Se houbese un calendario lucense -alén d'O gaiteiro de Lugo- é posible que o ano comezase ou rematase en outubro. Na cidade da Muralla hai moitas cousas que suceden "antes do San Froilán" ou "despois do San Froilán". Mesmo hai quen lembra cando a actividade en moitos centros educativos ía ao ralentí -ou nin ía ata que remataban as festas que sempre se celebran do 4 ao 12 de outubro.
Estes son días de punto de inflexión en Lugo. De reencontros, de ir ao polbo coa familia, coas amizades de cotío e coas que se ven unha vez ao ano, coas compañeiras do traballo, das aulas de pandeireta, do ximnasio... Ou do que lle cadre. A medio camiño entre unha extensión do verán e un Nadal adiantado entre barracas, casetas e "vivas" a San Froilán con independencia da devoción de cadaquén.

Barracas? O que noutros moitos lugares lle chaman atraccións ou cochitos, un recinto feiral duns 20.000 metros cadrados que se estende pola contorna do parque Rosalía de Castro, aberto este ano dende finais de setembro e que nos días grandes acolle multitudes. Casetas? As do polbo, tamén no feiral, e que hai xa ben anos que son restaurantes en toda regra. Aínda que se busca polbo atoparao tamén en múltiplos caldeiros por toda a cidade.
Un amplo menú musical de balde volve combinarse nas patronais lucenses co seu particular carácter, combinación de festa urbana e feira popular do 4 ao 12 de outubro
Na contorna do parque de Rosalía está tamén a praza da Horta do Seminario, un dos escenarios centrais do programa musical das patronais lucenses, que este ano inauguran o día 4 (22:00) as Tanxugueiras con Diego Flâneur & Ünder como teloneiros. Nos días seguintes polo mesmo palco pasarán Xoel López (día domingo 5), Sondeseu (luns 6), Lía Kali (venres 10), El Consorcio (sábado 11) e Guadi Galego (domingo 12, con Laura Lamontagne na previa).
O outro gran escenario musical do San Froilán é a praza de Santa María. Ao carón da catedral tocarán e cantarán Lucía Pérez e Dakidarría (día 4), Cristina Branco e Biznaga (5), Patax (6), Zarandela e Irmaus da Raia Seca (7), Nebra e Uxía (8), Vera Fauna e Bala (9), Nogen e Pony Pisador (10), Queralt Lahoz e De Ninghures (11) ou Fiandola (12). Ademais, espazos gañados nos últimos anos aos coches como a Praza da Mosqueira son tamén agora escenario musical para o San Froilán [todos os detalles, no programa completo].
Pero, alén do amplo menú musical gratuíto -todos os concertos son de balde- ou do máis extenso programa de actividades para todas as idades, dende a programación infantil do San Froilán Miúdo ás orquestras, o que non falta nunca nas centenarias feiras e festas do San Froilán é o seu particular carácter. O que as mantén como unha combinación de festa urbana e feira popular que permite descubrir xente e actividades en cada recanto aínda que non estea previsto. O que as sostén, como escribira Álvaro Cunqueiro a "festa máis cabal" e os "días máis fermosos do outono galego", que este ano comezan co pregón da xornalista da Radio Galega Cristina Lombao o día 4 ás 12 dende o balcón do Concello.