“Poucas veces as mulleres son imaxinadas como pioneiras, exploradoras, xenias”

Estíbaliz Espinosa © Fotos: Sandra G. Rey

A curiosidade coma fío que une humanidades e ciencias. Coma un atributo considerado positivo se se asocia aos homes e negativo se se relaciona coas mulleres. Desta idea parte o novo libro de Estíbaliz Espinosa, Curiosidade, (Aira). Unha obra -quizais a mellor da súa produción literaria- na que afonda en cuestións xa tratadas nos seus poemarios anteriores. E na que reivindica, coma en As neuronas irmás, co que acaba de gañar o premio Afundación, a intelixencia das mulleres. Que son pensadas, tantas veces, só como corpos.

Acaba o libro cunha alegoría da curiosidade. Unha imaxe que se refire ao que foi o punto de partida do mesmo: a curiosidade como algo que une humanidades e ciencias. Por que esta alegoría? Por que este tema?

Eu levaba tempo, en realidade, buscando un eixo, unha palabra que tratase de representar a unión entre ciencias e letras. Repetíase xa en parte dos meus textos desde había tempo, nos que reflexionaba sobre a curiosidade como un atributo, por exemplo, dos animais. Pensaba que era un atributo non o suficientemente explorado, que ademais ten unha connotación despectiva cando se vencella coas mulleres. Cando se considera un atributo masculino vese como algo positivo: a curiosidade dos científicos, dos exploradores, dos pioneiros… Mais cando se relaciona coas mulleres ten connotacións negativas: meter os fociños onde non te chaman.

“Cando se considera un atributo masculino vese como algo positivo: a curiosidade dos científicos, dos exploradores, dos pioneiros…”

Eu xa tiña un libro escrito, co seu título mais, unha vez, na Central de Barcelona, atopei un libro, Curiosidad. Por que a todos nos interesa?, de Philip Ball, no que está esa alegoría que citas, que é unha figura dunha muller fea, cos ollos fóra das órbitas… Porque é así como está establecida esa dualidade arredor do concepto de curiosidade. Poucas veces as mulleres son imaxinadas como pioneiras, exploradoras, xenias -non sei nin se existe a palabra xenio en feminino-.

En realidade, a curiosidade non ten que ver só coa exploración, coa investigación. Tamén é parte da literatura, que non é posible sen a curiosidade, sen tentar pensar coa mente doutra persoa, sen tentar meterse na pel doutra persoa, polo menos cando é ficción. É un elemento fundamental da literatura, xunto coa empatía. E tamén é motor da ciencia: a ciencia básica, por exemplo, avanza debido á curiosidade de persoas que queren saber, antes de ter claro para que se vai aplicar aquilo no que están a traballar.

Un dos poemas de Curiosidade di, de feito, que a ciencia é literatura e a literatura é ciencia, coa curiosidade como factor común e a beleza como vector. Nun encontro recente da AELG comentabas que a ciencia podía ser un xeito de poesía...

Tampouco é que crea exactamente iso, pero cando dixen iso parafraseaba ao poeta John Keats, que dicía que a verdade é beleza e a beleza é verdade. A ver, coa poesía dificilmente poderiamos atopar a teoría da relatividade, por exemplo, pero si é certo que a poesía busca poñer a linguaxe nunha cámara a presión, ver ata onde podemos espremer a linguaxe para expresarnos, ver ata onde podemos levar a linguaxe ordinaria para expresar outras cousas. Pois a ciencia tamén busca a palabra exacta, as metáforas máis axeitadas para expresarse, porque non deixa de ser unha interpretación lingüística do mundo, que está continuamente renovándose e buscando termos e paradigmas novos.

“A ciencia tamén busca a palabra exacta, as metáforas máis axeitadas para expresarse, porque non deixa de ser unha interpretación lingüística do mundo”

Para explicar o que é o espazo-tempo, por exemplo, utilízase a metáfora do colchón que se curva ao poñerlle algo enriba: o espazo cúrvase segundo a masa do corpo que está nel. E moitos conceptos da matemática, a astronomía… entran no campo do lirismo, evocan moitas cousas… Os propios científicos tamén son narradores ou inspíranse en narradores… Se ollamos á historia, ademais, vemos por exemplo que Aristóteles escribía tanto de poética como de como era o cosmos… A separación entre ciencias e letras estableceuse despois, é unha convención.

