A música sufriu durante a pandemia. Sobre todo, as bandas e artistas sen grandes infraestruturas públicas ou privadas por tras para sostérenas nos tempos en que as actuacións ao vivo estiveron reducidas ao mínimo ou directamente vetadas. Hai un ano, o sector ollou con esperanza ao mundo pos-COVID na entrega dos seus premios. Este 2022, outra volta en Pontevedra, a entrega da novena edición dos Premios Martín Códax da Música celebrou todas as músicas cuns grandes protagonistas en forma de homenaxe: Fuxan os Ventos.
A gala, celebrada no auditorio do Pazo da Cultura e conducida pola actriz e guionista lucense Carmen Conde (Tarabela Creativa) virou o recinto nunha festa popular. A charanga nicrariense Mekanika Rolling Band foi a encargada de poñer banda sonora ante a escenografía deseñada por Bieito Miranda nun evento que ben cedo se entrecruzou cunha das grandes festas populares do país, o San Froilán. No primeiro día grande das festas lucenses, uns dos primeiros premiados da noite non puideron acudir a recoller o galardón: tratábase de Airiños da Freba, distinguidos como mellor proxecto de música tradicional e a esa hora estaban, precisamente, tocando nas patronais lucenses.
Os Martín Códax retrataron, como adoito, un país de músicas diversas. De Sheila Patricia (Músicas do Mundo e Mestizaxe) á Banda Unión Musical de Meaño, na categoría de Bandas de Música Popular. Dende Os d'Abaixo, en Folk, a un dos grandes protagonistas da escena actual da música galega, Grande Amore, o proxecto musical de Nuno Pico, gañador na categoría de música electrónica.
Da electrónica de Grande Amore ao blues de Nastasia Zürcher, do indie de Néboa ás artistas do proxecto Descúbreas, os galardóns promovidos por Músicas ao Vivo volven amosar a diversidade do sector musical galego
O jazz de Xosé Miguélez 4tet, o rock dos Familia Caamagno, o metal de Grima ou o blues de Nastasia Zürcher levaron tamén premios nunha noite na que as músicas urbanas estiveron representadas a través de Rebeliom do Inframundo e as dedicadas ao público infantil, por Mamá Cabra. A entrega chegou á súa fin coa distinción á orquestra América de Vigo, o premio de pop e indie para Néboa e o galardón a Samudra Trío en música clásica contemporánea.
O sector vai volvendo á normalidade e tamén o fan os propios premios, que na súa categoría Organistrum (os dedicados a salas e outros proxectos) sinalaron o proxecto Descúbreas da Deputación de Pontevedra, para impulsar a participación das mulleres no sector da música, a Arca da Noe de Vilar de Santos (salas) e o Festival de Ortigueira. Ademais, as novas categorías de Artista Emerxente e Artista do Ano recaeron en Nastasia Zürcher e Antía Muíño.
Fuxan os Ventos ergueron o público ao son de 'Sementeira' para recolleren o Premio Honoríico: "Non foi o único grupo galego cun alto compromiso social na época, pero si o que máis éxito acadou"
Todas as bandas e artistas premiados recibiron o aplauso do público. Pero, se cadra, o maior foi o que levaron Fuxan os Ventos, Premio Honorífico de 2022, entregado polo presidente das Adegas Martín Códax, Xoán Allegue.
"Non foi o único grupo galego cun alto compromiso social da época, pero si o que máis éxito acadou, chegando non só á intelectualidade galega vencellada á canción protesta e aos cantautores senón tamén á Galicia de orixe rural", destacaron dende Músicas ao Vivo, que renovan directiva (Xiana Lastra, presidenta saínte, presentou á nova directiva). Os actuais compoñentes da banda lograron erguer o público das súas cadeiras para cantaren a coro a emblemática Sementeira en compaña da Mekanika Rolling Band.