Mulleres na industria musical: A forza que sae de ter que demostrar o dobre

Teresa Cuíñas e María Xosé Silvar, 'Ses' CC-BY-SA Praza Pública

Nun panorama tan dividido polo culto ao estilo ou o xénero musical, chamaba a atención ver no mesmo cartel a artistas tan distintas como a cantautora Sés, a baterista de jazz Naima Acuña, a Mar Catarina (Esposa) ou a DJ Cora Novoa. O que as xuntou o pasado sábado no Teatro Colón da Coruña é o que teñen en común: son mulleres galegas traballando na música, un mundo dominado polo patriarcado, tanto coma outros ou máis. Para conversar e compartir experiencias estiveron na xornada Mulleres e Música que organizou a Deputación da Coruña dentro do programa A cultura é un dereito. O que se acabou partillando, ademais de boa música, foron ideas e tamén emocións: medos, frustracións e inseguridades que talvez non se verbalizarían nun evento protagonizado por homes, pero tamén moita forza: se as mulleres teñen que traballar o dobre para demostrar que valen, pois mans á obra. Ese dobre esforzo acaba supoñendo un empoderamento que xa non ten volta atrás. E alí o contaron todas estas profesionais.

Se as mulleres teñen que traballar o dobre para demostrar que valen, pois mans á obra. Ese dobre esforzo acaba supoñendo un empoderamento que xa non ten volta atrás

A xornada abriuse pola maña cunha mesa redonda moderada pola xornalista Diana López Varela, na que participaron a música Guadi Galego, a historiadora Lorena López Cobas (autora da Historia da Música en Galicia que publicou Ouvirmos no ano 2013) e Julio Gómez, director do festival Sinsal. Abordaron deste distintas perspectivas a desigualdade e o machismo ao longo da historia da música, na que moi poucas mulleres conseguiron facer da súa actividade musical algo que transcendese a esfera pública, mais alá do ámbito doméstico ao que parecía estar reservada. Hildegarda von Bingen no século XII, Barbara Strozzi no Barroco do século XVII, ou Fanny Mendelssohn, compositora e pianista eclipsada polo éxito do seu irmán Félix, a quen se dicía que lle compuña as obras asinando cun só F., que todo o mundo lle atribuía a el.

Guadi Galego comezou na música tomo instrumentista: tocaba a gaita e o piano, porén, en canto a chamaron para formar parte de Berrogüetto "tiña que cantar, non se concibía ter unha muller nun grupo que non cantase. E tiven que aprender a facelo porque non tiña nin idea". Así contaba a súa entrada con vinte e poucos anos nunha banda "que non só era de homes, é que eran o dream team da música folk" e da que marchou ao cabo dunha década, en 2008, cando "aprendín a cantar e decateime de que quería usar a voz para dicir o que eu sentía". Hoxe lidera a súa propia banda con catro músicos máis, "todos homes e todos feministas", cos que leva xa tres discos longos e vén de publicar un novo EP, Bóla de Cristal. O pasado 17 de maio puidémolos ver actuar canda Pablo Novoa no programa Late Motiv, de Buenafuente.

O Festival Sinsal Son Estrella Galicia, que se celebra na Illa de San Simón desde hai sete anos, é dos poucos que tratan de cumprir na súa programación criterio de igualdade e de diversidade, unha presenza de mulleres bastante por riba da media no sector. No ámbito estatal, os principais festivais de música non chegan ao 12% de presenza feminina nos seus carteis, mentres que en Galicia esta cifra sobre a penas ao 14%, segundo datos recentes. Para Julio Gómez, codirector do Sinsal, a chave está en facer festivais de concepto, cun comisariado musical no que se se busca a diversidade e se se sae das limitacións da ollada eurocentrista, atopas moitas manifestacións musicais lideradas por mulleres, que de forma natural encaixan na programación. O problema é que "a maioría dos festivais de música están atados a determinados xéneros, como o rock, que son predominantemente masculinos, e que a moitas mulleres directamente non lles interesa facer". Con todo, en xeral nos festivais de música a rock e indie a asistencia de mulleres adoita ser de máis do 50%. Como público, estamos aí. 

Mesa redonda con Guadi Galego, Lorena López Cobas, Julio Gómez e Diana López Varela CC-BY-SA Praza Pública

A sesión da tarde protagonizárona mulleres que se dedican á música en distintas posicións: artistas, programadoras, técnicas de produción... A xornalista Teresa Cuíñas conduciu unha conversa con María Xosé Silvar, Ses, que non tivo desperdicio. Con 5 discos no seu haber, preto de 25 mil fans en Facebook e himnos como “Tempestades de sal” ou “Non son fada”, Sés é todo un fenómeno musical e mesmo social no noso país. Un éxito que pelexou a base de talento e de facerse respectar no medio de moita hostilidade e machismo, e que aínda pelexa no día a día. "Hai noites que volvo para a casa chorando de rabia por todas as cousas que teño que soportar por ser muller", contou Ses con amargura. "Tes que aturar moitas faltas de respecto. Que me veñan preguntar quen me fai as letras, quen me fai os arranxos, por que vou vestida así… cousas que non se lles ocorre preguntarlle a un músico". Por riba, di Ses, "cando te queixas de todo isto parece que vas de vítima, e eu de vítima non teño nada. Oxalá non fose verdade o que conto, pero teño que lidiar con esta realidade todos os días. E teño que caer mal, como calquera muller que ten un posto de responsabilidade. Eu hai xente á que lle caio mal polo simple feito de ser unha tipa seria. Aos homes non lles pasa".

