"Fuxan os Ventos constitúe un proxecto histórico, referendado non só pola crítica e o propio sector musical, senón ademais polo gran público. A súa música chegou a milleiros de persoas e puxo a canción en galego en boca de varias xeracións", destacan Músicas ao Vivo
Hai 50 anos, en outubro de 1972, nacían Fuxan os Ventos no seo do Colexio Menor do Santísimo Sacramento de Lugo. O grupo participou co nome de Folk 72 no III Festival musical das San Lucas de Mondoñedo, onde gañaron o primeiro premio co tema "Fuxan os ventos", que pasou a dar nome á formación a partir dese momento. Músicas ao Vivo, entidade organizadora dos Premios Martín Códax, vén de anunciar que o galardón honorífico dos Premios da Música Galega recoñecerá este ano á traxectoria da banda, coincidindo coa conmemoración do seu primeiro medio século de vida.
“Non foi o único grupo galego cun alto compromiso social da época, pero si o que máis éxito acadou, chegando non só á intelectualidade galega vencellada á canción protesta e aos cantautores senón tamén á Galicia de orixe rural”, subliñan dende Músicas ao Vivo, que destacan que "Fuxan os Ventos constitúe un proxecto histórico, referendado non só pola crítica e o propio sector musical, senón ademais polo gran público. A súa música chegou a milleiros de persoas e puxo a canción en galego en boca de varias xeracións". O galardón entregarase na gala dos 9º Premios Martín Códax da Música o vindeiro 5 de outubro no Pazo da Cultura de Pontevedra, onde tamén se proxectará un vídeo con entrevista e homenaxe á banda.
O galardón entregarase na gala dos 9º Premios Martín Códax da Música o vindeiro 5 de outubro no Pazo da Cultura de Pontevedra, onde tamén se proxectará un vídeo con entrevista e homenaxe á banda
O galardón honorífico dos Martín Códax 2022 pon de relevo "o significado que a música de Fuxan os Ventos tivo para a sociedade galega" cun repertorio que foi camiñando do folk á música popular coa prevalencia dunhas letras “ben propias ou de poetas, que abrangueron temáticas moi amplas, en ocasións reivindicativas con temas como a emigración, a autonomía, a ecoloxía e a pobreza, ou recolledoras dunha tradición oral coa que tivo intenso contacto o grupo”. Dende 1972 o seu repertorio incluíu composicións propias, da tradición popular e adaptacións de temas poéticos de Manuel María, Darío Xohán Cabana, Marica Campo e Celso Emilio Ferreiro, entre outros.
No ano 2008 a formación regresou aos escenarios coa xira “Terra de soños”, que daría lugar a un novo disco publicado ao ano seguinte
O seu maior éxito discográfico foi Sementeira, publicado en 1979, aínda que tamén destacan Fuxan os ventos (1976), O tequeletequele (1977), Quen a soubera cantar (1981) ou Noutrora (1984). Na súa traxectoria ofreceron centos de concertos en Galicia e fóra do país, chegando a Cataluña, País Vasco, Lisboa, Bruxelas, París, Zürich, Brest, e mesmo participando en dúas edicións do Festival Intercéltico de Lorient en 1978 e 1979.
A comezos de 1983 saíron do grupo Xosé Luís Rivas Cruz “Mini” e Baldomero Iglesias Dobarrio “Mero”, que fundarán A Quenlla, e Fuxan incorporou un trío de música tradicional, detendo a súa actividade en 1989. Porén, no ano 2008 a formación regresou aos escenarios coa xira “Terra de soños”, que daría lugar a un novo disco publicado ao ano seguinte.
O 22 de outubro inaugurarase no Vello Cárcere de Lugo unha exposición que conmemora os cincuenta anos de Fuxan os Ventos
Na actualidade integran Fuxan os Ventos: Antón Castro, zanfona, mandolina, voz, Xosé Vázquez, percusión tradicional e voz, Pedro Lucas, gaita, frautas e voz, Xoán L. Fuertes Saavedra, buzuki, guitarra, violín e voz, Carmen Vázquez, voz, Tereixa Novo, voz, Maruxa Fociños, voz, Alfonso Fernández, voz, e Moncho Díaz, voz, guitarra, frautas.
Exposición en Lugo
Ademais, o vindeiro 22 de outubro inaugurarase no Vello Cárcere de Lugo unha exposición que conmemorará os cincuenta anos de Fuxan os Ventos. A mostra, comisariada pola viguesa Sabela Fraga, será unha co-produción da Xunta de Galicia, a Deputación de Lugo e o Concello de Lugo, coa colaboración do Consello da Cultura Galega. Poderá visitarse ata o xaneiro de 2023.
A exposición estará composta por unha escolma de pezas que fará un percorrido pola cronoloxía de Fuxan os Ventos, dende a súa primeira actuación na terceira edición das San Lucas de Mondoñedo, no ano 1972, ate a actualidade, amosando o seu universo creativo e tamén o compromiso social e político que sempre caracterizou o grupo.
A exposición estará composta por unha escolma de pezas que fará un percorrido pola cronoloxía de Fuxan os Ventos, dende a súa primeira actuación na terceira edición das San Lucas de Mondoñedo, no ano 1972, ate a actualidade
As pezas, imaxes e paneis, que forman parte do arquivo persoal dos propios membros do grupo, darán conta do contexto no que nace o grupo, os discos publicados, os numerosos concertos ofrecidos tanto dentro como fóra de Galicia, os seus referentes literarios, a composición e arranxos das músicas e tamén a súa relación coa tradición oral e a música tradicional.
A histórica formación, ademais da web fuxanosventos.gal, mantén actividade nas redes sociais nas que está a celebrar o 50 aniversario con imaxes, diferentes materiais e informacións das cinco décadas de andaina.