'Fuxan os Ventos. 50 anos de historia' é a exposición inaugurada en Lugo coa que o mítico grupo reúne a súa historia, parella á de Galicia, con máis de 500 actuacións documentadas, cancións que non pasaron a censura e anécdotas como as que lembran para Praza Tereixa Novo e Pedro Lucas
A historia de Fuxan os Ventos foi parella á de Galicia desde aquel primeiro concerto no ano 1972, antes da chegada da democracia, ata a actualidade, pasando pola aprobación do Estatuto de Autonomía. "Recoñezo que cando comezamos o único que tiña eran ganas de cantar, tiña pasado horas e horas cantando diante dun espello grande que había nun armario da miña casa, pero pouco a pouco fomos tomando conciencia", lembra Tereixa Novo, que leva no grupo desde os inicios.
Fuxan os Ventos. 50 anos de historia é a exposición que quere celebrar esta data especial, pois aínda que xa non actúen con frecuencia, o grupo non está disolto. Foi inaugurada este mes de outubro coincidindo co 50 aniversario da data do primeiro concerto da formación de música galega no III Festival das San Lucas de Mondoñedo. Permanecerá no Vello Cárcere de Lugo ata o 22 de xaneiro, cando esperan que comece unha xira polo resto de cidades do país, aínda que de momento só está confirmado o seu paso por Santiago.
"Cantar en galego era totalmente revolucionario, pero se lle tes amor ao país, non che queda máis remedio que actuar", asegura Tereixa Novo
A mostra foi ideada por varios membros de Fuxan os Ventos, a comisaria Sabela Fraga, a directora de arte Melania Freire e a coordinadora do proxecto Noa Díaz. Está integrada por unha gran diversidade de formatos: carteis de actuacións de todos os anos, fotografías, recortes de prensa, libros de poetas, manuscritos, os propios discos, vídeos e audios. E 50 anos despois, incluso algúns inéditos, como é o caso da canción O corvo, recollida nunha maqueta do ano 1975, pero que non pasou a censura e o grupo non chegou a editala nunca.
"Cantabamos de todo, desde folk universal a cancións galegas de festa, cancións que sabiamos cada unha de nós e que cantabamos ente todos... Así era nos comezos. Pouco a pouco fómonos decantando ao ser conscientes de que viviamos nun país no que había unha tremenda ditadura. Os anos do posfranquismo e da Transición foron realmente complicados tamén, pero vas tomando conciencia e nós, ao ser fundamentalmente todos do rural, estabamos moi preto de determinadas situacións e coñeciamos o caciquismo que nos invadiu sempre. Cantar en galego era totalmente revolucionario, pero se lle tes amor ao país, non che queda máis remedio que actuar, e para nós a primeira maneira de actuar politicamente foi intervir a través de Fuxan os Ventos", asegura Tereixa Novo.
"Sinto moitísimo pensar que a inmensa maioría das cancións de Fuxan os Ventos seguen tendo hoxe vixencia", di Tereixa Novo
"Queriamos que a situación de Galicia cambiara e todo iso o relataban as nosas cancións", explica Novo, que liga tamén o percorrido de Fuxan os Ventos á normalización do galego e á defensa da cultura do país para que tivera "o pulo que merecía". Aquelas cancións falaban dos oficios, das festas, da emigración, de todo aquilo que era recoñecido e recoñecible para a xente do país. Temas que non quedan tan lonxe a día de hoxe. "Sinto moitísimo pensar que a inmensa maioría das cancións de Fuxan os Ventos seguen tendo hoxe vixencia", engade.
Aínda que o que si mudou foi o recoñecemento da música galega, da que Tereixa Novo certifica a súa boa saúde. Máis despois de recibir o galardón honorífico dos Premios Martín Códax da man da profesión. "Agora hai unha bagaxe de músicos e músicas con moitos coñecementos e experiencias, e con moita formación. Isto nótase, vense cousas moi interesantes. Pero ás veces é un pouco floritura, no sentido de que a nosa cultura non está enraizada no país; popularmente mírase cara a outras cousas e, sobre todo, os altofalantes –mesmo os medios de comunicación públicos deste país– non defenden a nosa cultura salvo raras excepcións", lamenta.