O libro leva deseños de Celsius Pictor.

Si, os versos que levan as buguinas coa man son chíos de twitter, por exemplo. Cando levan ese deseño, quere dicir que proceden de twitter. A proposta de que fixese os deseños Celsius Pictor foi de César Lorenzo Gil, que é quen está detrás da edición tan coidada que leva o libro. Penso que Celsius conectou moi ben co que eu quería, con ese deseño híbrido, de estética steampunk con outros elementos como o naturalismo…

Dicías antes que o libro tivo unha versión anterior que cambiaches… Moitos poemas están datados e vese que pertencen a distintos anos.

O libro é máis ou menos o mesmo que na primeira versión que tiña feita. Quiteille peso, eliminei cousas, porque era máis longo. A primeira versión estivo un tempo pendurada no meu blog. Despois decidín alixeirala, como dicía. Fun facendo unha recolla e despois funme decatando de que había un eixo común. Sei que non é novidoso, que eu mesma xa levaba tempo mesturando ciencias e letras, levando aos meus libros ideas da astronomía, a neurociencia ou a bioloxía, pero sen ser moi consciente.

Desta volta apetecíame que todo iso estivese nun libro de xeito máis consciente, esa idea de que as ciencias e as letras forman parte dunha mesma cultura. Mais si, os poemas foron escritos en distintos anos. O adicado a Luisa Villalta, por exemplo -no que poño para L.V.- é de cando ela morreu, e os demais foron escritos máis ou menos entre 2014 e 2016.

“Desta volta apetecíame que estivese nun libro de xeito máis consciente esa idea de que as ciencias e as letras forman parte dunha mesma cultura”

O libro está estruturado en cinco partes diferenciadas. Que hai en cada parte?

A primeira é “dar coa palabra”. A misión da poesía é dar coa palabra, atopala, ofrecer, brindar algo. Dar coa palabra está máis centrado na cuestión da linguaxe. A poesía tenta atopar o extraordinario coa linguaxe ordinaria, de todos os días. Ben: a poesía pode ser algo extraordinario ou non: ás veces esperamos moito da poesía, se cadra máis do que pode dar. Niso hai algo de ambivalencia: por un lado a imaxe do poeta, que importante, e por outro certo desprezo, como se o poeta pensase que é máis sensible ou mellor que os demais. E eu entendo que o poeta pode ser, ás veces, vituperado con razón.

“A poesía non nos vai salvar de nada, non nos vai devolver a ninguén”

A poesía non nos vai salvar de nada, non nos vai devolver a ninguén. Mais, aclarado iso, a literatura tenta expresar algo de maneira extraordinaria a partir da linguaxe ordinaria, que é o mesmo que fai a ciencia. Que unha mazá caia ao chan é algo ordinario, pero a lei da gravidade é algo extraordinario que nos permite comprender como funciona o mundo no que vivimos.

A segunda parte, a da mesa redonda con Pandora, ten algo máis de cosmoloxía ou astronomía. Na terceira, perder a forma humana, está o aspecto máis físico, é onde hai máis corporeidade. Hai, por exemplo, un poema erótico, que non é algo habitual no que escribo, e que se relaciona coa idea da animalidade… Tamén está, por exemplo, noutroras, que ten que ver coa idea que temos ás veces de que nos confundimos de época, porque iamos vivir mellor noutra… A quinta parte, transxenia, ten que ver co transxénico e coa idea de muller xenio. A cuarta, en(xen)ho, xoga tamén coa idea de xen, como núcleo doutras palabras que poden levarnos desde os aparellos mecánicos -os enxeños- ata o xenio como a dimensión intelectual…

Noutroras fíxome pensar nun filme de Woody Allen. O libro contén moitas referencias á literatura e á ciencia e algunhas tamén ao cinema ou á música.

Do do cinema non son consciente mais, claro, temos unha macedonia na cabeza que se reflicte no que escribimos sen que saibamos moi ben como. Si que son consciente de que podo ser esixente, que non fago textos fáciles, que hai que buscar as referencias.

