De xoves a domingo deportes e cultura urbana volverán encher as rúas da cidade con actuacións de grupos como Wöyza, Boyanka Kostova, Eternal Entropy, Bflecha ou Mwëslee
Este xoves 11 de agosto a XXII edición do festival de deporte e cultura urbana O Marisquiño estreará unha das súas novidades deste ano, o denominado Family Day, unha xornada pensada para que os mais pequenos aprendan sobre os deportes do evento nunha serie de talleres. Unha experiencia que se realizará nos mesmos circuítos nos que horas máis tarde estarán a competir os grandes deportistas internacionais de cada disciplina. “Desta forma conséguese un mellor aproveitamento dunhas custosas infraestruturas e, ademais, foméntase a formación dos campións do futuro”, din desde a organización.
Outra das novidades desta edición, que se estende ata o domingo 14, é que o festival terá ata catro localizacións distintas por toda a cidade, o que permite ampliar a capacidade dos espazos para ver as distintas disciplinas.
Nesta edición de O Marisquiño, que mantén o seu principio de ser un evento de entrada libre e gratuíta, as competicións de Skate cambian a súa localización a Samil, onde xa estivo nos seus inicios, e o Basket 3x3 celebrarase na cuberta da estación de trens de Vialia. Ademais, ampliouse o percorrido do Descenso Urbano que partirá do Castro para terminar no peirao do Berbés.
A organización salienta que O Marisquiño volverá contar “cunha nómina de deportistas internacionais moi importante que contribúen a dar fama a un dos eventos de deporte urbano máis destacados en Europa” con “figuras como o subcampión olímpico de BMX Daniel Dhers, os skaters Angelo Caro (finalista en Tokyo 2021), Ivan Monteiro, Danny León, a rider colombiana Queen Saray ou a skater arxentina Aldana Beltrán”.
Canto á vertente musical do festival, este xoves 11 hai un concerto de benvida en Castrelos a cargo de Hijos de la Ruina e Wöyza. Durante as tres xornadas centrais do festival haberá dous escenarios, un no Peirao de Transatlánticos con concertos e outro en Samil para sesións de DJ´s diúrnas. Ademais, na tarde do domingo celebrarase unha Batalla de Galos na zona do Tinglado do porto. Entre os artistas musicais que estarán presentes nesta edición atópanse Boyanka Kostova, Eternal Entropy, Bflecha ou Mwëslee. Break-dance e grafitis tamén terán o seu espazo no festival.