Ses: "Tes que aturar moitas faltas de respecto. Que me veñan preguntar quen me fai as letras, quen me fai os arranxos, por que vou vestida así… cousas que non se lles ocorre preguntarlle a un músico"

Diante desta loita diaria e esgotadora "teño dúas opcións: volverme máis punki ou deixalo todo», confesaba Ses, engadindo que «se non fose polas catro mozas de 15 anos que vexo diante do palco coa camiseta de Non son fada, rapazas con sobrepeso que sei que son carne de canón, e que se ven identificadas na miña música, xa o tería mandado todo á merda". Con esta contundencia Silvar reivindicou esta fraxilidade «que temos as persoas sensibles, aféctanos o que nos rodea e por iso facemos cancións ou o que sexa», e que é a outra cara da seriedade coa que traballa e da rabia que manifesta no seu discurso.

MJ Pérez, no escenario de 'Mulleres na Música' CC-BY-SA Praza Pública

Poucos referentes e moita guerra por dar

A continuación foi a quenda de varias traballadoras da música, que compartiron as súas experiencias, nun panel co título Cando a vida che dá un martelo, e que presentou a xornalista Marta García Márquez. Por alí pasou outra cantautora, MJ Pérez, que con 26 anos ten xa 3 discos publicados, e que apostou pola autoedición para dar a coñecer a súa música. O seu último traballo, Casandra, débelle o título a un mito grego co que se identifica "porque eu tamén me sinto un pouco tola". A de Arzúa, quen di que os estudios de produción audiovisual lle deron ferramentas para pór en marcha a súa carreira, decidiu crear ela soa a súa propia traxectoria coa máxima de non se por trabas a ela mesma, pois "xa as poñerá o camiño". E está orgullosa súa aposta, que empezou por gravar os seus primeiros discos na casa e o terceiro xa é un disco de estudio, cunha banda, que está a mover por palcos de todo o país mentres pon o compás mirando a Portugal. "Tecer unha ponte cultural entre Galicia e Portugal é o meu soño", comenta, mentres anima as presentes: "Hai moita guerra por dar".

Cecilia Carballido: "Non lle digamos á xente que facer as cousas é máis difícil por ser muller. Farémolo diferente porque somos diferentes, pero temos que confiar en nós mesmas. Se non nos enfrontamos aos retos non facemos o camiño"

Cecilia Carballido é unha das socias de Cunde, unha cooperativa dedicada á distribución,  produción e xestión de espectáculos e doutros proxectos culturais. Tamén fan representación de artistas e levan a Sés, entre outros. Así que esta matemática de carreira e produtora de vocación ("o meu martelo é unha folla de Excel") pode dar fe das situacións machistas que viviu a cantante e ela mesma: "Recoñeces as situacións de machismo polo ridícula que te sentes ao ter que defenderte nese momento". O seu mecanismo é demostrar a súa valía traballando, nun posto de produción que adoita ser invisible e só se nota cando falla, que é facer que todo funcione e ter capacidade para resolver problemas. "Non lle digamos á xente que facer as cousas é máis difícil por ser muller. Farémolo diferente porque somos diferentes, pero temos que confiar en nós mesmas. Se non nos enfrontamos aos retos non facemos o camiño", concluíu.

A leonesa Yolanda Villa leva 18 anos á fronte da sala Mardi Gras da Coruña. Confésase unha música frustrada que adoraba o directo e puxo en pé o primeiro local de cidade pensado ex profeso para ser unha sala de concertos. Conta que hai poucas programadoras e xefas de sala no panorama estatal, polo que está máis que afeita a que cando entran os músicos pola porta lle pregunten polo xefe. Pero tamén se gaba de ser unha das salas mellor consideradas no circuíto musical, segundo ela porque "tratamos ben a xente e somos puntuais". Celebra "a cantidade de xente nova que está a facer cousas" e está encantada de por a súa experiencia ao servizo das que empezan, mentres que confía no asociacionismo: "é fundamental estarmos xuntas". 

Cecilia Carballido, unha das socias de Cunde CC-BY-SA Praza Pública

Villa é socia fundadora da Asociación de Mujeres en la Industria de la Música (MIM), que naceu en 2016 para velar polo cumprimento da igualdade efectiva de mulleres e homes neste sector. Presentouna a continuación nunha ponencia Tamara Rodríguez, profesional da xestión e comunicación empresarial, que forma parte moi activa de MIM e que deixou claro que o obxectivo principal da asociación é "desaparecer, que o noso traballo xa non teña razón de ser". Iso significará ter chegado a unha situación de igualdade na industria musical que aínda está moi lonxe. As súas tarefas máis inmediatas teñen que ver co asesoramento e a elaboración de estudios "para ver a foto real de como estamos as mulleres na música", ao tempo que propoñen actividades de formación e capacitación para rapazas novas, en colaboración con concellos e outras institucións. Só 22 persoas en Galicia forman parte polo de agora de MIM, que ten 200 socios e socias en todo o Estado.

