Zahara, Los Planetas, Treixadura, Coque Malla, Ilegales e Juancho Marqués, entre outros, actúan nesta volta á normalidade das Festas da Peregrina, con charangas, pasarrúas e bandas de gaiteiros do 12 ao 22 de agosto
Do 12 ao 22 de agosto "vai ser imposíbel non escoitar música nas rúas de Pontevedra". A edil de Festas, Carme da Silva, celebrou que este ano as Festas da Peregrina recuperan a normalidade, deixando atrás as restricións e as limitacións de capacidade e recintos, despois do peor da pandemia. "Haberá unha actividade intensa e variada, con músicas cheas de alegría, ao poder retomar esa vida festiva, pois un elemento fundamental da Peregrina é poder ser vivida na rúa, non só de ir os concertos; hai que vivila na rúa, gozala nesta", destacou.
A directora da Estación Fitopatolóxica de Areeiro e presidenta da Sociedade Española da Camelia, Carmen Salinero Corral, será a encargada da lectura do pregón das festas o sábado 13 de agosto, ás 12.00 horas, na balconada do Pazo de Mugartegui, na praza da Pedreira. O alcalde salientou que a súa elección como pregoeira pon en valor o papel da muller dentro da investigación científica.
Zahara (domingo 14), Los Planetas, Coque Malla (luns 15), Ilegales (sábado 20), Fernando Costa (martes 16), Treixadura (mércores 17), Juancho Marqués (venres 19), Víctor Manuel (luns 22), o espectáculo O Pequeno Rei da Sabana (xoves 18) e Camela (domingo 21) actuarán na praza de España ao longo das festas. Os primeiros serán os de Granada, Los Planetas, que veñen de editar o disco Las canciones del agua e tocan o sábado 13 ás 22.30 horas.
Polo escenario da praza da Ferraría pasarán o sábado 13 Galifunk Brass ás 21 horas. O domingo 14 haberá concertos da Coral Alameda do Fogar do Maior, Coral Bella Helenes, Coral Helénica, Coral Polifónica de AC do Chopo e a Coral Airiños de Campañó.
O luns 15, thaberá un show de Rock Circk. O martes 16 toca o Coro Encaixe. O mércores 17, actúa Marcelo Dobode coa banda Primordiais. O xoves 19 é a quenda do tributo a Joaquín Sabina, ConductoresSuicidas. O venres 20, dos locais e veteranos Black Stones. Por último, o sábado 21, será a quenda de Laroá, coa súa mistura de música tradicional e jazz.
A praza da Curtidoira concentrará as actividades para as crianzas
Durante os dez días de festa tamén haberá charangas, pasarrúas e bandas de gaiteiros polas rúas de Pontevedra. Ademais, este verán recupérase a Batalla de Flores, que partirá da rúa Virxinia Pereira, pasando por Loureiro Crespo, Benito Corbal, Cobián Roffignac e Padre Amoedo.
A praza da Curtidoira concentrará as actividades para as crianzas nestes días, con obradoiros e espectáculos infantís como, Puño Puñete, de Baobab Teatro, o martes 16; As minas do Rei Salomón, o mércores 17, con Teatro Ghazafelhos; Soño, o venres 19, con Troula Animación; ou Ghop!, o sábado 20, con Teatro ó Cubo.
Entre a ponte do Burgo e a ponte de Santiago terán lugar os tradicionais espectáculos pirotécnicos destas datas festivas. Serán na medianoite do sábado 13, na do luns 15 e volverán repetirse o domingo 21 como despedida das Festas da Peregrina.
A programación completa dos dez días de festa en Pontevedra pode consultarse aquí.