un 13% de mulleres matriculadas neste momento en Galicia, fronte ao 38% que chegou a acadar no ano 2000.
Estes datos contrastan cos datos xerais de mulleres matriculadas nas universidades galegas, con cifras que se manteñen estables nos últimos 30 anos, movéndose sempre entre o 54% e o 57% e hoxe situadas no 55%.
En Bioloxía, Química, Ciencias do Mar, Matemáticas ou Física, a tendencia á baixa é idéntica
Se analizamos unha por unha a evolución das principais carreiras científicas, observamos diferenzas no peso da presenza feminina, pero unha idéntica tendencia á baixa nos últimos anos. A porcentaxe de mulleres redúcese de forma moi importante nas licenciaturas e graos cunha maior proporción de alumnas, como Bioloxía (pasa do 68% ao 60% na última década), Química (pasa do 63% ao 53%) ou Ciencias do Mar, que chegou a ter máis dun 70% de mulleres nas súas aulas, unha cifra que hoxe se sitúa no 54% (grazas a un repunte nos últimos dous anos).
Unha das carreiras nas que máis se reduce a porcentaxe de mulleres é Matemáticas, onde pasou do 60% ao 45% nas últimas dúas décadas. De igual xeito, na carreira de Física, que historicamente foi unha das máis masculinizadas, a proporción de mulleres baixou dende un 37% no ano 2000 ata o 31% na actualidade.
Nos últimos anos varias iniciativas traballan para fomentar as vocacións científicas nas mulleres (e sobre todo nas nenas), promovendo a súa incorporación ás áreas científico-técnicas. Unha delas é o proxecto europeo ICT-Go-Girls!, dirixido polo CESGA en colaboración coa USC e intitucións doutros cinco países, cuxa responsable, María José Rodríguez Malmierca, salienta: "Que haxa mulleres que deseñen o futuro das novas tecnoloxías é crucial". Ou, igualmente, a web Rapacinas.gal
As iniciativas que traballan para reducir a fenda de xénero inciden na importancia de que as mozas conten con referentes femininos nas ciencias e na tecnoloxía
Estes proxectos inciden na importancia de que as estudantes de Primaria e Secundaria conten con referentes femininas nas que verse reflectidas, situando a visibilidade das investigadoras, técnicas e científicas como un dos puntos clave da cuestión.
Un bo momento, polo tanto, para lembrar a Ducia de mulleres científicas galegas que vos amosamos o pasado ano. Ou para facer fincapé no carácter pioneiro das primeiras mulleres que pasaron pola Universidade de Santiago.