Hai moitas referencias, si, pero os textos compréndese igual. Penso que moitas persoas perderemos, por exemplo, moitas referencias sobre ciencia…

Eu penso que non se trata de entender, de decodificar, senón se cadra de entrar nunha atmosfera. Se consigo iso, penso que poderei dicir que está ben feito o traballo. Tamén se trata, para min, de suscitar curiosidade por campos considerados “alleos” á literatura, como a ciencia, aínda que eu xa dixen que non considero a ciencia allea á literatura. Tento transmitir esa curiosidade, e desde un punto de vista optimista, porque ás veces hai un exceso de tribulación na poesía, moito desacougo que, claro, ten que ver cos tempos que estamos a vivir e coas circunstancias persoais de quen escribe, pero que ás veces é coma unha pose baleira. Eu penso que temos que ser optimistas e ter ganas de rebelarnos.

“Ás veces hai un exceso de tribulación na poesía, moito desacougo, que é coma unha pose baleira”

Como di Buckminster Fuller nunha cita que recollo no libro, se queres cambiar algo, constrúe un modelo novo que volva obsoleto o anterior. Penso que pode pasar algo semellante no feminismo -e isto non está no libro-. Se cadra ás veces perdemos tempo pelexando con estruturas fosilizadas, patriarcais, no canto de tentar crear outra cousa. Gústanme moito, por iso, iniciativas coma a do Día das Galegas nas Letras, de A Sega. Crear outra cousa.

Hai bastante humor, ademais, no que escribes. E como unha chamada a, non sei, desdramatizar o propio feito da escrita. Non poñer a quen escribe nun pedestal, que ao cabo só se trata de escribir e desescribir o escrito. Un poema fala sobre iso...

Para min é inevitable que haxa unha actitude retranqueira. É unha maneira de ver a literatura desde lonxe, en órbita, desde certa distancia. Tamén pode interesarme, outras veces, o “intensito”, pero penso que a ironía e a retranca poden axudarnos moito. E si, a palabra desdramatizar pode estar ben para definilo. E eu escribo e desescribo todo o tempo. Se me desen un ano máis, volvería reescribir este libro. Marilar Aleixandre cita versos dese poema que citas, dos que colleu ademais o título do seu libro Desescribir.

“Para min é inevitable que haxa unha actitude retranqueira”

Con ese mesmo enfoque falas da vida, da existencia. Ben, en realidade, toda a literatura fala da vida. Pero neste libro hai varios poemas que se refiren máis directamente a iso. Nun dos primeiros poemas a voz poética celebra que nos encontremos, casualmente, neste tempo e non 100 anos ou despois… Xa en anteriores libros falabas de que só somos un puntiño do universo...

Si, mais fíxate que o poemario comeza con: “... e logo a explosión/ Que existes” e acaba con “... que existas/ Que éxtase”. Polo que si hai unha fascinación pola existencia, aínda que tamén está esa idea que dis, que xa estaba por exemplo en Zoom, de que só somos un puntiño do sistema solar, que é un cágado da Vía Láctea… É coma un xogo de matrioskas. E si, claro, se nos ollamos a escala cósmica, iso axuda a desdramatizar a existencia, pero non deixa de ser abraiante cadrar neste tempo, neste lugar. Tamén é fascinante, por exemplo, que as papuxas, que voan de noite, coñezan as estrelas…

“Si hai unha fascinación pola existencia, aínda que tamén está esa idea de que só somos un puntiño do sistema solar”

Algúns poemas refírense ao teito de cristal co que nos atopamos as mulleres. “Algún día, a través do famoso ‘teito de cristal’, veránsenos as bragas”, di un dos haikus.

Si, ese é un chío que tivo moito éxito e que foi traducido ao hebreo, ao inglés… Aínda que despois pensei que igual tiña que revisalo, porque do que se trata é de baixar do teito de cristal. Mais si, un dos poemas fala de Vera Rubin, a astrónoma que achegou as probas que permitiron demostrar a existencia da materia escura. E non lle deron o Nobel. Morreu hai pouco aínda. Nestes poemas influíu moito un traballo que fixen: escribín e locutei trece historias de trece mulleres científicas. Pensamos que a hai discriminación na literatura, e é certo, pero é que a situación das mulleres na ciencia é aínda peor. Sempre se fala de Marie Curie, que é único nome que parece que nos soa. Ese último ano houbo un cero por cento de mulleres.

