A igualdade entre sexos está lonxe de acadarse no mundo da música. A pesar dos avances dos últimos anos e das apostas realizadas por algúns eventos, os homes seguen a ser clara maioría nos carteis da maioría de festivais e tamén son máis os concertos dos grupos e artistas masculinos, con porcentaxes por riba do 80%. O mesmo sucede co persoal non artístico, profesións nos que as mulleres moitas veces teñen un acceso máis difícil.
O programa busca visibilizar a todas as mulleres que traballan na industria musical: artistas, pero tamén sonidistas, produtoras, representantes ou programadoras.
Segundo datos das Nacións Unidas, na lista das 600 cancións máis populares entre 2012 e 2017, só o 22% foron interpretadas por mulleres, e só o12% creadas por compositoras. En Europa as compositoras rexistradas suman apenas un 20%. En EEUU só o 15% das discográficas son propiedade maioritaria de mulleres; en Canadá, apenas un 7% do persoal de vendas e desenvolvemento da industria son mulleres.
Descúbre-as é un programa da Deputación de Pontevedra que busca visibilizar a todas as mulleres que traballan na industria musical: artistas, pero tamén sonidistas, produtoras, representantes ou programadoras. A plataforma permite intercambiar experiencias, compartir coñecementos e buscar sinerxías, a partir da "colaboración, o compañeirismo e a diversión".
O programa offrece programa de mentoría, realizada por persoal especializado e cunha duración de dous meses, para o que se seleccionarán 8 mozas da provincia entre 16 e 26 anos
Entre as actividades que Descúbreas está a levar a cabo está o seu programa de mentoría, realizada por persoal especializado e cunha duración de dous meses. A Deputación de Pontevedra lanzou hai dez días a convocatoria para seleccionar 8 mozas da provincia que teñan entre 16 e 26 anos. O programa conta con bolsas, dun valor estimado de mil euros cada unha, coas que as mozas terán acceso a un itinerario individualizado no que se lles realizará un seguimento pormenorizado. Este percorrido culminará coa gravación dunha canción propia en estudio así como coa gravación e realización dun vídeo-clip.
Destaca tamén o achegamento de recursos formativos, que comezan cunha serie de video-tutoriais para que "as nenas e mozas poidan aprender como manexarse inicialmente na industria musical". Entre os vídeos que xa se poden ver está un dedicado, precisamente, ao funcionamento da industria musical, outro sobre o "negocio das cancións" e o camiño que percorren. Outro dos vídeos proporciona trucos para realizar gravacións caseiras, cada vez máis estendidas en todos os xéneros. O último vídeo publicado está dedicado a ofrecer consellos para a gravación dun vídeo musical.
A web acolle un foro de consultas online co asesoramento de músicas profesionais; e tamén un directorio de contactos de mulleres da industria musical da provincia de Pontevedra e de Galicia para crear rede
A web do programa inclúe novas protagonizadas por artistas femininas do ámbito local e internacional; entrevistas a mulleres do sector que falan das súas inquedanzas e vivencias; unha axenda de eventos e concertos; contidos transversais para que as mozas poidan decidir como achegarse á música; un foro de consultas online co asesoramento de músicas profesionais; e tamén un directorio de contactos de mulleres da industria musical da provincia de Pontevedra e de Galicia para crear rede.
Descúbreas pretende igualmente "servir de lanzadeira de ideas e iniciativas vinculadas ao talento musical feminino", co obxectivo de organizar nun futuro obradoiros, charlas, campamentos, concertos ou mini-festivais.
No marco de Descúbreas tamén se levan a cabo espazos de debate, baixo o título de 'Conversa e descobre'
No marco de Descúbreas tamén se levan a cabo espazos de debate, baixo o título de 'Conversa e descobre'. O pasado 20 de marzo tivo lugar a primeira destas sesións, na que participaron dúas rapazas cantantes, Mariña Paz, a voz de Furious MonkeyHouse, e Susana Saavedra, voz e percusión de Agoraphobia; unha manager e produtora de concertos como Patricia Hermida; e Raquel Seijo, de “Swit Nocturna”, unha das poucas promotoras en España e presidenta de Festivais de Galicia. Todas elas visibilizaron as dificultades que, como en moitos outros ámbitos, sofren as mulleres que desenvolven a súa actividade na industria da música.
"Hai cousas frustrantes porque as mulleres sempre temos que demostrar que o facemos ben. A eles non se lles cuestiona iso"
"Hai cousas frustrantes porque as mulleres sempre temos que demostrar que o facemos ben. A eles non se lles cuestiona iso", denunciou neste debate Mariña Paz. Unha idea que reiterou Raquel Seijo: “Creo que debemos quitarnos a losa de que sempre temos que estar a demostrar. Nos estamos auto impoñendo unha autoexisencia que xoga en contra nosa”. E tamén Patricia Hermida: “Pesa moito esa necesidade de ter que mostrar que estas ao nivel e por enriba conciliar, seguir formándote e defender unha empresa”.
A mánager Patricia Hermisa esixiu tamén o cumprimento da lei de igualdade “tamén no noso sector. Necesitamos que as administracións cumpran con esa fiscalización”. E, finalmente, animou ás rapazas “a que busquen referentes". "Con plataformas como Descúbreas hai lugares para acudir e hai unha grande sororidade. Estamos aliñadas e dispostas a demostrar que queremos este espazo ao que non imos a renunciar”, dixo.