Fuxan os Ventos non quixo pasar a ser un grupo profesional (ou profesionalizado), os compromisos discográficos e o ritmo de actuacións dos anos oitenta provocaron que a formación frease e se establecese noutra dinámica moito máis pausada. "Eramos moitos e vivir da música sempre foi complicado, pero por outro lado, nós tiñamos unhas expectativas reais dun futuro laboral, cousa que agora non hai na mocidade da idade que nós tiñamos daquela. Tiñamos a posibilidade de vivir do traballo que a cada un, vocacionalmente ou por outros motivos, lle satisfacía", conta Tereixa Novo.
"Ti falas coa xente e lle preguntas como escoitaba a Fuxan e a maioría cóntanche que o facían no coche cos pais ou cos avós", sinala Pedro Lucas
En 1983 entrou no grupo Pedro Lucas, músico compostelán, que xa era admirador de Fuxan. "A primeira vez que os vin en directo foi no palco da música de Santa Cruz de Rivadulla e impactáronme moitísimo as voces das mulleres, ver tocar unha zanfona e a presenza e a seguridade que transmitían", rememora, como tamén lembra esa primeira actuación na participou, con 19 anos, e Manuel María na primeira fila. Na exposición pode verse esa relación do grupo con persoas clave da cultura como o poeta de Outeiro de Rei, Marica Campo ou Darío Xohán Cabana.
Os nove membros actuais do grupo –Antón Castro, Xosé Vázquez, Pedro Lucas, Xoán L. Fuertes Saavedra, Carmen Vázquez, Tereixa Novo, Maruxa Fociños, Alfonso Fernández e Moncho Díaz– actuaron na inauguración da mostra no Vello Cárcere. O último gran proxecto do grupo foi Terra de soños, do que xa van catorce anos, que os levou de volta aos escenarios cun directo con colaboracións especiais e novos arranxos nas cancións.
"Hai moitas cousas que queremos ensinar nesta exposición, que poden parecer obvias, pero algo fundamental para Fuxan foi o casete. A transcendencia que tivo, como soporte mediático, é algo que non ten nada que ver con calquera outro. Ti falas coa xente e lle preguntas como escoitaba a Fuxan e a maioría cóntanche que o facían no coche cos pais ou cos avós. É así, o dos vinilos tamén estaba aí, pero era moito máis caro. O casete popularizou a música, e machucabas as cancións de tanto escoitalas", debulla Pedro Lucas.
"Creo que a música galega podería ter moita máis dimensión fóra, sobre todo a vocal", salienta Pedro Lucas
Nesta exposición hai máis de 500 actuacións de Fuxan os Ventos documentadas, aínda que en realidade son moitas máis. "Percorremos o país desde todo tipo de escenarios. Eu lembro concertos en aldeas subido a un tractor ou en Castrelos diante de 20.000 persoas. Todas as grandes festas deste país querían a Fuxan: o Apóstolo, o San Froilán, a Peregrina... Tocamos en todos os grandes teatros e en mil vilas e aldeas", celebra Pedro Lucas.
"E en mil verbenas –engade– porque cando Fuxan xa se fixo tan popular que era como case unha atracción, chamábannos para todas as verbenas. E dígoo como un pouco apesadumbrado porque cantar alí con ruídos por todos lados era moi incómodo. Iso foi a partir do éxito de Sementeira e Carolina. Despois tamén apareceu outro mercado, o das salas de festas".
Despois de tantos anos, o que bota en falta Pedro Lucas é que non puideron aceptar as propostas para as xiras polo estranxeiro, pois estaban moi condicionados polos compromisos de cada un. "Creo que a música galega podería ter moita máis dimensión fóra, sobre todo a vocal; aquí sempre houbo ese complexo pola lingua pero penso que podería funcionar como vemos que pasa con outras linguas, e máis agora", apunta.