Fuxan os Ventos regresan para dous concertos no 'seu' auditorio de Lugo

Membros de Fuxan os Ventos, con Maite Ferreiro e Rubén Arroxo, este 5 de maio ante o auditorio de Lugo que leva o nome do grupo © Concello de Lugo

A finais de 2024 a cidade de Lugo estreou o seu novo auditorio tras anos de espera. Por votación popular, o novo recinto cultural no barrio de Magoi leva o nome de Fuxan os Ventos. E será alí, no seu auditorio, onde a emblemática formación regrese aos escenarios para dous concertos que se prevén memorables

Será o xoves, 5 de xuño, ás 20:30 e o domingo, 8 de xuño, ás 20:00, cando as voces de Fuxan volvan soar nun escenario lucense. Volven para un espectáculo coas inevitables ausencias provocadas polo tempo, pero tamén coa compaña de dous proxectos musicais que dan a man ao grupo histórico dende a escena galega máis actual: Faia e De Ninghures.

Pepe Vázquez, Xoán Fuertes, Carmen Vázquez e Maruxa Fociños, de Fuxan os Ventos, en rolda de prensa con Maite Ferreiro e Rubén Arroxo presentando os concertos © Concello de Lugo

"Volver a Lugo, á casa, e cantar neste auditorio é un soño. Queremos compartir co público todo o que a música nos deu durante máis de cinco décadas", explican dende Fuxan os Ventos, cuxos membros se manifestan "súper agradecidos". "Nunca soñamos poder chegar a que houbese un auditorio que levase o nome de Fuxan". Dalgunha maneira, coidan, "é o culmen do recoñecemento ao noso traballo".

Os días 5 e 8 de xuño o histórico grupo ofrecerá senllos concertos no recinto cultural lucense que leva o seu nome coa compaña de Faia e De Ninghures: "É un soño, que remos compartir co público todo o que a música nos deu durante máis de cinco décadas"

"A nivel individual estamos encantados", admiten, se ben en Fuxan os Ventos len a dedicatoria do nome do auditorio e estes concertos especiais como un "recoñecemento ao traballo que Fuxan pretendeu facer" en torno á música popular, "que foi o piar no que se apoiou" a súa andaina artística. Máis aínda no ano no que o Día das Letras Galegas homenaxea a música popular.

A concelleira de Cultura da capital lucense, Maite Ferreiro, encadra a programación destes concertos nunha aposta por que "Lugo sexa referente a música galega". Neste sentido, a edil subliña que "estes concertos non só celebran unha traxectoria, senón tamén a remuda xeracional, coas voces de Faia e De Ninghures enriquecendo o escenario".

Fuxan os Ventos, actuando no Palacio Municipal dos Deportes de Lugo en 1973 © Fuxan os Ventos

Rubén Arroxo, tenente da alcaldía, admite que "é un orgullo anunciar estes concertos aquí, no auditorio que leva o nome dun grupo que forma parte da alma cultural de Lugo e de Galiza". "Fuxan os Ventos non é só música, é identidade, memoria e resistencia cultural", resalta.

As entradas saen á venda este 9 de maio ás 16:00

As entradas para os dous concertos de Fuxan os Ventos no auditorio lucense sairán á venda este venres, 9 de maio, ás 16:00 na plataforma de venda de localidades do Concello, cun prezo único de 10 euros. Estarán tamén dispoñibles no centro cultural do Vello Cárcere e na Oficina de Turismo.

Estes concertos chegan tres anos despois de que Fuxan os Ventos celebrasen o seu 50 aniversario, efeméride en torno á que recibiron diversos recoñecementos. Tamén serviu para percorrer a súa historia a través dunha exposición itinerante cuxo catálogo virou en libro, impulsado polo Consello da Cultura Galega e dispoñible para a súa libre descarga.

Nos últimos anos en torno a Fuxan houbo que lamentar despedidas dolorosas por mor do falecemento dun dos seus membros, Moncho Díaz, en febreiro de 2023. O grupo homenaxeou a súa memoria cunha vanción inédita, Eu en ti, o poema de Celso Emilio Ferreiro musicado por Xoán Fuertes. O pasado 2024 faleceu tamén o crego Xesús Mato, fundador do grupo en 1972.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.