“Pensamos que a hai discriminación na literatura, e é certo, pero é que a situación das mulleres na ciencia é aínda peor”

A carón dos chíos hai poemas longos, de varias páxinas, bastante narrativos. O libro combina a prosa poética coa poesía. Se ten sentido facer esa distinción… Tamén hai poemas que continúan a través dos que os seguen.

Si, combinar poemas longos con chíos é algo que tamén fago nos recitais. Hai poemas que, si, son como historias. E unha simbiose da poesía coa prosa poética.
               
Un deses poemas longos fala dos tópicos arredor da regra. Debemos deprimirnos, di, por imperativo categórico e chorar sobre coxíns de pluma de oca. Creo que é un dos mellores dun libro que, por outra banda, toca moitos temas.

Este poema estaba recollido nun libro, Sangrante, que coordinou Luna Miguel. O tema era iso, sangrante, pero varias das que participamos falamos da menstruación. O poema xoga con esa idea dos “días del mes” e todos eses eufemismos que se utilizan. É unha parodia dos tópicos arredor da regra, si. De pequena dicíanche que non podías bañarte, nin ducharte… Ademais, é un tabú rodeado de escurantismo: a muller é apartada a outro espazo para que non poida “contaminar os demais”. Xa sabes, non podemos facer maionesa porque se corta.

A maternidade é outro dos temas do libro. “Maternidade sen pai descoñecido. A humanidade sobreviviu así tantísimos séculos que semella un costume neandertal”, di. As viaxes en tren ao médico...

Estiven tres anos co tratamento, dábame para escribir outro libro. Foi unha experiencia extraordinaria pero, claro, o proceso non llo desexo nin á miña peor inimiga. Mais si, cada vez hai máis familias monoparentais, é cada vez máis habitual, malia as dificultades -para sobrevivir economicamente, claro-. É unha realidade. Na miña familia non sentou ben que eu decidise ser nai soa por segunda vez. Pero pensando na miña propia familia, a miña bisavoa tivo unha filla soa, que á súa vez tivo un fillo soa… Era moi habitual no campo galego. E eu non me meto en se é mellor ter un fillo tendo parella ou non. Eu tamén vivín a maternidade en parella. Só digo que a as familias monoparentais son un feito.

“Cada vez hai máis familias monoparentais, é cada vez máis habitual, malia as dificultades”

En relación con iso, un dos poemas fala dun home que, para insultalo, din que é feminista e galegofalante. Outros poemas falan de que non ten nada de malo ser cerebral e ser muller… Un poema, en concreto, “o feminino”, “a masculino”.

Si, hai unha vontade de subversión do binarismo de xénero. As palabras seguen sendo palabras aínda que lles cambiemos o xénero, por iso ese poema que citas. En Socioloxía unha das primeiras cousas que che explican é que as primeiras diferenzas xurdidas nas sociedades son as de idade e xénero. É un pouco castrante, e iso enténdese mellor agora, que se fala de xéneros fluídos…

Falabamos antes diso: ao ir avanzando o libro, van gañando peso os poemas sobre a existencia como algo non tan sumamente complicado…

Como che dicía, a ciencia axuda a desdramatizar. Todas as nosas pelexas, vistas desde o cosmos, son algo ridículo. Se viñese unha invasión alieníxena teriamos que estar unidos para defendernos. Ás veces era mellor collernos polas lapelas e abanearnos un pouco. A vida é moito máis grande que todas as nosas parvadas.

“Todas as nosas pelexas, vistas desde o cosmos, son algo ridículo”

E segue, mesmo en Chernóbil.

Sobre iso vin un documental e quedei abraiada. Eu era nena cando foi o accidente, no 86. Despois, no 97, estiven en Ucraína e non que decataba de que fora alí ata que mo dixeron… Foi unha catástrofe ambiental e humana enorme, que se tapou por vergoña, porque as autoridades non querían que se vise o seu fracaso. Mandaron alí xente, os chamados liquidadores, a morrer arrasada pola radiación… Pois hoxe a cidade é un bosque con fauna e flora salvaxe. É abraiante. Conectei isto, nese poema, coa idea da maternidade, a vida que chega despois de que che dixesen que xa era imposible.

