Comedia, música e tradición oral mestúranse no Castelo Conta, unha semana de festa para todas as idades

O director do Castelo Conta, Xosé A. Touriñán, e o presidente da Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia, Iker Sertucha © Castelo Conta

Do 22 ao 28 de agosto a parroquia de Castelo, en Culleredo, celebra un festival centrado na comedia que contará con intérpretes de lingua de signos, actividades de recuperación de memoria para os maiores, espectáculos para crianzas, unha andaina colectiva e moito máis

Castelo Conta é un festival centrado na comedia, a tradición oral e a cultura rural que se desenvolve na parroquia de Castelo (Culleredo). Impulsado pola veciñanza da parroquia, conta coa dirección de Xosé A. Touriñán, que naceu e vive alí. Logo de dous anos sen celebrarse a causa da pandemia da COVID, esta VII edición –que vai do 22 ao 28 de agosto– reforza o seu compromiso co medio natural e con toda a veciñanza de Culleredo.

O festival terá actuacións accesibles mediante intérpretes de lingua de signos grazas á colaboración coa Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia. Desta maneira, o espectáculo Somos Criminais 3, con Carlos Blanco e Xosé A. Touriñán e a Noite de Monólogos do sábado 27, contarán con varios intérpretes de lingua de signos para facilitar a participación das persoas con xordeira. 

Durante toda a semana, Castelo encherase de música, espectáculos de humor, teatro, actividades para os cativos, xuntanzas coa veciñanza, accións orientadas á conservación do patrimonio natural… e moita festa! Así o contan desde a organización, que programa as actuacións de Sés, Guadi Galego, Xabier Díaz e as Adufeiras de Salitre, Xurxo Fernandes, Moura, Caamaño&Ameixeiras e DJ Russinha que, entre outros, serán os encargados de poñer música a este festival tan centrado no humor no que haberá espectáculos como Hoy puede ser mi gran noche e As fillas bravas de Momán.

Sés, Guadi Galego, Xabier Díaz e as Adufeiras de Salitre, Xurxo Fernandes, Moura e Caamaño&Ameixeiras actuarán no festival de Castelo

De luns a venres, as mañás serán para as crianzas, coas actividades da Xente Miúda do Castelo Conta, e tamén poderán gozar cos espectáculos Quixote e Saaabor!. Nas tardes, a veciñanza de maior idade toma a palabra nos Contos de Castelo, uns encontros de recuperación da memoria oral de Castelo conducidos por Tone Martínez. Nesta edición recuperarase a figura de Finita Gay e a súa imaxe quedará retratada no Centro Social cun mural de gran formato do artista Mon Devane.

O sábado 27 é o día grande do Castelo Conta, celébrase a xa tradicional andaina que, despois do xantar, percorrerá Castelo con Luis Davila e Carlos Blanco. Galifunk Brass arrincará unha noite na que o espectáculo de monólogos contará con Xosé A. Touriñán, David Perdomo, David Amor, Noemi Rodríguez, Darlene Rodríguez, Oswaldo Digón, Carlos Blanco, Javier Veiga, Pepo Suevos, Isabel Risco e Patricia Castrillón.

Presentación da VII edición do Castelo Conta © Castelo Conta

O compromiso co medio natural levou o festival a colaborar coa campaña #SenPlásticosNoMonte polo que non haberá plásticos dun só uso nas actividades e eventos da semana do Castelo Conta. Ademais, desde a organización explican que se contratará para realizar tarefas de produción a usuarios da Asociación Mestura, que traballa desde Culleredo pola integración social das persoas inmigrantes e emigrantes retornadas.

A asistencia é libre e gratuíta para a maioría das actividades, salvo algúns casos para os que será preciso mercar entradas ou reservar convites no sitio web do festival. Toda a programación do festival Castelo Conta pode consultarse aquí

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.