- 🟪🟧🟦 EN VINTE | Bala. Dentadas punk
A "gran festa do outono galego" trae novidades ás portas do verán. A cita de cada ano coas patronais lucenses, do 4 ao 12 de outubro, inclúe neste 2025 nomes relevantes da escena musical galega e do Estado que a área de Cultura do Concello procura inserir nas axendas de veciñanza e visitantes.
Canda o tenente da alcaldía, Rubén Arroxo, a concelleira Maite Ferreiro avanza unha decena de confirmacións musicais para o San Froilán deste ano que combinan nomes consagrados e mesmo históricos con apostas de xénero e outras emerxentes. A comezar polas Tanxugueiras, que regresan aos escenarios dunhas festas onde xa actuaran en pequenos formatos, previos ao gran estourido do seu éxito dos últimos anos.

Arroxo e Ferreiro confirman tamén a Xoel López para o San Froilán. O coruñés é incorpórase a un cartel onde os ritmos urbanos estarán representados por unha das artistas que máis a están a triunfar neste ámbito, a catalá Lia Kali. Eses sonos, pero con matices punk e rock, son tamén os dos madrileños Biznaga, confirmados tamén para este San Froilán.
Nomes consagrados e voces emerxentes da escena musical subirán aos escenarios das patronais lucenses, que tamén confirman a Guadi Galego, Vera Fauna, Lucía Pérez ou El Consorcio
Música de xénero e éxito conflúen tamén nas Bala, a banda de rock da coruñesa Ánxela Baltar e a lucense Violeta Mosquera que triunfa dende hai unha década cos seus ritmos grunge stoner e punk. Con ritmos ben diferentes que amosan a diversidade da música galega actual chegarán ao San Froilán os concertos de Guadi Galego e mais de Lucía Pérez.
O indie dos andaluces Vera Fauna, a fusión de jazz, flamenco e ritmos caribeños de Patáx e mais os temas clásicos de El Consorcio completan o avance dun cartel musical do San Froilán 2025 de cuxo programa, sinala o Concello de Lugo, aínda restan moitos detalles por coñecer. "Todas as veciñas e veciños de Lugo atoparán unha actividade do seu gusto", coida Ferreiro.
O feito de que o calendario deste 2025 sitúe o festivo local do Día de San Froilán -5 de outubro- en domingo e por extensión, o Domingo das Mozas cadre no 12 de outubro, xornada de remate das festas, favoreceu a decisión do Concello para que dous dos imprescindibles da celebración, o recinto feiral e as casetas do polbo, amplíen as dúas datas. En ambos casos abrirán dende a fin de semana previa ao inicio oficial das programación festiva, o venres 26 de setembro.