Música, contos e gastronomía: Castelo Conta celebra o décimo aniversario con máis días de festa

Unha actividade no Castelo Conta, nunha foto de arquivo © Castelo Conta

O Castelo Conta celebra este verán o seu décimo aniversario cunha edición especial que se estenderá durante dez días consecutivos, do 22 ao 31 de agosto, coincidindo cos dez anos dun festival único que naceu no rural "para celebrar a cultura e o encontro comunitario ao redor da festa".

O evento foi presentado o pasado mércores nun acto no que o seu director, Xosé A. Touriñán, agradeceu o apoio institucional e da veciñanza que fixo posible chegar á décima edición dun festival que "sempre quixo tecer redes para que o que sucede en Castelo poida inspirar a outros lugares". Tamén destacou que nesta edición amplíase a programación a dez días, "con máis de 50 actividades e 150 persoas traballando para facelo posible", e subliñou a aposta pola diversidade, con novidades como a Gala dos Dez Anos, a estrea da canción que Sés dedicará a Castelo ou o incremento das prazas do campamento Xente Miúda.

Cartel do Castelo Conta, con todas as actividades © Castelo Conta

O acto de presentación contou coa participación de José Ramón Riobóo, alcalde do Concello de Culleredo; Natividad González, deputada de Cultura da Deputación da Coruña; o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia, José López Campos; así como representantes das empresas patrocinadoras Deleite e Estrella Galicia, colaboradoras habituais do festival desde as súas primeiras edicións.

Castelo Conta celebra o seu décimo aniversario con dez días de festa e máis de 150 actividades do 22 ao 31 de agosto

A programación desta edición manterá as actividades máis emblemáticas do festival e incorporará novas propostas para celebrar unha edición histórica.

O Día Grande do Castelo Conta celebrarase o sábado 30 de agosto, cunha andaina polas aldeas de Castelo, con pequenos contadas en diferentes paradas, e rematará co xa tradicional espectáculo de monólogos, conducido por Touriñán, e no que participarán David Amor, Lucía Veiga, David Perdomo, Marita Martínez, Quico Cadaval, Oswaldo Digón, Gari Garrido, Pepo Suevos, Patricia Castrillón e Javier Veiga.

Como gran novidade o festival estrea un novo espazo para a primeira fin de semana: o auditorio natural de Monte Xalo, un escenario natural integrado na contorna, no cume do monte, con capacidade para cincocentas persoas, onde actuarán Carlos Núñez, Sés, Alana ou Ortiga, e onde tamén estarán as Tanxugueiras, nunha sesión vermú especial o domingo 24.

A gran novidade será a estrea dun novo espazo: o auditorio natural de Monte Xalo, onde actuarán Carlos Núñez, Sés, Alana, Ortiga ou Tanxugueiras

A música será un dos piares desta edición, con concertos repartidos en diferentes espazos e horarios, desde sesións vermú ata seráns nas aldeas de Castelo.

Brais Morán e Nasaufunk, Abril, Pava, 9louro, The Rapants protagonizarán os Vermús na Taberna, que contarán coas tapas preparadas en directo polos cociñeiros Jorge Trigo (A Espiga), Nacho Moreira (La Esquina de Valentina), Kike Piñeiro e Eloy Cancela (A Horta do Obradoiro), Lolo Mosteiro e Paula Martínez (A Artesa da Moza Crecha), Damián Paris (Dekanta't), Xosé Magalhaes e Lydia del Olmo (Ceibe), Bea Sotelo, Bego Vázquez (Regueiro da Cova), e Chisco Jiménez (Culuca).

Presentación da décima edición do Castelo Conta © Castelo Conta

De Vacas, Lisdexia, Monolius DOP, Zënzar ou Gintonis serán algunhas das propostas musicais previstas para as noites do festival, ás que se sumarán desde o mércores outros espectáculos, como unha gran foliada, a estrea do documental Buscando a nova regueifa, a Gala dos dez anos do Castelo Conta —un espectáculo especial de aniversario que mesturará música, humor e memoria do festival— ou Somos Criminais e punto final, o espectáculo máis exitoso de Carlos Blanco e Xosé A. Touriñán.

De Vacas, Lisdexia, Monolius DOP, Zënzar ou Gintonis serán algunhas das propostas musicais previstas para as noites do festival

Non faltarán algunhas das actividades habituais, como os Contos de Castelo, onde a veciñanza maior compartirá historias e lembranzas mantendo o formato próximo e interxeracional, ou Xente Miúda do Castelo Conta, cinco xornadas de actividades dirixidas ás máis pequenas e pequenos

Os distintos espazos do Monte Xalo, Folgueira, Castelo de Abaixo ou Vilaverde converteranse durante dez días en escenarios naturais para a reivindicación da cultura de proximidade. O Castelo Conta aposta por seguir transformando a parroquia de Castelo nun espazo de cultura viva, ocupando aldeas, camiños e espazos comúns, abertos e participativos.

A programación completa está dispoñible na web www.casteloconta.gal e nas redes sociais do festival, onde se compartirán tamén contidos especiais polos dez anos. A entrada para a maioría das actividades é de libre acceso, as entradas para aquelas que o requiran están xa dispoñibles na web do festival.

O Castelo Conta é unha iniciativa de Xosé A. Touriñán e os seus veciños e veciñas de Castelo e conta co apoio do Concello de Culleredo, a Deputación da Coruña, a Xunta de Galicia a través da Agadic e Turismo de Galicia, co patrocinio de Deleite e Estrella Galicia.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.