Nun dos poemas, a voz é dun autómata que olla o raros que son os humanos. En poemarios anteriores, ollaras os humanos desde a óptica do neandertal, o cyborg, o robot, o mostro ou, tamén, o autómata. Xeitos de ollar desde fóra os seres humanos.

Ese é o poema que lle dedico a Luisa Villalta. Non é que fósemos moi amigas, pero si era unha persoa achegada, que eu trataba. A súa morte devastoume, deixoume un pouco tocada. Moitas veces procuro distanciarme, nos poemas, daquilo que me doe. Por iso procuro a perspectiva dos non humanos: o autómata, o cyborg, o robot… É unha maneira de saír de nós mesmos e poñernos no noso sitio. De tomar distancia respecto das cousas que nos queiman, que nos doen moito.

“Moitas veces procuro distanciarme, nos poemas, daquilo que me doe. Por iso procuro a perspectiva dos non humanos: o autómata, o cyborg, o robot…”

No poema sobre a disidencia están os berros que non demos. Noutro, as persoas que morren no mar tentando chegar a Europa.

O da disidencia é un poema dos que son, neste libro, máis de corte social. Había máis, pero fun eliminándoos. A idea é un pouco que os berros que non damos terían como unha entidade propia, como se puidesen fosilizarse e despois ser sometidos á proba do carbono 14. Entón poderían preguntarnos, os que veñan despois de nós, por que non berramos, por que estivemos calados. Por que non cumprimos coa nosa responsabilidade cívica. Un deses casos é o do tema dos refuxiados. É un poema curto, no que se lembra unha conversa trivial, real, cunha persoa que fala outro idioma, sobre as diferenzas entre nadar no mar e no océano.

“A idea é un pouco que os berros que non damos terían como unha entidade propia, como se puidesen fosilizarse e despois ser sometidos á proba do carbono 14”

Despois desa conversa morreron un monte de persoas no mar, e eu lembrei esa conversa trivial. Como é posible que non esteamos a berrar por iso todo o que sería necesario. Mais, a min, tratar temas coma estes nos meus poemas resúltame moi complicado. Ás persoas que escribimos pídennos que escribamos cousas cando acontecen feitos coma este, ou o do Prestige, por exemplo. O problema é que, ante catástrofes tan terribles, a min cústame moito. É difícil escribir algo que non sexa tópico, que pareza impostado… Por iso temas coma este dos refuxiados están só como pinceladas. Sendo homo sapiens, parece incrible que non sexamos quen de atopar unha resposta.

Noutro poema, a voz poética fala… co planeta, segundo parece. Pregúntalle se quererá seguir sabendo de nós.

A exploración espacial xa está a buscar un exoplaneta, porque haberá que ter un plan B se acabamos de destruír o noso planeta. É como unha voz colectiva que lle pregunta ao planeta se se lembrará de nós.

Vés de gañar o premio Afundación por As neuronas irmás, que editará o Pen. En que sentido nace ese libro de Curiosidade?

É un libro que xorde dun feito biográfico, que é a perda do meu único irmán. Un libro que reflexiona sobre o que é ser irmá, e ser irmán. Sobre a idea da irmandade, en distintas dimensións: a irmandade co cosmos, con outras especies, co estranxeiro, con outras mulleres… Hai unha idea de sororidade, pero non é un libro social nese sentido. É a irmandade ollada desde distintas perspectivas. As dúas Europas: a máis coñecida e a lúa de Xúpiter, Galicia e a Galitzia de Polonia e Ucraína… Tamén reivindica a figura da muller non só como corpo, senón como xeradora de ideas, como cerebro. A intelixencia das mulleres.

"O libro As neuronas irmás reivindica a figura da muller non só como corpo, senón como xeradora de ideas, como cerebro"

Dicía o xurado que crearas poderosas imaxes. Si que hai imaxes potentes no que fas. E están presentes os xogos de palabras, a aliteración… O xogo coa linguaxe.

O das imaxes, non sei... Eu penso que as imaxes de Olga Novo, por exemplo, si son moi potentes. Eu creo que a min dánseme mellor, como dis, os xogos de palabras… Mais As neuronas irmás é un libro menos complexo ca Curiosidade.

Dominio Público Praza Pública
Dominio Público Praza Pública
Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.