Mar Catarina: "Toda a música que me gustaba facíana bandas de homes, como Nirvana, Blur, Pixies… non tiña ningunha referente feminina ata que vin a D’arcy, a baixista dos Smashing Pumpkins, ou a Sofia Coppola no audiovisual"

Mostrarlles ás rapazas que hai outras mulleres facendo música é algo moi necesario, tal como contou Mar Catarina, teclista do grupo Esposa, que cando era pequena non tiña referentes: "Toda a música que me gustaba facíana bandas de homes, como Nirvana, Blur, Pixies… non tiña ningunha referente feminina ata que vin a D’arcy, a baixista dos Smashing Pumpkins, ou a Sofia Coppola no audiovisual. E daquela empecei a preguntarme por que non había mulleres da miña idade e cos meus referentes que fixesen cousas en galego". Mar Catarina tomou contacto coa escena do Galician Bizarre, que xuntaba bandas de vilas como Valga, Chantada ou O Grove, que se agruparon en torno ao rock e ao punk a través de MySpace: "había 30 bandas, das que só 9 tiñan algunha integrante muller".

"Non hai nada como ver outras mulleres facendo as cousas que ti queres facer para poder superar os teus propios medos"

Para ela é moi complexo analizar os motivos polo que isto sucedía: "é a escena a que nos exclúe a nós ou somos nós as que non queremos participar?". Un dos principais retos era ter que traballar o dobre para demostrar que vales, e ela púxose a traballar sacando partido ás súas dúas paixóns, a música e a fotografía: "Primeiro puxen a miña creatividade visual ao servizo das bandas, facéndolles fotos e deseños". Así creou o estudio PRENOM, que é ao tempo un selo e un laboratorio audiovisual. E despois meteuse a tocar en bandas como Cudevaso ou Jijiji porque quería ver mulleres enriba do escenario. Quixo convencer a outras, con pouco éxito porque tiñan moitas inseguridades, "pero empezaron a aparecer mulleres tocando en bandas que nos gustaban, como Isa de Triángulo de Amor Bizarro, María e Patuki de Franc3s, ou as Wild Balbina. Para min foron un referente fundamental e penso que é por aí por onde temos que seguir. Non hai nada como ver outras mulleres facendo as cousas que ti queres facer para poder superar os teus propios medos".

As artistas e profesionais participantes na xornada 'Mulleres e Música' © Deputación da Coruña

Como poden as administracións promover a igualdade na música?

Mulleres e música propúñase tamén deixar un pouso que fose máis alá da xornada do sábado, "fuxindo do carácter efémero deste tipo de actividades", tal e como explicaba unha das súas coordinadoras, Arancha Estévez. Así presentouse unha proposta elaborada por Belén Bermejo e promovida pola Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural (AGPXC) canda a asociación MIM, cun paquete de medidas para "combater o desequilibrio histórico da presenza das mulleres na industria da música", dirixida sobre todo a institucións que organizan ou financian actividades musicais.

É desde o sector público onde se poden facer efectivas estas medidas, como a introdución de cláusulas nas convocatorias de axudas a festivais que as condicionen á presenza de mulleres na programación e nos equipos de traballo, ou a que se eliminen manifestacións musicais que fomenten o sexismo

É desde o sector público, afirmaron, onde se poden facer efectivas estas medidas, como a introdución de cláusulas nas convocatorias de axudas a festivais que as condicionen á presenza de mulleres na programación e tamén nos equipos de traballo, ou a que se eliminen manifestacións musicais que fomenten o sexismo e a marxinación. Tamén se pide que se incentiven os proxectos que conten cunha política clara de igualdade, e que se garanta a paridade nas comisións, tribunais e xurados que conceden este tipo de axudas.

Ademais de actuar no ámbito das axudas, a proposta pide tamén que se promova a formación dirixida a mulleres, no cultural, no musical e tamén en cuestións de xénero, e que se promova a elaboración de e informes para coñecer mellor a situación. Segundo explicou Marián Fernández na presentación da proposta, a penas existen estudos que dean a coñecer a situación en canto a reparto laboral, a participación nas tomas de decisións, os casos de discriminación, a transmisión de estereotipos ou a construción de referentes femininos no sector.

A sucesión de relatorios e conversas complementouse cos concertos de Mounqup e Naima Acuña Trío, e rematou cunha sesión a cargo de Cora Novoa. Foi unha das poucas ocasións que tivemos para ver esta DJ ourensá afincada en Barcelona, que é unha das máis importantes representantes da música electrónica a nivel europeo, e que forma parte do cartel do vindeiro festival Sónar.

Un momento da xornada 'Mulleres e Música' CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.